04/07/19

OUTRO MODELO É POSIBLE

Pablo Álvarez Ramos
(Avogado)
Artigo tomado de: http://www.cronica3.com/ 

Estamos todos de noraboa. Burela, un municipio lucense de escasos 8 km. cadrados de superficie, coñecido por acubillar cuarenta nacionalidades e pola nutrida presenza da comunidade cabo-verdiana, é modelo.

Antepoño que escribo estas liñas desde a emoción e o afecto daquel que, aínda marxinalmente, se sente partícipe do modelo. Substitúo sisudas motivacións pola única de quen fala co corazón.

Nun tempo de profundos conflitos civilizacionais, do enésimo rexurdimento das vellas teimas de querer poñer cancelas ao campo, da manida escusa da procura de culpables alleos, nesa época a vila mariñá é un contra-poder, é modelo.

Vimos de saber que Edilson Sánchez Tavares, de 20 anos, chegado hai cinco á localidade lucense, é o primeiro mozo cabo-verdiano que supera o bacharelato e as probas de selectividade nos últimos 6 cursos.

Máis aló dun feito illado, a significación do suceso é xigante: reflexa a verdadeira integración que pasa irremediablemente pola formación, cualificación profesional e o crecemento socio-económico.

Unha sociedade xusta é aquela que premia a verdadeira meritocracia, a que da oportunidades a todos aqueles que teñen vontade de aproveitalas, a que gratifica o esforzo. Iso sempre vai no beneficio do conxunto.

A historia do noso protagonista ten unha dose adicional de épica: chegado tan só hai cinco anos a España, non só tivo que superar os obstáculos do desarraigo, académicos, da celeridade imposta de integración, senón que foi madurando coa súa nai mentres seu pai traballaba no seu país de orixe ou súa irmá facía o propio en Portugal. Non hai escusas para quen ten a vontade decidida de avanzar.
Pasando do concreto ao xeral, e deixando á marxe as circunstancias específicas do rapaz, o seu éxito concreta o triunfo dun modelo educativo inclusivo baseado na planificación lingüística e na diversidade cultural no marco da lusofonía.

Sabemos tamén que en datas recentes o Centro de Formación e Recursos de Burela impartirá un curso pioneiro sobre lingua e cultura de Cavo Verde, a idea cardinal do mesmo é fixar vínculos identitarios entre os mozos inmigrantes, a súa propia cultura e a cultura galega. Tamén coñecemos do galardón Mil Primaveras ao Modelo Burela impulsado polo IES Perdouro de dita localidade.

Xa temos unha metodoloxía, un modelo, e resultados obxectivos concretos: Edilson é a súa concreción. Agora só falta o recoñecemento entusiasta de toda a comunidade para darlle continuidade. Con este modelo non hai dúbida, gañamos todos.

Sem comentários:

Enviar um comentário