Crónica dun emotivo acto dedicado a Hilda Farfante en Boal
Bernardo Penabade
Hilda Farfante conversando con Quique Roxíos mentres Verónica Bermúdez e Pilar Acero, en representación de Forum Boal 3000, mostran o val aos familiares desde a terraza do Hotel-Restaurante Zángano |
Ás seis e media da tarde do pasado día 24 de agosto celebrouse no auditorio de Boal un acto moi emotivo dedicado á profesora Hilda Farfante Gayo, que estivo acompañada na mesa por Verónica Bermúdez, presidenta da entidade organizadora "Forum Boal 3000", e polo escritor Quique Roxíos. O que resultou ser un auténtico "reencontro público" de Hilda Farfante coa localidade en que viviu durante 14 anos -cando ela tiña entre 5 e 19- puxo fin a un longuísimo Guadiana que se prolongou desde 1949 a 2020 (durante 71 anos). Precisamente, tendo en conta estas especiais circunstancias, a entidade organizadora puxo moito empeño para que todo saíse ben e conseguiuno moito máis que sobradamente. Como ten que ser, os traballos de planificación comezaron moito antes de seren feitos públicos, discretamente, contactando con todos os axentes implicados, que foron moitos. Mereceu a pena.
En vista da situación de crise sanitaria que vive o país, o fácil tería sido suspender o evento, mais as organizadoras optaron pola solución comprometida: manter a convocatoria sendo inflexíbeis en materia de aforo e de medidas de distanciamento social. Exactamente como ten que ser. Nese contexto, en menos o listado de persoas que poderían entrar no auditorio xa estaba completo, mais o apoio das novas tecnoloxías serviu finalmente para que o acto puidese seguirse simultaneamente desde o exterior da casa consistorial e mesmo desde calquera lugar do mundo, como fixeron case un centenar de persoas.
Abriu as intervencións a presidenta do Forum Boal 3000, Verónica Bermúdez, que contextualizou o encontro tanto para o público presencial como para o que o seguía a distancia e que lle foi presentando a Hilda as persoas que a acompañaban nese momento. Despois tomou a palabra o escritor Quique Roxíos, que pronunciou un breve discurso no que glosou resumidamente o perfil biográfico de Hilda Farfante e sinalou as razóns fundamentais do acto a ela dedicado (o amor a Boal, o empeño no estudo, a determinación á hora de reivindicar os dereitos da muller, o compromiso coa renovación pedagóxica, o "grito pola Memoria", o espírito solidario...). Inmediatamente despois produciuse a intervención da homenaxeada, que respondeu a varias preguntas formuladas desde a mesa e desde o público. Foi un discurso espontáneo que o público agradeceu con aplausos en varias ocasións. Xa na parte final, tomaron a palabra o alcalde -José Antonio Barrientos-, que entregou á homenaxeada unha reprodución en cerámica das Escolas Graduadas en que ela tiña estudado sendo nena; e, de novo, a presidenta da entidade organizadora que cerrou o acto.
O VÍDEO: DOCUMENTO FUNDAMENTAL
Durante a celebración, resultou fundamental o traballo técnico realizado pola empresa de Comunicación Social BARENTA REPORT. A retransmisión en directo a través do Facebook fíxose cunha extraordinaria cualidade de imaxe e son e iso serviu para que pouco a pouco se fose incrementando o número de persoas que sintonizaban desde moi diversos lugares, como se puido comprobar nas numerosas mensaxes de adhesión publicadas nas redes sociais ou enviadas a través de whatsapp.
Está claro que agora a sociedade ten acceso cómodo ao fundamental: a explicación da motivación da asociación organizadora, o perfil biográfico da homenaxeada e o desenvolvemento do acto. A sociedade ten como nun espello dous minutos antolóxicos: unha muller de case 90 anos e un home de pouco máis de 50 unindo as súas voces no recitado dun poema. Dúas xeracións distantes -a dos anos 50, representada por Hilda Farfante; e a dos 90, representada por Quique Roxíos- dándose a man e fundindo as voces para facer cultura. En conxunto, unha hora de diálogo intercultural auténtico e moi fluído.
A pelota está agora no centro do campo, en aberto. Agora é o momento das asociacións culturais e veciñais, dos centros de ensino -moi especialmente os institutos- e tamén dos medios de comunicación. A materia prima é de dominio público. Que o público a faga súa xa non depende de quen tomou a iniciativa.
Sem comentários:
Enviar um comentário