OS CONTRABANDISTAS

31/08/16

O CASO DE VALENTINA HERNÁNDEZ ORELLANA: AS TRISTES CONSECUENCIAS DO ANTIMODELO

Capa da obra narrativa de Patricia C. Beltrán
con deseño de Matías Nicieza


Bernardo Penabade

Coñecedora do noso empeño en colaborar no proceso de integración das comunidades inmigrantes chegadas a esta nosa comarca, a escritora Patricia C. Beltrán convidounos a acompañala na Feira do Libro de Viveiro para presentar a súa novela El fiel reflejo de la nada (Ed. Cardeñoso; 2016). 
O convite tiña moita razón de ser non só porque coñezamos o texto literario desde o mesmo momento en que se xestou, senón porque a novela está protagonizada por unha moza inmigrante sudamericana que aterrou en Europa hai agora pouco máis de dez anos.
Non menos razón de ser tiña a presentación nunha vila -Viveiro- con alta porcentaxe de inmigración e nunha comarca -A Mariña- que asistiu recentemente ao intercambio de acusacións a través dos foros públicos entre dous alcaldes, que non tiveron o menor reparo en utilizar a inmigración como obxecto contundente contra o adversario. (Quen non teña reparado nos discursos desafortunados dun lado e do outro non ten máis que consultar as hemerotecas dixitais e ler atentamente as respectivas notas de prensa, que mostran moi ás claras como está o panorama no plano institucional).
O contido de El fiel reflejo de la nada ten moitísimo que ver con todo este revoltillo que aflorou na Mariña no pasado mes de xullo con motivo da celebración dunha festa popular.  Xa sabemos que o libro é novela e que a novela é ficción. Certo. Mais non é menos certo que o libro terá sido escrito con vontade de que fagamos nosa a historia e que aproveitemos a súa luz para as nosas vidas. Pois para iso, necesariamente, teremos que o relacionar coa realidade, mais ou menos inmediata.

Valentina
A protagonista da historia chámase Valentina Hernández Orellana. Naceu na capital da República de El Salvador nun momento impreciso de entre 1980 e 1985, filla dunha xente moi traballadora, que grazas ao traballo conseguiu unha situación acomodada.
En principio, durante a infancia e a adolescencia, a nena -e despois mociña- respondeu moi positivamente á educación en valores que lle deron, con moito esforzo, tanto o pai e a nai como o resto das persoas da familia. Valentina caracterizouse pola súa educación, por ser moi aplicada na casa e na escola e por cultivar a aprendizaxe a través do hábito da lectura. 

Lázaro de Tormes
Até chegar aos vinte anos, todo lle foi  moi ben na vida a Valentina, aínda que ela non gozase do período da adolescencia porque -ó, estupidez- sentíase acomplexada polo físico, o que non deixaba de ser o resultado do seu equivocado autoconcepto.
Durante os primeiros cursos universitarios, desafortunadamente a estudanta non leu o Lazarillo de Tormes e foi por iso que a colleu desarmada a visita do Lázaro en persoa. O Lázaro chegou e Valentina seguiu os seus pasos, de xeito acrítico, e entrou pola porta grande da autoestrada dos antivalores. Os estudos deixaron de ser unha prioridade, porque na súa inxenuidade creu que o mundo a alcanzar no seu percorrido vital non tería límites.
O certo é que non todo é chao, aínda que nolo pareza e aínda que moitas veces nos animen a velo así. Valentina coincidiu na universidade con estudantes comprometidos co futuro do seu país, xente que se xuntaba, que debatía, que aprendía o xogo dialéctico e que experimentaba en carne propia as diferenzas entre o soño teórico e a realidade práctica. Insistimos en que "coincidiu", estivo ao lado; mais foi como se non estivese, porque ela tiña outros horizontes (moito máis pracenteiros) e lanzouse á aventura por Centroamérica. Foi así como descubriu os luxos dos resort guatemaltecos que a facían sentir "como unha princesa en tempos ancestrais, capaz de o poñer todo patas arriba" mentres gozaba de ceas suculentas, vivía festas rachadas e se recuperaba en lindos aparthoteis. E foi así como papanateou diante da idea dunha Europa glamourosa e xa se imaxinou pateando as rúas de Ámsterdam, París, Praga, Berlín e Venecia, obviamente, en calidade de turista que viaxa en clase A.

Europa
En xaneiro de 2006, Valentina chega a Madrid, en principio para completar estudos de Dereito na Universidade de Alcalá de Henares, e pouco tempo tivo que pasar para que se deixase guiar polo espírito de Lázaro de Tormes: Alcalá era pouco para ela... e os estudos de Dereito unha anécdota. As súas seguintes peripecias xa as poden supoñer, mais poden observalas en pormenor a através da conversa que mantén cunha paciente, Leonor, que se mantén hierática e non lle dá un bon tirón de orellas mentras escoita algunha das súas aventuras (disparatadas).
Con esa preparación vital, Valentina recibiu a visita do lobo e, en vez de tentar pechar a portar, púxoselle rapidamente na boca. Na boca do lobo.

Reflexión

No noso exercicio docente temos tratado con moitos valentíns e valentinas (o que quere dicir "persoas procedentes da inmigración que non entenden a integración como o resultado dun dobre esforzo"). Por iso entendemos que a lectura desta obra é moi interesante para facer reflexión conxunta sobre os valores e os contravalores e a súa influencia na vida. Valentina interésanos como muller (adolescente e após-adolescente), como inmigrante, como alumna e como cidadá. Aprender dos seus erros non nos vai solucionar a vida, mais non temos dúbida de que nos axudará a navegar por ela. As cartas mariñas non dan garantía de éxito na travesía, mais contar con elas e entendelas é moi importante para afrontar os riscos.

REFERENCIAS

1) O SAQUE
2) A CONTINUACIÓN DA XOGADA
3) UNHA REFLEXIÓN
4) O PROBLEMA NA BASE

30/08/16

Cando a "Feira" é metamorfoseada en "Feria"

Para Antonio Reigosa (autor das Memorias dun raposo)

Bernardo Penabade

Se non foi a primeira, Burela foi das primeiras localidades en impulsar o fútbol-sala feminino na máxima categoría. Agora que xa pasaron uns anos, botamos a vista atrás e pensamos sen paixóns que aquela aposta valente resultou moi ben; que para o número de habitantes que temos xa sería un exitazo ter un equipo na elite; e que aínda o é moito máis ter dous, o que nos sitúa -cando menos simbolicamente- en posición de vangarda na longa carreira cara a igualdade de xénero.
A historia que agora evocamos está ambientada no Pavillón Vista Alegre durante a celebración dun dos primeiros partidos en que as mozas xa estaban na División de Honra. Nas bancadas non chegaba a haber un cento de persoas, mais aquelas que había -capitaneadas pola señora Salomé- conseguían facer unha animación enorme e transmitíanlle moitísimo ánimo ao equipo. 
Dos primeiros en chegar, foron dous matrimonios, cada un co seu neno de catro ou cinco anos. Os homes apoiáronse na varanda do corredor superior e as mulleres e os nenos situáronse nas primeiras bancadas. Mentres as xogadoras facían a preparación previa ao partido, as mamás estenderon un pequeno mantel e coocaron encima un pequeno aperitivo que pretendían dar aos nenos no medio dunha mañá en que se ía comer tarde. Mais os nenos, obviamente, xa non estaban nin para atender a quen sería o quinteto inicial nin para tomar o aperitivo; aproveitando a liberdade que lles ofrecía a bancada, xa se dedicaban a xogar por aquí e por acolá.

