04/12/18

MARCO PEREIRA PARTICIPA NAS III XORNADAS DE MEDIACIÓN COMUNICATIVA

Cartaz das III Xornadas de Mediación Comunicativa organizadas
polo CIFP Ánxel Casal da Coruña

Con organización das alumnas do Ciclo Superior de Mediación Comunicativa do CIFP ÁNXEL CASAL da Coruña, durante os días 3, 4 e 5 de decembro celébranse na Coruña as III Xornadas de Mediación Comunicativa "A Mediación é unha opción"
A actividades didácticas comezaron ás dez da mañá do luns, día 3, co relatorio de Lucía Lombardía sobre terapia con animais. Ao medio-día a intervención de divulgación social realizouse diante do Concello, onde se celebrou unha orixinal "Paraugada a María Pita". A xornada da tarde comezou cun obradoiro titulado "Derrubando barreiras" e inmediatamente despois, ás seis da tarde, a alumna Paula Quelle presentou un novo relator, Marco Pereira, que foi protagonista do relatorio "Universidade sen fronteiras". 

15/10/18

MARCO PEREIRA OLIVEIRA GAÑADOR DO PREMIO "ESTUDANTE GALEGUISTA"

Marco Pereira con Karina Parga durante a realización dun dos programas do Grandes Vozes


O Premio ao Estudante Galeguista ten xa gañador: o afortunado chámase Marco Samuel Pereira Oliveira. Nacido en Xove en 1993, actualmente é estudante de Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago de Compostela. Entre os seus méritos, a entidade promotora do certame tivo en conta o seu expediente académico no Ciclo Superior de Administración e Finanzas (que realizou no IES Perdouro durante os cursos 2015-2016 e 2016-2017) e tamén o seu labor de coordinación do programa Grandes Voces do Noso Mundo (http://grandesvozes.com/gl/), emitido en Radio Burela desde o comezo de 2016.
A entidade promotora do premio é a Assembleia Nacional Galega (ANG), unha entidade cívica independente de calquera organización política ou sindical, que ten como un dos seus obxectivos principais reforzar os vínculos entre Galiza e diáspora galega. 
O PRÉMIO "ESTUDANTE GALEGUISTA" foi convocado por vez primeira neste ano 2018 e ten como finalidade potenciar entre a mocidade o uso da língua galega, a excelencia académica e o compromiso e activismo en defensa da cultura e da sociedade galega. Conta co patrocinio de catro librarías: Cartabón (Vigo), Suévia (Corunha), Trama (Lugo) e Pedreira (Compostela).
Segundo informa a entidade organizadora, o acto de entrega do premio realizarase proximamente na cidade de Lugo.

29/05/18

VISITA DA PROFESORA LUZ ZAS, DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

A profesora Luz Zas na biblioteca do IES Perdouro e no momento en que, a través de videoconferencia, se establecía comunicación con María Martínez, de Acción Magistral. Nilda Borges e Marco Pereira tamén tiveron participación moi activa no encontro.

A profesora Luz Zas coñeceu "in situ" o Modelo Burela. A visita produciuse o pasado día 25 de maio e prolongouse en xornada completa de mañá e tarde. Pouco despois das 11:00 da mañá, a profesora visitante foi recibida na biblioteca do instituto e coñeceu diversos axentes sociais implicados na iniciativa educativa impulsada desde o IES Perdouro.
Inmediatamente despois dos saúdos iniciais, a xornada foi presentada como "punto de encontro entre escola e sociedade; e como actividade de cohesión entre os diferentes niveis educativos". Un dos obxectivos centrais era propiciar o coñecemento de dúas experiencias escolares que tentan dar resposta ás demandas da sociedade actual, ambas promovidas en localidades en expansión demográfica (Arteixo e Burela) resultado da chegada de poboación tanto doutras localidades da xeografía galega como do resto do Estado ou mesmo doutros países.
A profesora da área de Lingüística xeral da USC presentou en Burela o traballo de campo que realiza en Arteixo desde 2009, nunha situación de contacto masivo de linguas (como ocorre en Burela). Unha das actuacións céntrase nun grupo de Atención á Diversidade de adolescentes en situación de exclusión social ou con risco de entrar nela. 
Dado que actualmente forma parte dun equipo de investigación dun proxecto coordinado pola doutora Gabriela Prego e financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade (“Superdiversidade lingüística en áreas periurbanas. Análise escalar de procesos sociolingüísticos e desenvolvemento da conciencia metalingüística en aulas multilingües”), a profesora Zas Varela estaba interesada en coñecer os puntos de vista de persoas implicadas en procesos educativos que relacionan os centros escolares co seu ámbito social máis inmediato. En Burela tivo a oportunidade de escoitar as intervencións de  Nilda Borges, experta en Identidade Persoal que axuda a mulleres que padecen situacións de exclusión; de Marco Pereira, director do programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo; Lucía Rivas, unha das integrantes de Proxecto Neo, o programa educativo que promove a comunicación entre persoas de culturas diferentes; e de Pablo Álvarez Ramos, o avogado que actúa como portavoz da comisión veciñal que reivindica a concesión da Medalla Castelao para Antonina Semedo, en representación da comunidade caboverdiana que cumpre agora 40 anos asentada na Mariña. 


