03/09/19

INTERVENCIÓN EDUCATIVA NAS TERRAS DE FRIOL


Baixo o lema "Fagámolo doado", o día 7 de setembro celébrase nas terras de Friol unha Xornada de Dinamización da Cultura e a Economía no Rural, seguindo a metodoloxía da intervención educativa "Modelo Burela". O programa inclúe visitas patrimoniais e un obradoiro que engloba o proceso de gravación dun documental partindo do contacto directo entre o público e os axentes culturais e económicos.

A Asociación Carballo Vivo, entidade organizadora, marcou a cita para as dez e media da mañá (10:30 h.) do sábado. As primeiras actividades serán dúas visitas guiadas: unha á Cova da Serpe, na parroquia de Anafreita; e outra ao Museo Fortaleza de San Paio de Narla. Posteriormente, o xantar celebrarase en Casa Benigno (o custo é de 12 Euros).

En horario de tarde, o obradoiro de dinamización cultural "Modelo Burela" buscará a implicación de todas as persoas participantes nun traballo de campo que os levará a unha casa comercial, a dúas granxas, a unha igrexa e un cemiterio e ao propio centro social da entidade organizadora. Durante o percorrido, o documentalista Matías Nicieza (Burela, 1978) dirixirá a gravación dun novo traballo audiovisual, desta vez coa axuda de Noelia Lamas (A Coruña, 1996).

Despois de ter dirixido a longametraxe Modelo Burela (2009) e os vídeos didácticos A Viaxe de Hércules (2011) e Polos camiños de Leiras (2014), Matías Nicieza continúa profundizando no cinema de intervención socio-comunitaria.  Para a súa colaboradora Noelia Lamas, estudante da Escola de imaxe e son da Coruña e directora da curtametraxe "Tempo libre (2019), será tamén unha nova experiencia no xénero documental despois de ter participado este mesmo ano na gravación de 'Vidas en la mar' de Eduardo Quintela.

No momento en que chega aos 15 anos de aplicación continuada (2004-2019), o Modelo Burela está de actualidade por ter resultado gañador dun dos premios Mil Primaveras creados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e Deputación de Pontevedra coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio.

Lembramos que a inscrición para a participación nas actividades estará aberta até o día 5 de setembro e pode facerse a través do teléfono 647 084 545 ou do correo carballovivo@gmail.com. 

Sem comentários:

Enviar um comentário