08/09/19

APRENDEMOS A VOAR NAS TERRAS DE FRIOL

Resultado da colaboración entre a Asociación Carballo Vivo e o Modelo Burela, o día 7 de setembro realizouse nas terras de Friol unha Xornada de Dinamización da Cultura e a Economía no Rural. En consonancia co lema do encontro, o desenvolvemento das actividades foi "Moi doado", o que facilitou a participación dun público heteroxéneo (con idades comprendidas entre os 6 e os 70 anos) tanto nun roteiro como nunha visita museística, nun obradoiro de recompilación documental e mesmo na gravación do documental que sintetizará todo o proceso desta primeira fase da intervención.
Imaxe da capa de E Xoel aprendeu a voar, de Marica Campo. Esta obra narrativa está
parcialmente ambientada na fortaleza de San Paio de Narla, a onde os protagonistas
se desprazan desde A Coruña nunha viaxe educativa con excelentes resultados

Pouco antes das nove da mañá a expedición da Mariña xa estaba en camiño en dirección a Friol, coa profesora Lorena Suárez Pazos na vangarda e con Matías Nicieza equipado con cámara, cabos, trípode, micros e unha complexa escaleta para completar. Ás 10:30, no punto de destino -a praza Andón Cebreiro, a un tiro de pedra da Rúa Rosalía de Castro e doutra magnífica praza con carballeira-, un nutrido grupo de participantes acompañaban a José Manuel Iglesias e Dolores López Caión -que se ocuparan de todos os pormenores da organización- e a Noelia Lamas, estudante na Escola de Imaxe e Son da Coruña e colaboradora de Matías Nicieza neste novo traballo audiovisual.

O primeiro destino foi a parroquia de Anafreita, onde os vehículos cederon o protagonismo ás pernas de maiores e crianzas, que nos dispuxemos a ascender pola aba da montaña primeiro en dirección a unha neveira do Mosteiro de Sobrado dos Monxes e despois en dirección ao bico da costa para coñecer "in situ" a Cova da Serpe, as lendas a ela asociadas e gozar coas impresionantes vistas. Só esta actividade sería un magnífico elemento central da visita, mais neste caso era un simple aperitivo.
En San Paio de Narla recibimos a primeira das leccións maxistrais. Estábamos nas mans de Francisca Abuín, "Paquita", guía do departamento de didáctica do Museo, toda unha garantía de éxito. Tras as palabras de benvida e unha excelente explicación inicial, percorremos todas as salas nunha visita interactiva que resultou curta e que nos obriga a recuncar, como debe ser.
Francisca Abuín en plena explicación na torre de Xiá. No lado dereito da imaxe está Dolores López Caión, unha
das organizadoras da Xornada de Dinamización


A comida fíxose na Casa Benigno. Excelentes produtos, excelente cociña e excelente servizo. Se chegase a incorporar o galego ao seu repertorio da comunicación escrita, entón o resultado sería autenticamente colosal.

Vista do momento de espera da sobremesa en Casa Benigno. O magnífico ambiente criado arredor
 da mesa levantou a admiración colectiva... "porque ninguén tivo dependencia da telefonía". Precisamente
por iso, tecéronse boas redes sociais


As actividades da tarde comezaron ao Grande, e non só porque Grande sexa o segundo apelido de Jesús e Carmela Sánchez, da Casa Terrón, comercio de referencia para toda a comarca no ramo dos electrodomésticos e as ferraxes.  Abríronnos as portas, vimos os expositores e o anfitrión explicounos en síntese a evolución da empresa ao longo dos máis de cen anos de actividade (1916-2019). O público puido participar activamente no coloquio e no proceso de gravación do documental.

Inmediatamente despois, chegou a sorpresa: ningún dos asistentes tiña participado nun obradoiro de temática patrimonial nun cemiterio. En só media hora fixemos moitas descubertas, desmontamos algúns preconceptos e incluso vivimos momentos emocinalmente moi intensos. Ninguén ficou defraudado.

Coa visita á Casa Bértolo, entramos de cheo no sector primario e fixémolo a ritmo frenético, sen deixar o ambiente de ternura nin por un minuto. Co equilibrio entre o ritmo frenético de Concha e o discurso didáctico de Xurxo, coñecemos dúas burriñas moi xeitosas, visitamos un castro-carballeira, estivemos nunhas instalacións modélicas para a transformación dos produtos lácteos e puxémoslle o ramo á visita nun recinto en que, como dicía Otero Pedraio, "a cantería foi traballada por finas mans".

Concha Blanco ofrece explicacións sobre Bértolo e Serrano, a facenda de produción ecolóxica
que codirixe no lugar do Castro, en Friol


En plena loita contra o reloxio, chegamos a Traloagro, onde tomou as rendas Isabelle, recén chegada de Bruxelas. Con fondo de vacas e os becerros en liberdade, Noelia Lamas e Matías Nicieza fixeron o encadre e comezou unha "roda de prensa" moi participativa. Levábamos case dez horas de esforzo físico e mental, mais ninguén parecía ter présa. Boa mostra de como se vivira a xornada.

Aínda que non se chegou a completar a escaleta, agora estamos á espera da montaxe dos fragmentos audiovisuais. Temos a certeza de que Noelia e Matías serán capaces de transmitir a quen non teña estado nas xornadas as sensacións dos que si as vivimos en primeira persoa de plural. Esa será unha porta aberta para que outras persoas podan gozar do privilexio.

Sem comentários:

Enviar um comentário