18/01/24

MODELO BURELA ABRE NOVA ETAPA BAIXO A COORDENACIÓN DE VANESSA VILA-VERDE



Coa entrada en 2024, a intervención educativa Modelo Burela iniciou unha nova etapa, que estará coordenada pola profesora Vanessa Vila-Verde, quen se incorporou ao grupo de traballo en setembro de 2022.
Licenciada en Filoloxía Portuguesa pola Universidade de Santiago (USC), Vanessa Vila-Verde Lamas (Pontevedra, 1979) comezou a súa vida laboral no ámbito empresarial dos servizos informáticos. Desde 2007 traballou como tradutora e localizadora de software en Imaxin Software. 
En 2015, o ano de entrada na profesión docente, comezou a leccionar nas Escolas Oficiais de Idiomas de Compostela, Montijo (Extremadura), Pontevedra e Lugo. Posteriormente, pasou a ser profesora de Ensino Secundario con destino na EPAPU de Albeiros (Lugo) e no IES Cacheiras en Teo.
Desde o inicio do curso 2022-2023 está no IES Perdouro de Burela, onde se ocupa da docencia da materia de Lingua Portuguesa no Bacharelato, no Programa de Cualificación Lingüística (CUALE) para a preparación dos niveis B1 e B2 e na Atención á Diversidade. 
Entre o ano 2009 e 2014 fixo parte de Filmes de Bonaval, un colectivo audiovisual que produciu e realizou diversas filmaxes sobre o noso património lingüístico, nomeadamente en zonas de fronteira. Unha parte destes traballos de campo están recollidas en tres documentarios: Entre Línguas (2010), Em companhia da morte (2012) e A fronteira será escrita (2014).

A profesora Vanessa Vila-Verde (no centro da imaxe) e a directora do IES Perdouro, María José Paradiñas, acompañan o grupo de traballo que realizou o programa 405 na tarde do día 17 de xaneiro de 2024.

Sem comentários:

Enviar um comentário