MÁIS INFORMACIÓN






03/05/18

ADRIÁN CANOURA PRESENTOU A SÚA PRODUCIÓN CINEMATOGRÁFICA E MUSICAL NO IES PERDOURO



O cineasta Adrián Canoura retornou este xoves ás aulas do IES Perdouro e esta vez para presentar ao alumnado do bacharelato de Humanidades as súas creacións de vangarda artística nos ámbitos do cinema e a música.
No capítulo da formación, Canoura explicou a súa experiencia na Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC e insistiu diante do alumnado na necesidade de completar a formación  básica con cursos específicos. Neste sentido, mostrouse tamén moi satisfeito da aprendizaxe que adquiriu na Escola de Ficción de Voz Audiovisual e no Máster LAV, realizado en Madrid.
Centrado na súa obra de creación, o cineasta de Burela lembrou diante do alumnado o proceso de realización do seu primeiroo traballo: Escamas, Sangue!, feito en 2014, con Breixo Llano, cando aínda era estudante na Fundación TIC. A seguir, expuxo as características de Salitre nas Veas (de 2017, ambientada no Vicedo) e de  Caerán Lóstregos do Ceo (de 2018, e baseada nos ensaios antropolóxicos de Vicente Risco), ambas presentadas nestes días pasados no festival PLAY DOC de Tui.
Antes de finalizar o coloquio, abordouse o tema da creación musical. Por un lado, Canoura evocou o Nistra Batuko Exploration (2015), que recupera imaxes da convivencia  intercultural en Burela durante os anos 90 -con imaxes de vídeo gravadas naquel momento-; e, por outro, coa presentación da música de Baiuca, o proxecto músico-adiovisual co que está colleitando moito éxito e que terá a próxima cita co público especialista no decurso do Festival de Cans.

28/04/18

GRANDES VOCES: O PROGRAMA MÁIS INTERNACIONAL DA MÚSICA GALEGA

O brasileiro Roberto Carlos e a galegas Guadi Galego e María Manuela protagonistas do primeiro programa retransmitido pola Radio Internacional Lusófona

Marco Pereira e Silvera Vicente de Oliveira protagonistas do primeiro programa retransmitido pola Rádio Internacional Lusófona

O programa musical Grandes Voces do Noso Mundo, dirixido por Marco Pereira Oliveira coa colaboración do caboverdiano Edilson Sanches Tavares e do cineasta galego Matias Nicieza, comeza unha nova etapa. Despois de 77 semanas a ser emitido desde Galiza, o 27 de abril de 2018 pasou a ser reproducido en horario de máxima audiencia (as 20:00 horas) a través da Cíber-Radio Internacional Lusófona. A entrega escollida foi a número 40.

O programa con orientación máis universalista da música en língua galega, que semanalmente reproduce doce cancións dos diferentes países en que é falado o noso idioma, conta tamén cun espazo para a conversa. O "Deixe Falar" - título tomado dunha canción da cantora mozambicana Yara da Silva-, de 15 minutos de duración, estivo nesta ocasión dedicado á cantora galega María Manuela.

