SARA GIL (*)
Que valor debemos darlle ao galego? Que protagonismo debe adoptar nun contexto educativo? Cal é a maneira de acoller alguén nunha comunidade plurilingüe, como Galiza?
Se agora mesmo saísemos á rúa formulando estas preguntas, habería tantas respostas diferentes… E de todas elas, cales serían de verdade prácticas e cales se resumirían na teoría? Que asunto! A lingua galega ruborízanos cando temos que comezar a actuar e deixar a un lado os papeis. Todos os documentos postos uns enriba doutros nunha mesa de escritorio dalgún despacho semellan esvaecerse cando a realidade nos fai tremer e se nos pon no camiño con todo o seu esplendor.
Durante a xornada do luns 16 de novembro no marco dos XXII Encontros para a Normalizacón Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega, os investigadores Belén Fernández, da Universidade da Coruña e Vicent Climent-Ferrando, da Universitat Pompeu Fabra, reflexionaron sobre a lingua e a diversidade cultural. Burela foi posta como exemplo, xa que aquí, dende a costa de Lugo, sabemos ben o que son as correntes multiculturais. Estamos contentos e orgullosos da nosa pluralidade e así o mostramos en numerosas ocasións.
E agora ben, cal é o papel do galego en todo isto? Témolo tan desaproveitado! Coas correntes migratorias na nosa terra, o galego debería representar ese lazo enorme, fermoso e ben forte que unise a abrupta costa galega coas illas de Cabo Verde. Que mellor maneira de integrar que aproveitando as vantaxes da lingua compartida! Pois xa o temos! E si, só temos que aproveitalo. E a abundante migración de América Latina?
Ben, logo entenderían que cunha lingua tan fácil de aprender e tan útil para a vida diaria no seu lugar de acollida todo pinta moito máis doado. Está claro que non temos unha chave do éxito e, se cadra, tampouco a queremos. Un modelo en que basear algo tan importante como a vida do día a día de cada persoa debe ser flexible, amable e adaptarse a todas as realidades que poidan xurdir.
Ei, ei, ei, pero… Primeiro, antes de nada, debemos querela nós! Coller a nosa lingua, abrazala, coidala, mimala, desgastala de tanto uso e volver a reparala cando haxa algún dano. Debemos desenvolvela como un lazo grandioso que pode unir territorios, que nos fai ser irmáns dos portugueses, dos caboverdianos, dos mozambicanos… De tantos millóns de persoas! E debemos xogar con ela, e rir con
ela, e rir dela, e chorar en galego, e construír soños en galego.
Nese luns das xornadas pola lingua, baixo o tema do plurilingüismo e a inmigración, sacouse a idea máis clara de todas: o plurilingüismo comeza en nós, en todos, con veciños chegados de calquera lugar do mundo… Para cantar en galego e para bailar en berdiano, para ler a Carvalho Calero mentres comemos un arroz chaufa ou para escoitar a Sés mentres cociñamos un nasi goreng. Adiante con todo! Somos moitos, estamos mesturados e podemos construír a torre máis alta peza a peza.
Imos! Hai que arrimar o ombro! Hai que facer historia.
ARQUIVO GV: Sara Gil en Compostela nunha colaboración para o Grandes Vozes. Na fotografía aparece con Carlos Blanco, Uxía Senlle, Socorro Lira e Sérgio Tannus. |
(*) Sara Gil Cordido (Burela, 1996) estudou xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén realizou voluntariado cultural. Alén de se ocupar da área de comunicación do Grandes Voces do Noso Mundo durante o lanzamento do programa, continúa a colaboración en tarefas de asesoramento.
Recentemente defendeu na Faculdade de Comunicación e Relacións Internacionais da Universidade Ramón Lull o traballo de Fin de Mestrado co título Historias da comunidade caboverdiana en Burela. Dos dez "graozinho di terra" á costa galega.
Sem comentários:
Enviar um comentário