Fotocomposición feita no CPI Suárez Marquier con imaxes do momento da emisión radiofónica que uniu Burela e O Rosal durante a tarde do día 15 de xaneiro de 2020 |
Como resultado da colaboración entre o Colexio Público Manuel Suárez Marquier do Rosal e o IES Perdouro de Burela, na tarde do día 15 de xaneiro de 2020 alumnado e profesorado dos dous centros educativos estableceron unha ponte de comunicación intercultural a través das ondas radiofónicas.
A primeira toma de contacto realizouse na semana inmediatamente seguinte ao período vacacional. Unha simple comunicación de correo electrónico serviu de documentación básica para a preparación do guión e para a planificación da emisión. Foi unha actividade práctica que contou coa implicación directa de dez alumnos e alumnas, cinco de cada centro educativo. Cos traballos previos xa feitos, entrou en acción o grupo que prepara semanalmente o Proxecto Neo.
Da biografía da alumna Rosario Barra Simpson, de 11 anos, que estuda 6º de Primaria no CPI Suárez Marquier, orixinaria de Namibia, ocupouse a súa colega Ádila Pereira Lopes, chegada a Burela desde a Illa de Santiago, en Cabo Verde. Pola súa parte, Lidiana de Pina (do IES Perdouro) informouse sobre a súa colega Emily Anne Otero Robinson, que chegou do Reino Unido á área metropolitana de Vigo e que agora participa no programa radiofónico "The Famous five" emitido desde o centro educativo do Rosal. Outro tanto fixo o alumno Yorel Ladra, que se mostrou admirado cando soubo que Ciara Milandré Van Wyk, de 14 anos e nacida en Namibia, é capaz de se expresar con fluidez en catro linguas (afrikaans, inglés, galego e español) e que, ademais, está comezando coa aprendizaxe do francés. A comunicación intercultural completouse coa participación de Nira Mateos Ambekar, nacida en Toledo, de pai europeo e nai asiática, coa caboverdiana Taísa Gonçalves; e da arxentina Sydney Rose Karszenbaum, de 15 anos, con Gerson Semedo, que chegou do arquipélago africano en 2017 e que leva só dous cursos no noso sistema educativo.
Sem comentários:
Enviar um comentário