03/06/19

O MODELO BURELA DESDE A DISTANCIA (RELATIVA)

Dolores López Caión
(Traballadora da Sanidade pública)

Coñezo o Modelo Burela, porque vivín e vivo (aínda que xa non estea habitualmente na Mariña) o Modelo Burela. O Modelo Burela -a nosa forma de vida- non debería ser nada especial, mais desgraciadamente éo e síntome moi orgullosa cada vez que podo divulgar a súa existencia.
Cando comentas o caso de Burela, a xente queda bastante abraiada, sobre todo cando dis que os nenos que chegan de fóra de Galicia se esforzan por aprender a Lingua e que os pais acollen ben a iniciativa. Non é o habitual, desafortunadamente para a nosa lingua e para nós.
En Friol, onde vivimos, dáse moito un feito inquietante e que é significativo. Cando vou cos nenos pola rúa, cando entro no supermercado, cando estamos no parque, algunha xente cambia de lingua para falar con eles. Aínda que eu me dirixo aos nenos en galego, para que o terceiro se entere de que nós o empregamos, non son capaces de darse conta. Entendo que isto pasa porque teñen totalmente interiorizado que para falar coas crianzas hai que cambiar de lingua... E isto pasa en Friol, un lugar onde case todo o mundo fala en galego, no cole está moi presente a nosa Lingua (de momento) e o medio é rural... que pasará nunha cidade?

Sem comentários:

Enviar um comentário