Coa organización da Asociación Cultura Tabanka, o día 11 de xaneiro celebrouse na antiga Praza de Abastos de Burela un concerto do artista caboverdiano Alex Djimmy. A partir das seis da tarde, ducias de persoas de todas as idades congregáronse no local e seguiron o proceso de preparación do concerto. Ás oito, chegou a primeira das actuacións. Todas as mulleres que interpretan en Burela a música de Cabo Verde uníronse nunha magna formación e ofreceron un magnífico concerto no que se fixeron notar tamén diversas incorporacións de adolescentes e mesmo crianzas.
Pola súa parte, Ivandro Soares e Flávio Almeida contribuíron decisivamente a caldear o ambiente coa interpretación de varias pezas de rap, nalgúns casos en sintonía cun auditorio que os acompañaba facendo coros.
O prato forte da gala, conducida con moito dinamismo por Riziana Fidalgo, chegou cando eran as nove da noite. Álex Djimmy, por momentos só e por momentos acompañado de Eliane Tavares, Érica Mendes e Taísa Gonçalves, cantou diante dun público entregado que coreaba a súas cancións e que, cando o concerto chegaba ao fin, non o deixaba baixar do escenario e pedía que se prolongase o espectáculo.
Unha mostra do ambiente que se viviu no concerto témola no vídeo preparado por Raquel Gómez. Esta fotógrafa asturiana comezou en 2016 un traballo sobre migración e tomou contacto coa comunidade caboverdiana co obxectivo de contribuír ao diálogo intercultural.
Sem comentários:
Enviar um comentário