-Javi, toma el bocadillo! Tómalo ahora, que ya juegas después...
-Espera un pouco, má... Estoooou xogandooooo...

Aqueles "Un pouco" e "Estooou xogandoooo..." resultaron suficientemente chamativos para que desde ese momento houbese dous focos de atención: a pista e a bancada máis próxima.
As mamás eran dúas persoas moi coñecidas na vila. Xente normal, concentrada no traballo e en superar con éxito a etapa da crianza; mais con tempo para colaborar nesas iniciativas sociais que ilusionan. Pola súa procedencia, dous auténticos símbolos da heteroxeneidade da poboación local. Unha delas -nacida en Castela e filla de familia castelá- chegou á Mariña en plena adolescencia, como consecuencia da oferta de emprego surxida arredor da fábrica de Aluminio. En Burela cursou o último curso de bacharelato e o COU, con xente de Burela foi para Lugo ou Santiago para cursar os estudos universitarios; e con xente de Burela acabou emparentando oficialmente pouco despois de ter o título na man.
A outra -nacida en Burela, resultado da unión de dúas familias "de Burela de toda a vida"- criouse á sombra do ambiente burocrático-comercial surxido como consecuencia da industrialización, do desenvolvemento do sector pesqueiro e da implantación do Hospital da Costa. Un pouquechiño precoz, en plena etapa do instituto compartiu un amor de intensidade tal que os levou a casaren moi novos e a entraren de cheo na vida laboral.

Para quen non viva "in situ" o tecido social desta vila de aluvión situada á beira do Cantábrico resultará chamativo que a mamá do Javi sexa a de natureza autóctona. Na mesma medida, tamén os sorprenderá que, estando nunha vila mariñeira, unha muller de trinta e tantos anos lle fale con naturalidade ao seu fillo en castelán e que o neno responda con non menos naturalidade en galego. Desde logo, se fose ao revés, seguro que chamaba moito menos a atención.
Todo ten a súa explicación, desde logo. E, tendo os pés na terra, penso que non é difícil nin explicalo nin entendelo. Moi especialmente vivindo en Burela e podendo dar unha volta polo parque Rosalía de Castro.
 Mais deixemos a un lado a comunicación materno-infantil para focar a atención na conversa entre as dúas persoas adultas. Durante case todo o tempo, a mamá do Javi expresouse en castelán, unicamente acudindo ao galego para facer determinadas parodias. E, durante o tempo todo, a outra mamá expresouse en galego, tanto dirixíndose aos nenos como na interacción coa súa colega. O paradoxo adquiría aínda un certo ton surrealista se reparábamos na fonética e nalgún vocabulario da nosa veciña de sempre:

- Entre atender ao traballo e atender o neno, eu case non teño tempo para min... Non sei como dan feito outras, que os levan a Viveiro ao conservatorio ou ao fútbol... -dicía a de orixe castelá.

- Ay, espero que lle chegue Burela. Yo a Vivero no pienso llevarlo. Aún si fuese a la piscina de Jove..., -respondía a de natureza autóctona.

Así tal cal. A vida mesma.

E ten isto relación coa metamorfose das feiras en ferias? Claro que ten. Por iso evocamos aquel episodio que vimos repetido nestes días pasados.  O contexto e os protagonistas eran diferentes, mais o substrato é idéntico.

En plena Feira do libro -metamorfoseada persistentemente en Feria- interviñan na mesa dúas persoas: A e B. Sentadiñas ao lado, unha estaba na Feira e outra estaba na Feria. O espectáculo era tristemente cómico de por si, mais aínda estaba por chegar o momento culminante. Chegou xusto cando a B se lle ocorreu preguntar por que A ambientou unha das súas historias en París e outra en Barcelona.
Antes de responder, a persoa A fixo unha brevísima pausa para tomar forza e comezou a falar de transformación, aprendizaxe, interculturalidade, simboloxía, prestixio, autoestima e normalidade.
A falaba puña tanta intensidade en expresar a súa emoción... tanta tanta... como tiña posto B en facer desconexión da resposta que lle daba. B xa estaba na Feria... e iso que aínda faltaban sete meses para que chegue o mes de abril de 2017.

- Ai, Señor, que fixemos?, -escribiu Luís Pimentel.
E nós tomamos emprestados os seus versos e adaptámolos para a ocasión:
"Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falta
para facer unha cultura!"








29/08/16

O Caxoto Pillabán



O Caxoto Cativo estivo outra vez en Burela. Como había Feira do libro, pareceulle que andarían por alí nenas e nenos na compaña das súas familias e decidiu parar un momento -antes de se encamiñar á Vila de Suso- para falar con eles e contarlles un contiño divertido.
O moi pillabán xa coñecía o camiño, porque o tiña moi ben memorizado do ano pasado. Daquela deu un par de voltas pola praza, así medio de incógnito, e, cando lle pareceu ben, escondeuse un pouco, puxo outra roupa por encima, colleu unha bicicleta e apareceu alí no medio dos libros dicindo que era o carteiro.
Como xa lle coñecíamos as súas artes, este ano estivemos moi atentos a ver se o víamos chegar e así foi. O Caxoto presentouse na praza e moi caladiñamente colocou uns atrís, catro ou cinco, e en cada un deles puxo unhas fotos dunhas persoas con pinta de importantes. Inmediatamente despois, foise...
Menos mal que andaba por alí o Comandante Ardito e que o tal Comandante é boa persoa, porque -tan pronto como o Caxoto Cativo marchou para nos dar a sorpresa de vir outra vez disfrazado- apareceu o vento e tirou con todas aquelas personalidades. Deulle por soprar tanto que mesmo parecía que as ía levar. Mais non foi así. Abofé que non foi, porque o noso Ardito moveuse con axilidade, colleu as imaxes e colocounas no seu sitio (non sen antes mirar para o público que alí había, porque o bon do home non sabía se estaba facendo as cousas ben).
Xusto despois da refolada de vento, apareceu o pillabán. E que bonito viña. Desta vez nada de bicicleta. Presentouse encima dun cabalo, vestido cunha capa elegante e protexendo a cabeza cun casco nada a xogo coa capa, porque o tal casco era medio trapalleiro.
O cabalo viña brioso. Aínda ben que o xinete era grande e forzudo e deuno dominado. Unha vez que o "sooooooooooo" fixo efecto, o Caxoto viaxeiro desmontou, puxo o cabalo a beber dun caldeiro branco e daquela xa tivo tempo e tranquilidade para falar coa cativaxe e con toda a armada protectora que a acompañaba.
Tal como correspondía, o primeiro que fixo o ilustre visitante foi presentarse, como debe facer calquera persoa de boa educación. Certo é que xa foi pillabán na presentación e non se lle ocorreu outra cousa que preguntar aos infantes e infantas se o coñecían.
-Quen son eu?
- D. Quixote -dicían uns.
-Sancho Panza -dicían outros.
- Ooooooooooooooooooooo -sorprendíanse algúns
-                                             - pensaban moitos, coa mente dominada pola brancura.
-Nin son D. Quixote, nin son Sancho Panza... Eu son o Caxoto Cativo.