06/01/18

As Moreninhas


As tres Moreninhas durante o ensaio da súa actuación no Luar acompañadas á guitarra por Xosé Ramón Gaioso

 O Nadal é, de certo, a festa máis importante na liturxia cristián. Unhas datas de recollemento, de opíparas comiolas, de familia e de reivindicación do nacemento do fillo de deus. 
Todo iso aderezado cun pico considerable do consumo doméstico que, co seu paso fugaz, deixa tras de si pesadas dixestións e o comezo da costa de xaneiro. A volta da realidade. As leis de mercado non sempre poden ser un indicador fiable, en ocasións os mellores agasallos non se poden mercar; vellos tópicos que seguen tan vixentes e actuais coma cando naceron.
Deste xeito, sen pensalo, sen pretendelo, coa espontaneidade que define os mellores momentos das nosas vidas coñecín das Moreninhas, un grupo vocal de tres integrantes. Foi na gala de Nadal organizada o día 23 de decembro en Burela pola fundación Eu Son.
Collendo prestada a expresión: as tres “pombas douradas” de Cabo Verde, foron capaces de converter a Casa de Cultura de Burela nun espazo digno do seu nome, na perfecta simbiose musical e cultural galego-cabo verdiana. Toda a gala foi un compendio de humanidade, bo gusto e compromiso por parte dos intervintes. 
Abraiado polo suceso, non ficou aí a cousa, senón que as nosas tres amigas tiveron a oportunidade de facerse ver nun escenario de maior notoriedade, o da Televisión de Galicia no programa Luar. 
Érica Gomes Mendes, Raquel Lopes Ramos e Eliane Tavares Mendes, tres rapazas cabo verdianas afincadas en Burela, as Moreninhas, foron o día 29 de decembro a Compostela ao Plató 1000, o espazo onde se emite o devandito programa. 
Pero o seu canto non é só un gusto para os ouvidos, é tamén o mellor reflexo da integración e da fusión cultural nun tempo triste no que ameaza a vella pantasma da xenofobia, o máis brillante embaixador do modelo Burela, o garante das obrigas constitucionais do dereito á cultura, á liberdade da mesma e ao seu acceso.
 Ano novo, votos renovados. Certo é que esta opinión soe ter por tema cuestións de actualidade dende unha perspectiva xurídica, é verdade que a actualidade mediática destes días anda por outros lares… 
Pero non se confundan, as nosas protagonistas son un faro, elas representan a liberdade cultural consagrada na constitución e só nese espazo poderá forxarse a igualdade ante lei fixada no art. 14 do mesmo texto.
 Que o recén inaugurado ano sexa un camiño de cultura e igualdade. Que a lei recoñeza o dereito fundamental á música e á poesía. Ventureiro 2018.

* Pablo Álvarez Ramos (Cervo, 1984) é avogado con actividade profesional na Coruña (Bufete Bellón) e Burela (AR). Está especializado en Dereito Civil Xeral, Laboral e Administrativo.
Este artigo foi orixinalmente publicado na sección "Con pólvora e magnolias" que o autor mantén semanalmente no xornal dixital Crónica3.com

03/01/18

VISITA Á TVG E ACTUACIÓN NO LUAR

Bernardo Penabade

Durante a xornada do 29 de decembro de 2017 unha expedición Modelo Burela realizou unha visita de estudo á TVG con motivo da presentación musical das Moreninhas no Luar

Facer unha intervención educativa Modelo Burela implica que se traballa dentro e fóra do recinto escolar e que se propicia unha relación directa entre o alumnado e a sociedade en que vive. Esta educación para a vida reconforta -porque lle dá pleno sentido ao traballo-, mais tamén implica moitos sacrificios (non só polo tempo e o esforzo particular, senón polo tempo e o esforzo doutras persoas a quen se pide colaboración).
Facer unha intervención educativa Modelo Burela implica motivar o alumnado para conseguir a participación, implica o contacto coas familias -non todas predispostas á colaboración-, cos diferentes órgaos educativos (directivas, claustros e consellos escolares) e implica facer a mediación con persoas e entidades alleas á comunidade educativa. Todo un risco, porque, se falla un dos axentes implicados, o proceso xa non sae ben, os obxectivos non se conseguen e xérase frustración colectiva. Por iso, cando se completa con éxito cada unha das actividades, sentimos un grande alivio e mesmo temos forzas para voltar a vista atrás e contar unha historia bonita como esta.

