Como resultado da colaboración entre
tres entidades (Parroquia; Oficina de Turismo; e Modelo Burela), a Oficina
de Turismo de Meira organiza un paseo didáctico pola localidade. O
encontro, marcado para as cinco da tarde deste próximo martes 22 de agosto, está
enmarcado nunha iniciativa de educación social sobre a localización,
catalogación e estudo de patrimonio documental relacionado cos rituais
funerarios.
O lugar de encontro será na Oficina
de Turismo, na Praza do Mosteiro e comezará cunha breve visita á exposición
fotográfica de epitafios, aberta na igrexa de Meira desde hai un mes e que
desde entón recibe visitas diarias de persoas chegadas de diferentes puntos
xeográficos, segundo consta nos escritos que algunhas deixan no libro de
visitas. Baixo a orientación da comisaria da exposición, Yoani Jartín
Salgado (Técnico da Oficina de Turismo), a comitiva desprazarase polo
centro da localidade recibindo explicacións sobre os cambios urbanísticos
producidos como consecuencia da desamortización de Mendizábal (1835), con
visionado de casas feitas con pedra procedente do mosteiro e mostras da
arquitectura modernista realizada por canteiros procedentes de Portugal. Sen
saír do paseo central, os asistentes recibirán información sobre a veneración á
Virxe da Portaría, a instalación en Meira de imaxineiros cataláns, a minaría do
wolframio e a construción da Casa de Cortón, outro dos emblemas arquitéctónicos
da localidade, obra material da familia Cachafeiro chegada de Forcarei. Na
subida entre a Praza Maior e a Rúa do Montiño, será o momento dos comentarios
sobre a queima de libros do mosteiro e a historia do Poste, o punto de
exposición pública dos reos procesados pola xustiza monástica. A explicación da
maldición dos Figueroa (a quen a vecindade desexou “Tanta auga teñas de morto
como levas pleiteado de vivo”) abrirá paso á visita guiada ao cemiterio, onde
Yoani Jartín estará acompañada por persoas que ofrecerán testemuños directos
diante das lápidas obxecto de estudo.
|
Cartaz anunciador
da xornada
|
Colaboración entre a escola e
as entidades sociais
Para ser cualificada como Modelo
Burela, unha intervención educativa necesariamente debe estar centrada nun
aspecto que poña en relación a cultura e a economía do ámbito local. A sesión
debe contar coa participación de diferentes axentes sociais e reunir un público
variado, de diferentes xeracións. Aínda hai máis: as explicacións teóricas
ofrecidas nun espazo interior teñen que completarse coa observación directa no
exterior.
Educación dentro e fóra dos
recintos educativos
Cúmprense agora 20 anos desde que
a iniciativa educativa Modelo Burela planificase unha actuación de dinamización
cultural e económica no ámbito local. Despois dunha fase de diagnóstico
realizada entre a poboación de Burela, o seguinte paso consistiu nun traballo
de campo: a localización de dez tipos de documentos relacionados coa vida
diaria (correspondencia privada; invitacións de cerimonias; contratos;
comunicacións comerciais; actas de reunións ou mesmo testamentos) foi seguida
dun proceso de catalogación e unha posterior exposición na Casa da Cultura. Todo
co obxectivo conseguir un ensino-aprendizaxe participativo e vinculado á
realidade no espazo e no tempo. A redacción e aprobación do articulado da
planificación lingüística municipal, a posta en marcha dun programa de atención
á diversidade do alumnado en risco de exclusión social e o aproveitamento da
radio como ferramenta educativa a través do programa Proxecto Neo (2012-2023)
foron importantes pasos de ampliación, que complementaron o primeiro proxecto.
Despois da adaptación a outros
lugares da Mariña -entre eles, os termos municipais de Ferreira do
Valadouro e O Vicedo e a localidade de Rinlo,
en Ribadeo-, o Modelo Burela propúxose estudar os vínculos entre a literatura e
o desenvolvemento cultural e económico do seu ámbito de influencia. Para iso
realizou viaxes de estudo ás localidades natais de varios escritores, entre
eles: Francisco Fernández del Riego (Lourenzá), Florencio
Delgado Gurriarán (Córgomo de Valdeorras); Xosé Neira Vilas (Vila
de Cruces); e Xosé María Díaz Castro (Guitiriz).
En Meira foi Yoani Jartín Salgado,
en colaboración co sacerdote Miguel Asorey, quen asumiu un profundo traballo de
campo (visualización de igrexas e cemiterios; recollida de información; toma de
fotografías), complementado co contacto coas familias e coa redacción das
explicacións que acompañan as imaxes; e coa montaxe da exposición e a orientación
das visitas.
Visión global
Xunto co estudo sobre o uso da
linguaxe literaria popular ou autorial na composición de epitafios; ou sobre a
escolla entre o galego, o castelán, o latín ou as linguas dos destinos da
emigración (francés, alemán, italiano...), este acto ten tamén unha vertente de
estudo da Historia contemporánea e tamén de reivindicación da convivencia entre
culturas.
A pesar de que existen casos
contados de uso da lingua galega nas notas necrolóxicas e nas inscricións
funerarias desde o inicio da transición democrática, aínda no presente existe
unha inercia social a superar tanto á hora de editar en galego as esquelas
(máis as do momento da morte que as de aniversario), de realizar no noso idioma
os oficios litúrxicos ou de preparar as mensaxes de recordo nas lápidas. Ese
divorcio entre as expresións oral e escrita é ainda maior nas identificacións
de propiedade dos panteóns dos cemiterios: para alén da súa redacción
patriarcal -aínda que agora nalgúns consta a identificación da familia ou do
lugar (Casa do Coto; Familia do Pereiro), o habitual é que se identifiquen por
nomes de varóns-, só un 1 por mil usan palabras como “propiedade”, “muller” ou
“fillos”, que parecen como proscritas.
Se a media xeral do uso da lingua
galega nas inscricións funerarias está no 1% (segundo datos da observación
realizada pola iniciativa Modelo Burela en 53 concellos das catro provincias),
por que razón no casco urbano de Meira se multiplica por 3 e en Seixosmil e en
Paderne non hai ningunha? Cal é o perfil das persoas que compoñen esta
literatura? Unha das metas da xornada do 22 de agosto é ofrecer as respostas a
todas estas e cantas outras preguntas aparezan durante o desenvolvemento da
sesión.
Primeira visita guiada. Momento de encontro diante da Oficina de Turismo
|
Imaxe da primeira visita guiada ao cemiterio |
|
Imaxe dunha das páxinas do Libro de Visitas que acompaña a exposición. |
|
Finalizado o paseo, houbo tempo para os recordos da xornada. |
Sem comentários:
Enviar um comentário