30/12/20

EXPOSICIÓN "PALABRA E MEMORIA DE RINLO"

Horario de visitas da exposición aberta na igrexa parroquial de Rinlo (Ribadeo). A imaxe é de Lucía Rivas.


Inspirada nunhas simples anotacións feitas segundo o método de traballo "Modelo Burela", Rosana Posada Expósito tomou a iniciativa de mostrar ao público o patrimonio documental da igrexa e o cemiterio da parroquia de Rinlo, no concello de Ribadeo.

Coincidindo cunha visita á familia, realizou a primeira tarefa: na igrexa fixo dúas fotografías (a dunha placa colocada no ano 1993 en homenaxe ao sacerdote Alfonso Pampín e a doutra que recorda a construción e a restauración dunha embarcación votiva existente no templo) e despois achegouse ao cemiterio, fixo unha visualización xeral dos epitafios e tomou media ducia de fotografías dos máis significativos.

Consciente do valor dos documentos reunidos, Rosana Posada reuniuse co cura párroco de Rinlo -José Boullosa Canda- e propúxolle facer unha exposición na igrexa, exposición que quedou axendada para o día 27 de decembro, coincidindo coa época de reencontro das familias durante as festas do Nadal.

Durante a semana, a promotora da exposición aproveitou as novas tecnoloxías (especialmente o whatsapp e o correo electrónico) e púxose en comunicación coas diferentes familias implicadas para comentarlles a idea da mostra e para pedirlles uns breves textos sobre as circunstancias en que estes foron feitos (autoría, data, acollida, etc). Simultaneamente, imprimiu as fotografías e as súas correspondentes explicacións e concertou con Matías Nicieza a gravación do acto e a realización dunha sinxela reportaxe audiovisual que deixe constancia para o futuro tanto dos materiais recollidos como das persoas implicadas e da posta en escena da iniciativa.

Finalmente, na tarde do sábado desprazouse de novo a Rinlo e fixo unha sinxela montaxe da exposición: sobre unha rede mariñeira reutilizada combinou as fotografías cos seus respectivos textos explicativos elaborados por cada unha das familias protagonistas da mostra, inaugurada durante a mañá do día seguinte en presenza do párroco e dunha nutrida representación veciñal.

Rosana Posada Expósito, a impulsora desta iniciativa de dinamización cultural levada a cabo en Rinlo, apostou por un proceso rápido e simple, ao alcance de calquera persoa que desexe facer o mesmo no seu ámbito máis inmediato. 

INFORMAÇOM COMPLEMENTAR

Información no portal O MEU POBO DE RINLO

A noticia no CRÓNICA3 e no Xornal da Mariña

A historia do San Pedro Mariñeiro ou o San Pedro Negro (La Voz de Galicia)

As visitas á exposición (Portal Galego da Língua)


Sem comentários:

Enviar um comentário