Esta historia bonita ten o seu comezo durante a segunda semana do mes de decembro, en pleno período de avaliacións escolares. Unha redactora do Luar pídenos colaboración para poñerse en contacto con Eliane, Érica e Raquel.
 "Encántannos! Podedes pasarnos algunha información sobre elas?".
Durante o proceso de documentación soubemos que a nosa interlocutora era Elena Mareque e descubrimos nela unha extraordinaria profesional. Grazas ás súas xestións, o que ía ser unha actuación no Luar pasou a ser unha intervención educativa en toda regra, primeiro na sede da TVG en San Marcos e despois no Plató 1000 de Montouto (en Teo).

A expedición Modelo Burela con Sebi Martínez no plató da Revista

O equipo da Revista deunos todas as facilidades para que puidésemos aprender. Uns minutos antes de entrar en antena, Sebi Martínez saudounos con grande amabilidade e accedeu a facer unha fotografía para o recordo. Despois vimos desde dentro a engranaxe do programa: as indicacións dos momentos previos, a sintonía, a presentación dos contidos e a posterior combinación de condución desde o estudio cos contactos en directo cos diferentes puntos en que estaba a actualidade informativa (Ferrol, Pontevedra, Ribeira...) e coa emisión de contidos recollidos en diferentes vídeos. Comprobamos "in situ" o traballo de realización, iluminación, manexo das cámaras e mesmo o discreto papel do persoal de relacións públicas como ponte de comunicación entre o equipo técnico do programa e as persoas que ían chegando para seren entrevistadas.
Érica, Raquel, Eliane -Moreninhas- e Marco Pereira Oliveira -director do programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo- no momento en que finalizaba a visita de estudo á sede central da TVG en San Marcos
Despois da comida, era o momento de que Érica e Eliane tomasen contacto coas pedras de Compostela, a capital galega que só coñecían a través dos libros e das proxeccións audiovisuais. O paseo pola Rúa Nova desembocou primeiro nas Pratarías e despois na Praza do Obradoiro. En pleno proceso de recoñecemento da Catedral, do Palacio de Raxoi, do Hostal dos Reis Católicos e do Pazo de San Xerome, tivemos a fortuna do encontro con Miguel R. Penas, que nos presentou as persoas que o acompañaban e compartiu uns momentos con nós.
A expedición Modelo Burela na Praza do Obradoiro cunha representación do Concello de Santiago. No centro da imaxe: Miguel R. Penas (responsábel de comunicación) e María Rozas (Tenente da Alcaldía e Concelleira de Economía)

Feito o saúdo a Valle Inclán no paseo da Ferradura, chegou o momento da clásica fotografía coa catedral e a cortina de chuvia como fondo
A recepción no Plató 1000 foi inmellorable. Tomando emprestada a expresión de Séchu Sende, poderíamos dicir que foi "unha recepción Made in Elena Mareque", cun cálido saúdo, coas presentacións do equipo e cunhas explicacións que nos fixeron sentir como na casa.
Unha mostra do ambiente de alegría que se creou durante as presentacións. Elena Mareque tiña preparadas moitas sorpresas.

Fermosa casualidade: as Moreninhas tiñan o seu camerino xusto frente ao dos integrantes de El Consorcio. A ilusión e a veteranía convivían no mesmo corredor. 

As artistas familiarízanse co programa. Xosé Ramón Gaioso acolleunas con moitísimo cariño.

Grazas ás xestións de Elena Mareque, Marco Pereira (director do programa musical Grandes Voces do Noso Mundo) e as Moreninhas coñeceron e conversaron durante uns minutos con Xabier Díaz
Aínda que o ensaio acabou ás cinco da tarde -e aínda que faltaban cinco horas para que dese comezo a realización e emisión do programa-, ninguén quería abandonar aquel lugar máxico. Aprendíase vendo o resto dos ensaios, aprendíase vendo o traballo de guionistas, presentadores, relacións públicas, cámaras, persoal técnico de luz e son... Aprendíase minuto a minuto en contacto directo con todas as persoas implicadas no programa.
Tras ese período de aprendizaxe continuada, chegou o momento clave: a actuación. Superando a limitación dos nervos, Eliane elevou a voz para facer un agradecemento a Rubén Riós, Emilio Rúa e Tania Fuegho. Era de xustiza que o fixese, porque do programa Ruralizarte saíu a súa primeira formación artística.
Despois da entrevista, o vento soou e díxonos que no seu niño novo había unha pomba dourada e que afortunado sería quen puidese namorala. As Moreninhas  tomaban alento de novo e o vento volvía a susurrar acompasado coa guitarra de Gaioso, que non se vía descontento. Cando cantaba o luar ao mencer en frauta de verde olivo, a pombiña dourada xa case tiña un ar de flor recente, como recén casada; era unha sombra de sombra, un andar primeiro de río...

