15/11/20

XXII EDICIÓN DOS ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

 



Migrantes, galegos e galegas que retornan, conveciños e conveciñas que non teñen o galego como lingua familiar ou colectivos non galegofalantes de orixe. Sobre todos eles se centra a XXII edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita ten como título “A integración lingüística como ferramenta de cohesión social” e desenvolverase os días 13 e 19 de novembro. Hai cen prazas e a inscrición está aberta a través do web.


O programa desta edición desenvólvese en tres sesións. Na tarde do xoves 16 de abril abordará o debate da diversidade como riqueza cultural e tentará responder ao interrogante sobre que linguas queren aprender as persoas migrantes. A mañá do venres está conformada por tres mesas que darán a coñecer as experiencias de integración do colectivo inmigrante desde o punto de vista do sistema educativo e desde o dos servizos de normalización lingüística. Ademais, nesta segunda sesión ampliarase a perspectiva para coñecer que acontece nos casos de inmigración e de acollida lingüística en Euskadi e Cataluña. A terceira e última sesión prestará especial atención ao Celga, por ser este o sistema de formación lingüística que se ofrece desde a Administración autonómica e requisito para a integración laboral das e dos migrantes.
Para falar destes asuntos estarán expertos como Belén Fernández Suárez, da Universidade da Coruña; Vicent Climent-Ferrando, da Universitat Pompeu Fabra; Valentina Formoso, do Programa de adquisición de linguas do IES do Milladoiro; Bernardo Penabade, do Modelo Burela do IES Perdouro; ou Loli Castiñeira, integrante do programa de apoio lingüístico do concello de Salceda de Caselas. Como vén sendo habitual, o programa dos encontros remata cun espectáculo, que este ano correrá a cargo de Soledad Felloza.

Máis de vinte anos falando da normalización
Os Encontros para a Normalización Lingüística son unha iniciativa do CDSG e poñen o foco cada ano en aspectos concretos relacionados co idioma. En edicións anteriores analizaron o deporte, a lingua nos máis novos, a realidade plurilingüe de España ou a divulgación científica na lingua galega, entre outros temas.

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia
O CDSG é un dos catro arquivos dos que dispón o Consello da Cultura Galega para a recollida, recuperación e organización sistemática de documentación relacionada co patrimonio cultural galego. O seu principal obxectivo é participar, como axente activo, no proceso de normalización do idioma galego, propiciando o intercambio e difusión dos materiais xerados neste proceso e creando foros de debate e reflexión arredor da planificación lingüística en Galicia.

Como Arquivo de Planificación Lingüística, compila a documentación relacionada coa planificación tanto do galego como doutras linguas minorizadas con situacións sociolingüísticas semellantes á nosa. Mentres que como Centro de Documentación Sociolingüística, xestiona a documentación e información que xera a planificación lingüística para que volva reverter nos diferentes axentes sociais implicados no proceso.

(Información recollida do Consello da Culura Galega)

Sem comentários:

Enviar um comentário