![]() |
| Placa situada na entrada do cemiterio de Santo Tomé de Freixeiro (Vigo) |
David é de Vigo. Traballa entre robots industriais e sistemas automáticos. Hai uns días soubo da iniciativa Palabra e Memoria, que chamou a súa atención. En pouco tempo xa estaba colaborando, primeiro coa visita a un cemiterio e despois coa creación dun grupo nas redes sociais: Inscricións Funerarias de Galicia.
—Cóntanos, David, como chegache a coñecer Palabra e Memoria?
—Para comezar, parabéns e grazas pola iniciativa. Coñecín Palabra e Memoria nas redes sociais. O algoritmo sabe que este humilde servidor está interesado en calquera iniciativa, social ou institucional, que traballe a prol da normalización lingüística. Acertou.
—De quen foi a idea de visitar o cemiterio local?
—Falei da iniciativa co meu pai e propúxome visitar un a un todos os cemiterios locais. Pareceume unha idea magnífica.
—Cóntanos como foi esa experiencia.
—Foi fermoso: unha actividade en familia, con sorpresas positivas, e útil para convencernos, se cadra aínda máis, da necesidade de investir tempo e enerxía nas iniciativas que procuren reverter o que, ao noso parecer, son estatísticas antinaturais do uso da lingua galega. Ademais, xa quedou apalabrado o compromiso da nosa familia de sermod coherentes coa nosa vida, máis alá dela.
—Que se pretende co grupo de Inscricións Funerarias en Facebook?
— Queremos facilitar a participación e colaboración da xente na recollida de datos. Tendo en conta que en Galicia hai 3.771 parroquias e que a maioría conta cun ou con varios cemiterios, toda axuda é necesaria.

Sem comentários:
Enviar um comentário