01/04/19

CENSURA

Bernardo Penabade

Chéganos a noticia de que nun instituto de Cedeira foi censurada... unha exposición de poemas escritos polo alumnado durante un obradoiro realizado na biblioteca escolar!! A min non me estraña (porque procederes deste tipo xa teño visto moitos) e imaxino que a quen fixo a censura tampouco (porque facer iso parécelle normal). 
Hai uns días visitei un compañeiro que está de baixa por enfermidade. Contábame, con moita tristeza e algo de xenreira, que non só o ataca a doenza, senón que tamén leva meses resistindo os obstáculos que lle presentan desde os órgaos de xestión do propio centro. O colega, con trinta anos de experiencia, dicíame que tiña moitos problemas para organizar unha viaxe educativa ou para promover un simple obradoiro dentro do propio recinto escolar.
Uns días máis tarde, durante unha colaboración cunha escola doutra provincia, tamén presentaban un panorama idéntico: un conxunto de persoas con iniciativa, que se implican na dinamización dos centros escolares e na relación co ambiente que os rodea; unha maioría silenciosa; e un grupo "Gran Hermano" que centra a súa acción educativa en tarefas de fiscalización e xulgamento, para as que non fai falta moito esforzo físico nin intelectual.
O panorama ponse moi moi feo. En tempos de Inquisición sempre aparecen "persoas de orde" dispostas a tomar medidas que o propio Papa non tomaría (por aquilo do escrúpulo).
Teño a certeza de que hai moitos casos como os de Cedeira que non se coñecen publicamente e que hai moitos compañeiros e compañeiras que son ninguneados, obstaculizados e incluso "chamados a capítulo" desde o propio centro de traballo.
Vai sendo hora de tomar medidas colectivas para frear estas agresións.

Sem comentários:

Enviar um comentário