01/11/20

EU, NIN TRUCO NIN TRATO




Para min hai dous momentos no ano que son sagrados, pola seriedade e importancia do que hai en xogo e pola fonda información que nos dá sobre o que somos como pobo: o Entroido e o Día de Defuntos.
Chega o Día de Defuntos e para moitos é un día triste, para outros é un día de festa e disfraces, para min é o día do orgullo, do orgullo de saber de onde vés e grazas a quen estás aquí. Para min é o día de escenificar e ritualizar a lembranza dos meus defuntos, dos meus antepasados ou, como acertadamente din algúns paisanos sen sabelo, dos meus santospasados. É un día de dignidade persoal. Por suposto que todos os días do ano son bos para lembrar os que xa non están desta beira da vida, pero convertir esa lembranza nun rito de renovación anual é, como sempre digo, un fantástico mecanismo de reforzo e reafirmación da identidade grupal. 

Este é o día no que honro á miña avoa, á miña segunda nai, que tivo a sorte de morrer o ano pasado e poder ser enterrada como o seu deus mandaba. É o día que contemplo, cos ollos dun neno, os libros que me deixou en herdanza meu pai mentres lembro historias de mariños, viaxes e aventuras. É o día que agradezo cunha vela ao meu padriño que sempre estivese aí cando o necesitei; a data na que recordo todo o que me ensinou meu avó o Sr. Pepe sendo un exemplo de honradez, sacrificio e bondade. É ese tempo liminal onde aínda podo ver a cara do meu bisavó mentres lle pelaba as castañas ao Sol da tardiña con apenas cinco anos. É cando recordo ao meu tío avó Guillermo, filósofo adiantado ao seu tempo, dicindo “a min este mundo non me vale”, e que razón tiña. Cando me reafirmo na máxima do meu tío avó Manolo de que o traballo ben feito “é o orgullo dun obreiro”. Cando añoro aquelas festas de Noite Boa todos xuntos na casa da miña tía avoa Maruja, que en paz descanse. É un dos moitos días nos que desexaría tomar unha caña co meu amigo Angel “Papigil” ou botar unha partida ao xadrez co meu tío Pastor. 

Así que para min esta celebración non é un cachondeo comercial e banal para andar por aí, de bar en bar, vestido de zombi, bruxa ou o conde Drácula. Respecto a opción persoal de cada quen a banalizar e valeirar de sentido esta celebración tan importante para entender a alma do pobo galego. Alá cada un, pero a min non me vale. Para min esta data non é un sucedáneo cutre de festa do consumo yanki, american style. Non é, ou non debería ser, un produto comercial máis deste mundo capitalista e consumista. Para min é algo serio, importante, sagrado. Tan sagrado como a miña identidade e o meu acervo cultural como galego. Para min é o momento de acender lampadiñas de aceite para guialos a todos na súa viaxe polo Alén; de tallar calacús como me ensinou a miña avoa e polas na porta, non vai ser que veña algún que non debe vir; tempo de cocer castañas con anis que seica lle son moi saborosas aos que xa non están; de pór flores nas tumbas como xa facían os neandertais. Para min é a data sagrada do ano na que aínda podo ver, como un regueiro de candeas acesas na noite, o fío infinito que me conecta co que son e co que fomos. Así que eu non vou caer no voso truco, nin quero trato ningún. O meu trato é só con eles e elas. Que a terra lles sexa leve.

Sem comentários:

Enviar um comentário