Caxoto... Cativo? 
No de Caxoto podía ter razón. Igual era verdade que ese fose o seu nome. Mais no do apelido si que non tiña razón ningunha. Como raios se ía presentar como Cativo aquel individuo grande, barbado... e vestido todo de negro?!!
Un pillabán.
Moi simpático, mais un pillabán.
Un pillabán Caxoto, que se facía chamar Cativo.

Despois de se presentar, e xa coa complicidade de toda a concorrencia (alevín, infantil, cadete, xuvenil, amateur, profesional, senior e moi senior), o xinete contounos quen era toda aquela xente importante, xente a quen Ardito salvara de escapar voando. Así foi como nos familiarizamos con Gutenberg e con Copérnico e con Colón e con Cervantes e con Shakespeare... O Xograr Lourenço, que estivera dous días antes, ese xa non andaba por alí. Por iso os nenos e as nenas non se familiarizaron con el.
O caso foi que o Caxoto Pillabán deuse conta de que a selección alevín e infantil non se emocionaba con aqueles señores tan aseñorados e entón comezou a contar un contiño. Daquela foi outra historia. O Caxoto contaba e a cativaxe escoitaba. O Caxoto seguía contando e a cativaxe abría a boca coa sorpresa. O Pillabán recitaba e a selección repetía o recitado. Cando quería que sentísemos medo, xogaba coas palabras e a grandes e pequenos latíanos moito o corazón; e, cando lle apetecía sorprendernos, conseguíao como quería e acabábamos todas e todos facendo a coro un "Óóóóóóóóóóóó" como se todas e todos fósemos pampos.
Ai, atraídos polas caretas que nos puña, con aqueles ollos arregalados; co xogo de voces que nos facía, fomos chegando ao final como sen sentir. E só nos demos conta de que chegara, porque escoitamos falar de perdices
E as perdices facían xogo con felices
e felices nos fomos...
... un bocadiño máis tarde
despois de escoitarmos unha música linda

Mais aquela música linda xa a escoitamos na intimidade, porque o resto do auditorio xa se fora sen pedir pan para o camiño.
O camiño da casa.

26/08/16

O ESCRITOR MATÍAS ESCALERA DE NOVO NA MARIÑA



Tras o seu paso pola Feira do libro da Coruña, onde estivo acompañado por Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer e César Morán, o escritor madrileño Matías Escalera recala de novo en Galiza. Desta vez o destino é a comarca da Mariña, a onde se desprazou para participar nas Xornadas da Memoria que se celebran no Barqueiro e na segunda edición da Feira do libro de Burela.

Ademais de participar nos diferentes eventos programados dentro das Xornadas da Memoria, está previsto que Matías Escalera interveña no acto de homenaxe ás vitimas a celebrar na ponte do Barqueiro ás 13 horas do sábado, día 27 de agosto, onde pronunciará unha breve disertación e participará nun recital poético, xunto a outras persoas entre as que destaca a presenza de Hilda Farfante Gayo, a mestra asturiana -activista pola Memoria- que conseguiu o premio Goya pola súa participación no documental Las maestras de la República.

Dentro do programa da Feira do libro de Burela, a participación de Matías Escalera está prevista para o domingo, día 28, ás 12 da mañá. Presentado pola filóloga Julia María Labrador -unha das organizadoras do evento-, o escritor de Alcalá de Henares falará sobre o seu novo libro Del Amor (de los amos) y del Poder (de los esclavos), editado por Amargord.

Este novo periplo galego de Matías Escalera finalizará o luns, día 29, en Mondoñedo, onde se reunirá con algúns dos integrantes do Grupo Literario Leiras Pulpeiro, do que é membro fundador e "embaixador" na capital de España.

Profesor e intelectual adscrito á "Poesía da conciencia crítica"

Nacido en Madrid (1956) e licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade Autónoma, Matías Escalera foi bolseiro do Instituto Pushkin en Moscova e posteriormente exerceu a docencia de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Ljublijana (Eslovenia). Actualmente combina a docencia en Alcalá de Henares coa dedicación ao xornalismo especializado e á literatura a través da edición e da escrita en todos os xéneros. Como dramaturgo, conseguiu o premio Margarita Xirgu en 2009; e como narrador, nas modalidades de relato curto e novela, busca "integrar todas as estratexias experimentais ou tradicionais, dun modo libre e non dogmático, na elucidación poética da realidade presente".

Vinculos coa cultura galega

Con raíces familiares na área metropolitana de Vigo, Matías Escalera tomou contacto coa cultura galega durante a realización do servizo militar a través da relación con escritores en galego. Posteriormente, a visualización do documental Modelo Burela e o coñecemento desta iniciativa en favor da interculturalidade aproximouno á Mariña, onde coñeceu a obra do médico de ideoloxía republicano-federal Manuel Leiras Pulpeiro. En colaboración con Ramón Reimunde, Xe Freire, César Morán e outras personalidades animadas por Luís Fernández Ansedes, Escalera intregrouse no Grupo Literario que celebrou diversos encontros en Mondoñedo, Lugo, A Coruña e Madrid; que editou audiovisuais e que impulsou a creación do roteiro que, centrado na figura do escritor, sae do centro da cidade e chega a enclaves como a área recreativa da fervenza, a fonte de augas sulfurosas ou a Pena do Unto. 

