02/04/20

PORTAS ABERTAS

A profesora Belén Couto no estudio de Radio Burela ao finalizar unha das emisións.
A fotografía é de Lucía Rivas

Belén Couto (*)

A diversidade é unha realidade social derivada da singularidade biolóxica, psicolóxica, social e cultural. Con todo, aínda que temos diferentes estilos de vida, potencialidades, motivacións e intereses, no fondo sempre hai máis cousas -unha esencia- que nos unen.
Agustín Fernández Paz xa o dicía en “Somos iguais, somos diferentes”: Todas as persoas pertencemos a unha mesma raza, a raza humana. Logo, entre nós, o que hai son diferenzas superficiais irrelevantes. Neste mesmo artigo, puxo como exemplo o caso do norteamericano Jesse Owens, que gañara as primeiras medallas de velocidade e de salto na Olimpíada de Berlín, en 1936, xa con Hitler no poder. Cando un periodista lle perguntou se  con aqueles éxitos estaba orgulloso da súa raza, el respondeu: “Claro que estou orgulloso de pertencer á miña raza, a raza humana.”
Polo tanto, claro que temos que sentirnos orgullosos de ser galegos, mais ante todo debemos sentirnos orgullosos de respectar e atender a diversidade.
Queridos amig@s de Proxecto Neo, sentídevos orgullos@s: a iniciativa Proxecto Neo -e todo o Modelo Burela- é un claro exemplo de normalización e inclusión. A quen non lle gusta ter unha xanela aberta á que poder asomarse e contarlle ao mundo as súas vivencias e inquedanzas! Quen non necesitou un día que lle estendan unha man amiga, que o reciban sen preguntas nin formalismos, que lle ofrezan un convite co único compromiso do respecto mutuo e a xenerosidade! Pois o Modelo Burela en xeral, e Proxecto Neo en particular, atende esas necesidades. 
Xusto neste ano 2020 é importante salientar que todo isto non xorde da nada, que é unha continuación de innovación pedagóxica iniciada por Carvalho Calero na cidade de Lugo en 1950. No estilo daquela escola fundada polo empresario Antonio Fernández e o pedagogo de Ferrol, Proxecto Neo e Modelo Burela son un exemplo de levar á práctica unha aposta educativa e un ideario lingüístico moi próximos ao orixinal. Unha resposta educativa que ten en conta a diversidade e que contribúe ao desenvolvemento persoal e social, non só do alumnado, senón da comunidade enteira.
Animádevos a participar como outras e outros xa fixemos. As portas están sempre abertas!

(*) Belén Couto é profesora de Lingua e Literatura no IES Perdouro, onde se ocupa tamén do ensino da materia de Oratoria. Participa nas actividades do Modelo Burela desde o inicio do curso 2019-2020, moi especialmente en tarefas de produción de contidos radiofónicos.

1 comentário:

  1. A profesora e amiga Belén, É unha persona maravillosa que ahora neste escrito e na súa actitude a xenerosidade e a profesionalidade que non deixará de medrar. Grazas polo canto á diversidade... É o que somos diversxs e, por fin, o mundo Sara se de conta que VULNERABEIS...

    ResponderEliminar