No consistorio de Bimenes, o alcalde -Aitor García Corte- esfórzase por dar resposta a todas as preguntas que lle formulamos sobre a convivencia lingüística naquel concello do centro de Asturias. Mentres nos explica, sempre pendente de se entendemos correctamente, busca na mesa, no ordenador e mesmo nos arquivadores a documentación que corrobore as súas palabras. Nós insistímoslle en que non queremos abusar do seu tempo e que nos sentimos agradecidos pola acollida que nos dispensou e por todas as orientacións que nos deu tanto para facer visitas como para procurar informantes, mais el non perde un minuto na procura de documentación para ofrecernos. Impresionante.
Cando xa nos estamos despedindo, dicímoslle:
-Alcalde, queremos levar algunha imaxe inequívoca de que ese sentimento se traduce en feitos... Queremos fotos ou vídeos que demostren como é a realidade.
O alcalde dinos que podemos tirar fotografías da rotulación interior do concello, que podemos saír e ir ver o taboleiro de anuncios e que mesmo podemos levar algúns cartaces que anuncian espectáculos teatrais. Parécenos ben -e tomámoslle a palabra-, mais aínda insistemos en que queremos algo que teña saído da sociedade civil:
-Non entendo.
-Entendes. Claro que entendes. Por exemplo: queremos comer nun sitio que, para elexir, tamén haxa comida asturiana, feita con produtos asturianos... e que nos atendan en asturiano, porque estamos aquí para aprender.
Xa no corredor da casa do concello, o alcalde de Bimenes ponnos a man no ombro, ri e tranquilízanos. Dinos que non teremos o menor problema para gozar da boa cociña tradicional e cítanos media ducia de lugares, todos descoñecidos para nós. Repentinamente, cala, pensa e adiántanos que en todos eles haberá un ambiente de fala asturiana, mais que descoñece se hai algún en que o menú apareza escrito tamén en asturiano. "Non hai problema por iso, xa o comprobaremos nós": foi o que pensamos.
-E no cemiterio?
-No cemiterio?
-Si... Haberá algunha familia que puxese epitafio en asturiano...
Aitor García Corte fica sorprendido. Pensa. E, nuns segundos, dinos que non o sabe con certeza, que nunca tiña reparado no uso do asturiano nun contexto así e que é case seguro que non haxa ningunha. Ainda así, nós sabemos que non debemos marchar de Bimenes sen facer a comprobación. Vinte anos depois da iniciativa de oficialización promovida pola corporación presidida por Joaquín Garcia Gutiérrez, sería un pouco triste que a semente non prendese.
Non nos deu tempo a desanimarnos, porque decidimos tomar un aperitivo e, simultaneamente, botar un ollo ao menú nunha das casas de comida de Bimenes. O ambiente era magnífico. Na barra había varios traballadores -camioneiros, viaxantes, traballadores da construción...- que chegaban con sede e querían tomar algo antes de sentar a comer. Non había que afinar moito o oído para comprobar que case todos falaban en asturiano. Con absoluta fluidez. Totalmente vivencial.
Aínda que era cedo, xa non saímos buscar outro lugar. Para que? Tempo habería de tomar despois un café nalgún dos outros establecementos para facer a observación lingüística. Esta xa estaba feita e ben feita: en Bimenes era perfectamente posíbel degustar a gastronomía asturiana en ambiente asturiano. Encantounos.
Pola tarde, chegou o momento para o cemiterio de Bimenes. Preguntamos polo emprazamento e conseguimos localizalo rapidamente. Nada máis entrar, alegrounos ver un recinto moi ben coidado e con esa enerxía positiva comezamos o visionado. Avanzamos en horizontal cara a dereita -un, dous, tres... vinte nichos- e nada de nada: todo igual que nas nosas parroquias (identidade non visíbel). Xusto despois, chegamos ao ángulo recto e encaramos o muro vertical. E, con tres ou catro metros andados, ali diante dos nosos ollos apareceron aquelas palabras: "N'Alcordanza"
Primeiro vímolas. E despois pronunciámolas case en silencio: "N'Alcordanza". Uns segundos máis tarde, baixamos un pouco a vista e continuamos lendo: "Tu yes de los...". E chegamos á marca identitaria final: "La to familia".
Nese momento, volvemos a ler e fixámonos no nome (Dora Vigil Castañón), na data do falecemento (o 27 de maio de dous mil... e algo) e naquelas palabras de significado intenso "Tu yes de los muertos que nunca muerren". Daquela sentímonos da súa familia. Por que? Pola forza da palabra auténtica.
Poderíamos saír do recinto e preguntar nas casas veciñas. Temos a certeza de que conseguiríamos información. Moita. Mais non o fixemos.
Dedicimos tirar unha fotografía e regresar.
Tempo habería de saber quen foi Dora e quen foron as persoas que se encargaron de gravar o seu nome para a eternidade ao tempo que lle daban vida a súa cultura.
Tempo habería...
... e hóuboo.
Asturianos con amor a Asturias. Eses son os nosos irmáns. Modelo Burela.
Delas e deles falaremos na próxima entrega.
Sem comentários:
Enviar um comentário