 Do Amor (dos amos) e do Poder (dos escravos)

Este é o título do último poemario de Matías Escalera. Baixo o selo de Amargor Ediciones (2016), a obra que agora se presenta en Burela é o resultado da convicción do seu autor de que "o amor e o poder son as dúas paixóns sobre as que se fundamenta a experiencia material e concreta do espírito humano". Sabedor de que "esta certa certeza foi expresada ao longo do tempo de innumerábeis maneiras", o propio Escalera é consciente de que a súa é "unha máis, non a definitiva".

Activista social

Desde 2011, con motivo da "Acampada de Sol" (15M, Madrid) participou en diversos eventos reivindicativos e converteeuse nun dos impulsores da “Marea Verde”, exercendo como portavoz da Asociación de Profesores de Alcalá de Henares en defensa da escola pública.
No referente á Memoria Histórica, Matías Escalera Cordero  implicouse  activamente a través de AMECECA, a asociación de familiares das vítimas, e de cidadáns e historiadores, que promoveu o levantamento dun memorial no cemiterio de Cáceres  que lembra as vítimas da represión franquista durante la Guerra Civil e a posguerra na cidade;  unhas vítimas entre as que se encontraba oo seu avó, Matías Escalera González, asasinado no Nadal de 1937.

24/08/16

BICO DE LEITE

Imaxe tomada de http://bicodeleite.blogspot.com.es/

"Cae a tarde e permanezo aloulada e case durmida, o rostro impávido, enervada, o tempo suspendido neste empardecer de outono, os ollos moi abertos, sen vontade sequera para pestanexar. Só o suave recendo a leite morno que mana dos meus peitos é quen de me acordar e de  me volver paseniño á realidade, ao gozo do plácido mamar do meu pequeno, aos seus olliños fechados, ás súas enxivas núas que se  manteñen agora quietas, poida que cansas de tanto chuchar, en calquera caso relaxadas e compracidas. Se de min depender, ficaría así eternamente. Eternamente mirándoo, bebéndolle o seu maino durmir, notando a delicadeza sutil da súa pel tocando a miña, acougando os espasmos reflexos que de cando en vez sacoden a súa manciña pousada sobre o meu peito mol. Suspiro. De pracer, suspiro. Premo un case nada cos dedos sobre o meu seo esquerdo e fago que a mamila encha de leite outra vez a súa boca desdentada, a súa boca que reaccionou inconsciente e volve chuchar ávida e instintivamente. Vexo a súa cabeciña, aínda sen fechar, vexo como lle latexa na fontanela, a fraxilidade quebradiza que provoca en min un aluvión de amor e delicadeza, unha enxurrada irrefreábel que os meus peitos converten novo en tépedo manancial. Intúo que isto que agora estou a sentir é o máis parecido á felicidade"
(Manuel Portas: Lourenço, xograr, Ed. Galaxia, 2015)


Quen está aleitando? Onde? En que momento?

O texto non está publicado nun folleto informativo da Asociación Bico de Leite. É un fragmento dunha obra literaria de Manuel Portas, Lourenço, xograr, editada por Galaxia.
A resposta aos interrogantes daránola o propio escritor na Feira do Libro de Burela, nunha presentación que está axendada para as 18:30 horas do venres, día 26 de agosto.
A LITERATURA DE MANUEL PORTAS A TRAVÉS DE VOCES DA MARIÑA
(Despois do minuto 25)

20/08/16

PARA VOAR CON NASTASIA ZÜRCHER NO EIDO DOURADO

"Eu son de Suíza. Nacín en Xenebra, no cantón francés, mais levo apelido alemán. O explicar como se pronuncia é o meu pan de cada día.
Aos doce anos, de pequeniña, vin para Galiza, a terra dos meus avós maternos -eles emigraran a Suíza coa miña nai hai moitos anos- e agora vivo nun auténtico paraíso, na terra do Barbanza".


 No minuto 39 soa unha canción de Nastasia Zürcher. Inmediatamente despois, Karina Parga encárgase de que coñezamos os perfís humano e humanístico da artista


Quen así se expresa é Nastasia Zürcher, en conversa con Karina Parga, en pleno desenvolvemento do programa Proxecto Neo, a emisión radiofónica dedicada especialmente a aquelas persoas que son auténticos modelos de interculturalidade.
Despois de a escoitar a través da radio e de gozar coa súa música, agora chega a oportunidade de asistir a un dos seus concertos e comprobar como soa así "ao vivo". O marco é único: nada máis e nada menos que os xardíns do Eido Dourado, ese palco privilexiado polo que vai pasando o mellor da música galega. O horario da cita tamén está marcado: as dez da noite do día 21 de agosto (domingo).

Currículo brillante

Con Diploma Profesional de Voz en Jazz e Música Moderna en ‘Estudio, escola de música’ -entidade moi vinculada á Mariña, a través do Seminario de Jazz de Burela-, Nastasia Zürcher está tamén graduada en Canto, Interpretación e Técnicas de Escenario pola madrileña Escuela Internacional de Artistas de Jesús Yanes.
Na súa traxectoria interpretativa figuran numerosas colaboracións con grupos das máis diversas procedencias como o galego Xoán Curiel, a cántabra Susa Herrera ou o tunesino Karim Slama. En solitario, comezou tento moitísimo éxito co tema "Voar", que despois recolleu no seu primeiro disco: My Flight (2015).

En primicia na Mariña

Novamente o Eido Dourado ofrécenos o privilexio de coñecer en primicia na Mariña unha grande artista. Desta vez é Nastasia Zürcher, a "Mellor artista" e autora da "Mellor Canción Orixinal" no Certame da Canción de Autor en Galego na edición de 2014; e, sobre todo, a flamante gañadora do Premio Martin Codax na categoría de blues, funk e soul na edición de 2016.

19/08/16

BALBINA NA NOITE MEIGA DE CERVO

(Sábado, 20 de agosto de 2016) 

Como saben, o protagonista das Memorias dun neno labrego chámase Balbino e a súa infancia tivo moito en común coa infancia de Xosé Neira Vilas, o escritor, a quen moita xente tamén chamaba cariñosamente Balbino.  Ese home, nacido por volta de 1947 e a puntiño de cumprir os setenta anos, deuse a coñecer ao mundo en 1961, cando xa abandonara a infancia.
O que pode que non saiban é que inspirada naquel Balbino, en plena Transición naceu Balbina, unha muller de carácter forte, con vocación para a música. Tanto é así que, comezado o século XXI, decidiu montar e dirixir a súa propia banda, na que exerce de trovadora e de xograresa (porque Balbina non só compón as cancións e marca o ritmo de como deben ser tocadas, senón que tamén manda no escenario, onde anima, canta e toca o baixo eléctrico).