Mentres tanto, no plató e nas casas primeiro foi a sorpresa, despois a complicidade e finalmente o aplauso. Por que? Xustamente, porque estaban vendo algo novidoso: o resultado da interculturalidade tomado na base, ao natural.
Así, deste xeito, a intervención educativa Modelo Burela transcendeu os muros do centro escolar e a través das ondas chegou a millares de fogares galegos concentrados na nosa terra ou distribuídos polo mundo. Magnífica xornada para o director do Grandes Voces, para as tres Moreninhas e magnífico para a audiencia que puido gozar da dimensión internacional da nosa música sen ter saído da casa.
Tania Fuegho con Eliane Tavares Mendes. Mestra e discípula reencontráronse no Plato 1000 da TVG


Finalizado o programa, Xosé Ramón Gaioso despídese de Marco Pereira e das Moreninhas. As vinte horas de intervención educativa entraban xa na recta final, a do retorno á casa.

02/01/18

MORENINHAS

Marco Pereira Oliveira

Érica Gomes Mendes, Raquel Lopes Ramos e Eliane Tavares Mendes son Moreninhas, tres raparigas de Cabo Verde que onte pasaron un dos mellores días da súa vida.
Ás nove da mañá, elas, Bernardo Penabade e eu saímos de expedición en dirección a Compostela. Durante o traxecto houbo breves momentos de silencio intercalados entre outros de risos e cánticos.
Arredor do mediodía chegamos a Santiago e o primeiro que fixemos foi visitar a TVG. Estivemos no plató dos Servizos Informativos, mentres estaban facendo os preparativos técnicos de luces e son para novas emisións e despois asistimos á realización en directo do programa A Revista.
Durante a comida, que fixemos no casco histórico de Santiago -xusto entre a Rúa do Franco e a Praza Doutoral- puidemos conversar tranquilamente con Cristina Montgomery, afillada do "xefe" da expedición. Falamos dos nosos respectivos estudos, das perspectivas laborais e tamén do que as Moreninhas ían cantar no Luar.
Érica, Eliane, Marco e Raquel na praza das Pratarías durante o percorrido
que serviu para que Érica e Eliane coñecesen o casco histórico da capital galega.

Despois dun breve percorrido pola Rúa Nova, as Pratarías e o Obradoiro -onde coincidimos con Miguel Penas (coordinador do gabinete da Alcaldía de Santiago de Compostela)-, dirixímonos ao Plató 1000, lugar no que se realiza e desde o que se emite o programa Luar. Alí nos recibiu cos brazos abertos Elena Mareque e despois presentounos a Xosé Ramón Gaioso, a Xavier Díaz e a unha longa lista de artistas de diversos lugares.
A continuación chegou o momento do ensaio. As Moreninhas prepararon dous temas: nun estiveron acompañadas por Gaioso coa guitarra e noutro cantaron "a capela".
Para pasarmos o tempo, antes da cea e do comezo do programa, aprendemos un xogo de mesa que resultou ben divertido.
A expedición "Modelo Burela" con X. Ramón Albo e Manuel de Andrade.

Mentres Eliane, Érica e Raquel se preparaban no camerino, Bernardo e eu estivemos observando como un grupo de xente ensaiaba un número moi simpático e moi participativo.
Finalmente, chegou o momento! Gaioso tomou a palabra e presentounas as cantoras polo seu nome artístico -Moreninhas-, mais quixo dar a coñecer ao público o nome de cada unha. A entrevista seguímola con moitos nervos e acabamos moi contentos porque responderon moi ben.
Ao finalizar o programa, aínda fixemos fotos con Xosé Ramón Albo, con Manuel de Andrade, con Tania Fuegho... e de novo con Gaioso.
Foi unha experiencia moi gratificante. Espero e desexo que as Moreninhas continúen aprendendo e que nos ofrezan máis actuacións. Eu estarei encantado de acompañalas.