"Música galega para o mundo. Espectáculo sen complexos"

A Balbina tivemos a fortuna de coñecela máis en profundidade no pasado mes de abril, grazas á iniciativa de Marco Pereira Oliveira e Helena Valle, que lle fixeron unha entrevista para o programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo.
Así foi como soubemos que a relación que existía entre Xosé Neira Vilas e Balbino -o rapaz da aldea de Gres- era idéntica á que manteñen entre si Silvia Cerneira Montes -de Valga, en Pontecesures- e Balbina. Por iniciativa de Marco e Helena, soubemos da súa experiencia nas orquestras de verbena, da participación no concurso A Polo Ghit coa canción Estomballada e dos éxitos posteriores con O fillo do mar.

Actuación na Queimada de Cervo

A Banda da Balbina compartilla cos Festicultores o cartaz do concerto de celebración da Queimada de Cervo. Como as actuacións están previstas para pouco despois da medianoite, os seus ritmos amenizarán a madrugada cervense do xa domingo, día 21.
A presenza da Banda da Balbina en Cervo é moi especial, dado que a esta localidade estiveron moi vinculados Balbino e Neira Vilas, a través de Isaac Díaz Pardo. Agora a presenza deste grupo musical nas festas patronais é, en certa maneira, unha fermosa homenaxe á memoria de ambos.


PREGÓNS CURTOS E FESTAS LONGAS (RECEITA DE MARICA CAMPO)


Momento en que o alcalde de Xove presenta a pregoeira das festas patronais, "un referente
na defensa da xustiza social e no cultivo literario do idioma galego"

Recordóunolo no auditorio do Concello de Xove durante o pregón das festas do San Bartolo de 2016. E o caso foi que non se limitou a recordárnolo, senón que tamén o aplicou ao pé da letra e o pregón resultou tan curtiño como intenso. Outra fermosa peciña literaria, esta escrita con paixón para un público moi concreto: veciños e veciñas do lugar en que pasou vinte anos da súa vida.
Acostumados como estamos a ver uns perfís moi reiterativos oficiando noa pregóns, chamounos moi positivamente a atención ver o nome de Marica Campo no programa das festas de Xove. Naquel mesmo momento pensamos en quen serían as persoas que formaban a comisión; preguntámolo e tivemos os nomes: Benigno Canoura, Luís Pico, Carlos Cociña e Andrés G. Piñeiro. Gustounos saber a quen debíamos felicitar.
Vista do auditorio de Xove no momento en que Marica Campo pronunciaba
o pregón das festas patronais

Boa proba do acerto da comisión, era o magnífico aspecto que presentaba a sala xa uns minutos antes de comezar o evento. Moita xente e moi animada. O alcalde, Demetrio Salgueiro, tomou a palabra para transmitir o saúdo e para presentar a convidada. Fíxoo: primeiro "polo libro" para non equivocarse en títulos de libros e premios; e despois, moito máis solto, falando como veciño para resumir a implicación de Marica en diversas iniciativas que conduciron ao desenvolvemento de Xove. "É un orgullo presentar a Marica Campo, un referente na defensa da xustiza social e no cultivo do idioma galego", dixo o primeiro edil en representación do vecindario do concello.

"Volvo porque recordo e porque recordades"

Con esta manifestación de cariño mutuo abriu Marica Campo a súa intervención. Despois deixounos breves pinceladiñas para compoñer un fermoso cadro: presentounos o perfil do santo, lembrounos a historia de Xúpiter e a súa relación co topónimo, sobrevoou pola historia dos concellos de Portocelo e Xove, pola da provincia de Mondoñedo e non esqueceu a referencia é lenda do Monte Medulio, obviamente para que tomásemos boa nota das vivencias do pasado e que procurásemos aprender delas.
"Aquí transcorreron os vinte anos centrais da miña vida" -dixo- "E aquí non son unha visitante e quero axudar como unha máis a esta celebración". E axudou animando á festa, a través da música pedagóxica:
Alégrate, corazón,
aunque sea por la tarde:
corazón que no se alegra,
nunca cría buena sangre.

O pregón literario-reivindicativo finalizou cunha fermosa alegoría. No mundo da imaxinación, o territorio das parroquias que conforman o concello de Xove converteuse nun navío e este navío botouse a navegar ao estilo de como o fixo a Península Ibérica na Jangada de pedra de José Saramago. Marica pediunos a todas as persoas que a escoitábamos que lle demostrásemos á vida "que a vela aguanta // se o corazón canta" -como dicía, con orgullo, o neno Pirata por un día (de Guillém Sansó e Joan Bibiloni).
"Sexan días de pleno encontro
e de amor. (...)
Brindemos cos que están
polos que non están"

 Aínda como broche de ouro, a mestra-escritora recitou un poema dedicado a Xove e a súa xente. Neste momento non temos o texto, mais tempo haberá para o recoller e o reproducir.

O traballo intenso do Técnico de Cultura

Finalizado o pregón, o Técnico de Cultura do Concello de Xove tivo un traballo extra. Durante varios minutos exerceu de fotógrafo por solicitude de numerosos alumnos e alumnas que se reencontraron coa súa mestra e que non querían marchar sen un recordo.

Gravación

Durante eses momentos de saúdos agarimosos, algúns tivemos un recordo especial para dous grandes discípulos de Marica Campo: o infortunado poeta Gustavo Adolfo Lois (autor de Ansias de vento) e o escritor e politólogo Óliver Escobar Rodríguez, docente universitario en Edimburgo. Foi precisamente este último, Óliver Escobar, o autor dunha magnífica entrevista en que Marica Campo explica o proceso en que renaceu galega, sendo xa docente na Terra Chá.

17/08/16

Federico Mosquera e Gelría: "Contaxiamos ilusión"

Coñecemos a existencia do grupo musical Gelría a través das redes sociais cando o seu libro-disco Cantos de poeta era aínda unha criatura descoñecida. Xusto antes de faceren a primeira das presentacións en Barcelona, a iniciativa comezou a ser divulgada a través dos medios de comunicación e a nós resultounos tan atractiva que rapidamente nos puxemos a procurar información sobre o grupo. Así foi como chegamos aos tres nomes: Federico Mosquera, Elena Tarrats e Mario G. Cortizo.
Capa do libro-disco que recolle unha antoloxía musicada da poesía galega
dos séculos XIX a XXI. A banda Gelría recolleu en disco e en papel cebola
o mellor das nosas letras e deulle vida coa música de creación propia.
Unha auténtica alfaia.

Unhas semanas despois, tivemos a fortuna de coñecer Gelría e Cantos de poeta dun xeito moito máis próximo: a través das ondas. Foi nunha entrevista de Marco Pereira e Helena Valle a Federico Mosquera dentro do programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo. A tal entrevista escoitámola en directo e reescoitámola despois na radio á carta, porque nos deixou impresionados.
Deixounos impresionados escoitar de viva voz a presentación dun proxecto tan universalista e ao mesmo tempo feito con inmenso amor á terra. Amor á terra presente na escolma das voces literarias, do século XIX, de todo o XX e actuais; e con coidada presenza dos dous xéneros (Rosalía e Curros; Manuel Antonio; Celso Emilio, Luz Pozo e Manuel María; Méndez Ferrín e Chus Pato). Amor á terra no prólogo de Xosé Lois Romero, na gravación de Pablo Barreiro, no poema de Manuel Rivas...
Encantounos que pensasen nunha antoloxía musicada e que o universalismo da música o complementasen no libro con versións en diferentes idiomas. Cantas máis facilidades, mellor.
O caso é que aínda había  outras sorpresas e Marco Pereira e Helena Valle souberon tirar do fío para que Federico Mosquera nolas dese a coñecer aos poucos. 

-Federico, acláranos isto: escoitamos que es de Burela, tamén que es de Foz e mesmo que es da Coruña.

Federico respondeu que todas as afirmacións teñen algo de certeza e así descubrimos a identidade do neto do Dr. José Martínez Pérez -cántabro asentado na Mariña-, soubemos dos seus vínculos familiares con Cangas -a través da familia Mosquera- e con Burela, onde pasou temporadas con moita frecuencia.
Entre silencios de timidez -por un lado e por outro-, Federico continúa desvelando indentidades e fálanos de Gelría. Cóntanos que é unha palabra holandesa que lle deu nome ao derradeiro barco en que navegou Manuel Antonio e nós sentimos a emoción coa que nos fala da embarcación como símbolo da navegación do grupo a través da historia da nosa literatura. "Contaxiamos ilusión", afirma el. E nós dámoslle a razón.

Feira do Libro de Viveiro
Feira do Libro de Viveiro. Elena Tarrats, Marcos G. Cortizo e Federico Mosquera
compartiron xornada de presentación coa escritora Patricia C. Beltrán 

Con esa ilusión fomos á Feira do Libro de Viveiro para asistirmos á presentación do libro-disco. E tamén coa ilusión de que estivese Elena Tarrats e nos cantase algo. O que non imaxinábamos é que a caseta das presentacións de libros estivese reconvertida en mini-auditorio. que no sitio da mesa das presentacións estivesen un pequeno piano, un mar de instrumentos de percusión e -no centro- un micro...
Federico encargouse de acollernos e de nos explicar as características do evento en que se ían combinar as intervencións individuais para falar da antoloxía e as intervencións colectivas para nos presentar as músicas. Nun par de minutos, como sen sentir, xa estábamos escoitando as primeiras notas e con elas chegou a voz de Elena Tarrats. Impresionante. Unha moza da Cataluña estaba na vella cidade do norte e púñalle voz a Luz Pozo. Era o "Far Blues" do Códice Calixtino, o poema que evocaba "unha rapaza que escribía un diario secreto" e escoitábamolo ao vivo e tíñamos diante de nós "as cordas vibrando coma labios" e estábamos ao lado do río Lando -que nese momento non era un "río esvaído do soño"- e da Praza Maior de Pastor Díaz -que neste momento non estaba en "silencio curvado" e non era "praza deserta"-. Colosal. Como colosais foron as interpretacións do "Zocas" de Manuel María e da "Luz que se afasta e nos dirixe" de Chus Pato. 
Xustamente, o poema de Chus Pato tamén se transformou nese momento, igual que xa o fixera o de Luz e así as 
"Palabras
núas
sen traxe de gloria"
transformáronse en
"Palabras
vestidas
con traxe de gloria".
Porque a literatura e a música son xustamente iso: poder de transformación, 

15/08/16

Coñecemos Rego Torto da man de Cristian F. Caruncho

Cristian F. Caruncho en plena sesión de traballo ao coidado do mostrario
que tivo aberto no  XXXVII Festival de Pardiñas.

Chámase Cristian Fojón Caruncho. Naceu no tránsito entre os séculos XX e XXI nos altos de Couzadoiro, xusto onde a Serra Faladora comeza a suave descida cara aos mares do Ortegal e a Estaca. É un artista con enorme potencial. En 2011, cando contaba con só 14 anos, foi o gañador do IIIº certame Banda Desexada, convocado polo Instituto Perdouro en Burela; despois, durante tres edicións consecutivas, fíxose co Certame que recorda a figura de Benito Losada, sempre estumulando a creación artística desde a Casa da Xuventude de Ourense; en 2015 gañou tamén o concurso convocado no Arcebispo Xelmírez; e recentemente conseguiu o Coruxa Nova, no marco do XX Certame Coruxa do Humor (Fene, 2016).

Estas son as capas dalgunhas das obras do artista da Terra Faladora
Durante a celebración do Festival de Pardiñas, Cristian F. Caruncho estivo en contacto co público a través dun expositor situado nunha das áreas reservadas aos postos de artesanato, librarías e artistas particulares. Aí explicou a súa obra, recolleu suxestións e asinou exemplares de Salustio en Norteamérica (2011), Salustio e a festa nacional (2012), O asubío das Fouces (2013), Por un saco de patacas (2014), o Voo da vacaloura (2015) e mesmo de diversos cartaces, retratos e caricaturas, entre as que destaca a dedicada a Ses.

Artista en formación

Despois de cursar o bacharelato no Instituto de Ortigueira, Cristian desprazouse a Pontevedra para complementar a formación e matriculouse no Garaxe Hermético, a Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración dirixida por Kiko da Silva. Agora os seus traballos poden ser coñecidos a través das redes sociais.

13/08/16

Do amor (dos amos) e do poder (dos escravos)

No marco da Feira do Libro da Coruña fíxose o primeiro acto de lanzamento en Galiza deste novo poemario de Matías Escalera (Amargord; 2016). O autor madrileño contou coa colaboración de Claudio Rodríguez Fer, que se ocupou da presentación:

"A poética desta nova entrega -en consonancia co conxunto da obra de Matías Escalera- asenta sobre principios marxistas e mesmo libertarios; en principios liberacionistas do ser humano. Trátase dunha obra que, alén de supoñer un acerto nas súas formulacións, é unha aportación novidosa mesmo do punto de vista ideolóxico".


Pola súa parte, Matías Escalera, aínda que comezou facendo referencia ao amor (dos amos), en consonancia coas palabras do profesor da USC, rapidamente centrou o seu discurso no poder (dos escravos):

"El esclavo, cuando es consciente de su condición de esclavo y de todo el potencial de liberación que contiene. se empodera y tiene la capacidad de liberarse del poder que lo domina. El esclavo tiene más poder de lo que parece, pero normalmente reproduce el esquema de dominio a que lo someten y ejerce ese poder contra sus iguales. 
El poder del esclavo surge cuando se libera de ese automatismo y se ve a si mismo como sujeto de liberación".




DIÁLOGO INTERCULTURAL

O acto literario converteuse nun auténtico modelo de diálogo intercultural, como poñen de manifesto os momentos gravados desde a primeira fila por César Morán. As dúas culturas irmás confluíron na mesa e entre o público. Claudio Rodríguez Fer fixo unha lectura desde Galiza e en galego e Matías deu boa mostra de ter entendido todo e, como é habitual nel, manifestou publicamente o seu compromiso activo co desenvolvemento da cultura nosa.

Recollemos aquí o poema que o escritor galego dedicou ao seu homólogo:



UN CANTO RODADO 
(FLOTANDO NO VENTO) 
like a complete unknown, 
like a rolling stone? 
Bob Dylan, 
“Like a rolling stone” 
 the answer is blowin’ 
in the wind Bob Dylan, 
“Blowin’ in the wind” 

A Sixto Aguirre Garín e a todos os estudantes asasinados polo franquismo dende 1936


Esquecín os nomes de todos os reis godos,
os máis de cen símbolos químicos
da táboa periódica dos elementos perigosos,
os dezanove modos válidos do siloxismo inútil,
os principios fundamentais do movemento inmóbil,
apenas me lembro do principio de Arquímedes
ou do teorema de Pitágoras
cando o poder nos ocupa
desaloxando aos libres hipotenusa arriba,
mais non esquecín nunca os solidarios nomes
estudantes de Carlos González Martínez
e Arturo Ruiz García simplemente,
suspendidos a tiros para sempre
no Madrid en transición á nada,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Esquecín o título de todos os cadros
dos artistas de cámara e de corte,
pero non o que poñía a pintada
que non puido terminar baleado
Francisco Javier Verdejo Lucas
cal poema escrito contra un muro
de Almería candealmente inconcluso,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Esquecín o referendo que aprobou
a reconversión do franquismo
dende dentro da caverna,
pero non que ese mesmo día
foi reprimida en Madrid
a disidencia de Ángel Almazán Luna,
morto a golpes de uniformado poste,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Esquecín a nomenclatura das néboas
e o nivel de humidade dos aerosois,
pero aínda me fai choraro fume
do bote policial que matou a María Luz Nájera
manifestándose sen antes repasar
o exame de meteoroloxía fascista
con risco de precipitación de gases,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Esquecín antes o nome das illas
canarias que o dos canarios
 Bartolomé García Lorenzo
e Javier Fernández Quesada
ou o das provincias vasconavarras
que o de Javier Escalada Navaridas
e José Luis Aristizabal Lasa,
pero nunca que os mataron nelas;
por iso digo os nomes e os lugares
que os fan un a un revivir únicos
como en min cada un deles segue sendo,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Esquecín as armas e os uniformes
dos sanguinarios lacaios da Ditadura,
pero nin por un momento arrebolado
a Enrique Ruano voando dende a fiestra
mentres comía sirenas e bebía bengalas
como todos aqueles alumnos de esperanza
que xa eran profesores de futuro,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Que absurdo non ter morto con vós,
poetas sen rima e sen medida,
eu que puiden ser calquera
se o azar non quixera
que escribise este poema,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Acaso eles foron os verdadeiros poetas
do meu tempo, para sempre
flotando na nosa memoria,
como cantos rodados,
onde o fascio nunca tivo dominio.

06/08/16

JOAQUÍN GARCÍA GUTIÉRREZ, "XUACU"


A primeira noticia que tivemos de Xuacu foi a través de Aitor García Corte. Preguntábamos ao actual alcalde de Bimenes pola primeira declaración de oficialidade do asturiano por parte dunha administración municipal e o primeiro edil facilitounos toda a información: o momento exacto (5 de xullo de 1997), a composición da corporación (4 edís do PCE; outros 4 do PSOE; e 3 da UCD); e a titularidade da alcaldía (Xuacu García, do PCE). Despois de situármonos no contexto,  mostrámoslle ao interlocutor o noso interese por falar coa persoa que levara naquel momento o proceso e fixémolo con certa prudencia, tendo en conta a diferente filiación política dos primeiros edís (PCE, no 1979; e Partido Asturanista, en 2016), mais esa prudencia non era nada necesaria porque Aitor García falounos en termos moi eloxiosos do seu antecesor e  mesmo nos facilitou o seu número de teléfono particular e animounos a entrevistarnos con el.
Os dous minutos da chamada xa nos mostran o carácter dialogante de Xuacu, persoa moi atenta e servicial. Aínda que nese momento estaba en Xixón, atenderíanos esa mesma tarde en Pola de Laviana. Unhas horas máis tarde, na praza maior daquela fermosa localidade atopámonos co novo interlocutor e dispuxémonos a entrevistalo mentres tomábamos un refresco na terraza dun bar. Así foi como soubemos que naceu na Güería Carrocera en 1949 e que cando só tiña un ano pasou a vivir a Bimenes; que, despois de obter o título de bacharelato, matriculouse na Faculdade de Letras da Universidade de Oviedo en 1966 e que posteriormente se desprazou a Zaragoza para especializarse en Xeografía. Evocando a etapa universitaria, abordamos tamén o compromiso coa reivindicación democrática e as represalias do sistema franquista que o levaron a ser detido, torturado e encarcerado. Morto o ditador, entre 1977 e 1979 -durante dous cursos- o xeógrafo exerceu a docencia no Instituto Carreño Miranda de Avilés.
Mais a tradición republicana da familia e as experiencias reivindicativas da etapa universitaria foron máis fortes e o activista pasou ao exercicio da politica institucional con grande apoio da cidadanía. Non só chegou a ser o primeiro alcalde da etapa democrática en Bimenes, senón que conseguiu varias maiorías absolutas sucesivas e desempeñou esa responsabilidade durante un período de vinte anos (1979-1999).
En referencia á declaración de oficialidade do asturiano, o ex-alcalde explícanos que en Bimenes foron os primeiros en tomar esa medida por un feliz acaso. En 1997, no decurso do último período de xestión de García Gutiérrez, o grupo político Andecha Astur -que carecía de representación institucional- enviou unha circular aos concellos con varias propostas políticas, unha delas a declaración da oficilidade. En Bimenes o alcalde, falante de asturiano desde a infancia, deulle curso institucional ao escrito, convenceu os integrantes do seu grupo e negociou coa oposición socialista (3) e popular (2). Unha vez que estaba garantido o éxito da moción, organizaron a festa, co irmandamento con Miranda do Douro como elemento simbólico de ligazón coa tradición histórica.
O tempo pasou como sen sentir e acabamos a entrevista coa sensación de termos aprendido moito non só de historia e sociolingüística, senón tamén de compromiso coa terra e coa cultura. Sirvan estas liñas para deixar constancia do noso agradecemento. 

05/08/16

ASTURIAS RECLAMA A OFICIALIDADE DOS IDIOMAS PROPIOS

1997-2016: Vinte anos de loita conmemorados en Bimenes

Camisola divulgativa da campaña normalizadora emprendida polos concellos asturianos

 O día 2 de xullo o Concello de Bimenes acolleu a vixésima edición da Fiesta de la Oficialidá de la Llingua Asturiana. Os actos comezaron coa celebración dun pleno extraordinario en que de novo se aprobou por unanimidade a declaración de oficialidade do idioma asturiano, tal como xa se tiña feito vinte anos antes (concretamente o 5 de xullo de 1997).
É de salientar que no acto institucional interviron o alcalde anfitrión, Aitor García; e o seu homólogo de Miranda do Douro, Artur Nunes, o que supuxo a visualización simbólica do alcance do espazo territorial do idioma asturiano.
Este é o texto íntegro da Declaración aprobada:




 Posteriormente ao pleno municipal, representantes doutros concellos e deputados da Xunta Xeral deron lectura a manifiesto de Conceyos pola Oficialidá e comprometéronse publicamente a defender os dereitos dos utentes das linguas de Asturias: "Pensábamos que desde os concellos era obrigado saír a defenderse destas agresións agrupándonos nunha reacción decidida e colectiva: pensábamos que o asturiano e o galego-asturiano teñen que ser transversais nas políticas municipais porque son un instrumento de relación diaria, porque son un patrimonio cultural, porque proporcionan uns dereitos, porque forman parte da identidade dos concellos... E tamén porque desde o local pode impulsarse a decisións políticas doutro nivel, de protección, de promoción ou de recoñecemento oficial da lingua."

Este é o documento completo:



04/08/16

BIMENES


Deixándonos levar polas palabras do "axente diplomático" Inaciu Galán, decidimos coñecer "in situ" Bimenes co obxectivo de comprobar o grao de vitalidade do idioma asturiano no centro oriental de Asturias. Uns días antes de emprendermos a viaxe, puxémonos en contacto co alcalde, Aitor García Corte, a quen transmitimos o desexo de que nos concedese unha entrevista para recollermos información. Ofreceunos todas as facilidades e mesmo xa nos resolveu algunhas consultas a través do correo electrónico.
A través da A-8 a viaxe a Bimenes é un paseo. Á altura de Xixón hai que estar atentos para tomar o desvío en dirección a Pola de Siero e á altura desta vila deixar esa estrada e tomar a A-64 para Nava. O resto é xa unicamente atender as indicacións.
A subida a Bimenes desde La Espinera xa é un adianto da beleza paisaxística da comarca, algo que se confirma na baixada a Santuyano. De todos os xeitos, o mellor de todo é chegar a Manrtínporra e, nada máis estacionar o coche diante da casa do concello, comprobar que as reclamacións dos movementos sociais asturianos está plenamanente xustificada. Sen sequera entrar no consistorio, xa tomamos consciencia de que a declaración de oficialidade da súa realizada pola corporación municipal foi unha medida de sentido común. As veciñas e veciños que se cruzaban ao iren ou viren de resolver trámites administrativos saudábanse e falaban espontaneamente entre si en asturiano.
Nada máis entrarmos no edificio administrativo, observamos a plena coherencia entre a reivindicación pública e a actuación particular. A rotulación interior da casa do concello está feita en asturiano.

Mostra da rotulación interior do Concello de Bimenes

O alcalde, Aitor García Corte, recíbenos con moita amabilidade e responde as preguntas que levamos preparadas. Así sabemos que se presentou ás eleccións en representación do Partido Asturianista; que conseguiu 3 edís; que forma goberno con Izquierda Unida (con 1 edil) e Xente Yerbato (con outro representante); e que na oposición está o PSOE (con catro representantes).

Aitor García Corte, alcalde de Bimenes, móstranos documentación relacionada 
coa declaración da oficialidade do asturiano.

O primeiro edil explicounos que a corporación por el presidida renovou un compromiso histórico asumido polo pleno do concello con data de 4 de xullo de 1997, o día en que se aprobou a declaración de oficialidade do idioma asturiano dentro do termo municipal de Bimenes. Contounos tamén que esa iniciativa foi secundada no seu momento por outros municipios, entre os que destaca os de Langreo e Llanera. Confirmounos tamén que, posteriormente, o Tribunal de Superior de Xustiza do Principado declarou nulas as mocións; e que, aínda así, desde 1997 celebran anualmente a Festa de la Oficialidá (na primeira semana do mes de xullo). Ademais de nos ofrecer unha panorámica da literatura, da música e dos espectáculos feitos en asturiano, o alcalde ofreceunos copias dos textos do manifesto lido no encontro de 2016 e da declaración de oficialidade renovada polo pleno na sesión do día 3 do mesmo mes. Ambos documentos, de grande interese, serán reproducidos e comentados na seguinte entrada.


03/08/16

INACIU GALÁN


Inaciu Galán toma a palabra nun acto en que está acompañado por
Fernando de la Fuente, Ramón d'Andrés e Humberto González.
A foto corresponde ao acto de presentación de Iniciativa pol'asturianu 
no Arcu Atlánticu de Xixón.

Chámase Inaciu Galán. É asturiano de Xixón, onde naceu en 1986. Coñecémolo no encontro Hitzargiak, celebrado en Euskadi, a onde acudiu en representación de Iniciativa pol'asturianu para falarnos das radios, os medios impresos e as televisións como ferramentas para conseguir maior presenza social das linguas minorizadas.
Sería case imposíbel non tomar boa nota da presenza do representante asturiano no encontro, porque Inaciu ten unha enorme capacidade para o relacionamento diplomático; é unha persoa moi dinámica, que leva a iniciativa e que ten moi boa disposición para o diálogo. Precisamente a través das súas palabras coñecemos os traballos de Iniciativa pol'asturianu, da Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana, da Asociación Cultural Ástura, do compromiso pola oficialidade dos concellos que secundaron o acordo tomado no seu día por Bimenes.
Máis alá do  brillante currículo académico de Inaciu Galán y González (Diplomado en Turismo e especialista en Xestión Cultural, Graduado en Xornalismo e Mestrado en materia de Sociedade da Información e o Coñecemento), o que máis nos impresiona é a súa capacidade de traballo para combinar a docencia de lingua asturiana para persoas adultas, co exercicio do xornalismo radiofónico  (Cadena SER) e televisivo (TPA), da creación literaria e mesmo das artes escénicas.
Inaciu Galán é unha porta aberta para todas as persoas que temos interese en coñecer máis profundamente Asturias e a súa xente.