Bernardo Penabade
No mes de decembro de 2012 fixemos un percorrido de visualización do patrimonio documental polas parroquias do concello de Cervo, tal e como tíñamos feito antes na de Burela e como fixeran no seu día Alva G. Pico no Valadouro e Aida López Vale no Vicedo. Era un paso máis do Proxecto Palabra e Memoria, iniciativa enmarcada dentro do Modelo Burela de pedagoxía social.
Na parroquia de Castelo atopamos un cemiterio pequeno, moi ben coidado, e dispuxémonos a observar as 236 lápidas dos, aproximadamente, 70 panteóns familiares. Cando estábamos xa case no final, tivemos diante de nós a que xustificaba a nosa visita, tal como nos ocorreu en moitas ocasións (raro é aquel lugar en que non hai alguén que depositase a semente da nosa cultura). Tanto nos impresionou aquel documento que no caderno de campo anotamos: "ademais da análise sociolingüística, hai que facer un estudo máis completo. Interesa quen fixo o deseño e o obradoiro en que se preparou).
Coa alegría que dá ter descuberto algo importante, seguimos visualizando a escasa ducia que nos faltaba, xa no fondal do recinto. E, entre aquela ducia, aínda nos agardaba algo non menos importante. Eran estas palabras que reproducimos na imaxe:
En varias ocasións, especialmente nos meses do verán de 2014, en pleno proceso de investigación das descubertas, tentamos localizar a persoa que redactara o texto. Non nos foi nada fácil.
-Xosé Díaz Díaz?!... Non vive por aquí... Debe ser alguén que naceu aquí e que conserva o nicho. Agora seguro que non ten relación coa parroquia, -díxonos unha veciña.
- Ai dese Xosé Díaz hai herdeiros... Tivo un fillo... Creo que está pola Coruña, -díxonos outra.
En calquera caso, a localización do fillo de Xosé Díaz estaba difícil, porque o herdeiro gardaba pouco vínculo co lugar de orixe. Mais había algo que nos intrigaba: dado que o panteón estaba vacío, a onde tería levado o tal fillo os seus defuntos pais?, ou, acaso, os pais serían maiores e vivirían tamén na Coruña?
A investigación da outra lápida do mesmo cemiterio tampouco nos ofreceu luces sobre esta en cuestión e esa foi a razón que nos levou a dar preferencia a outros casos e a deixar este en espera do momento oportuno.
E o momento chegou da mellor das maneiras:
-Eu sei onde vives!, -dixonos de brincadeira Noé, un mociño de 13 anos con tanta forza interior como se tivese 20.
-Que me dis? Sabes?
-Sei! Paso moitas veces por diante. Eu vivo en Castelo...
-En Castelo?
Cando falamos de Xosé Díaz, Noé parou a facer memoria e concluíu que non debía ser persoa próxima, mais rapidamente se lle iluminaron os ollos, porque tiña a solución perfecta:
-Se é unha persoa de Castelo ou de Trasbar, miña avoa ten que coñecelo. Mañá mesmo xa está solucionado.
Con esta idea chegou Noé a Castelo e preguntou á sabia da casa, mais a sabia da casa ficou de boca aberta e non soubo quen era Xosé Díaz e moito menos quen eran a súa esposa e o seu fillo. Iso non desanimou o rapaz felizmente teimudo, que botou man do whatsapp:
-Es persoa que buscas é de Castelo Castelo... ou da parroquia de Castelo?
(...)
-Aquí na casa dinme que os Díaz normalmente son de Trasbar...
(...)
-Que queres saber exactamente?
-Quería saber quen redactou unhas palabras que aparecen no seu nicho...
Acabáramos! Ter comezado por aí!!
Entón comentamos a situación do nicho e, con esa información na cabeza, o servicial Noé colleu a bicicleta e foi ao lugar concreto para situarse no contexto e transmitir a información á avoa, que tería nos testantes un apoio para a localización.
Non fixo falta continuar coas pesquisas, porque, cando o investigador chegou ao destino, atopou un señor e unha señora facendo a limpeza. Nada máis e nada menos que os tan buscados Xosé Díaz e a súa esposa.
Cándida Díaz e Xosé Díaz ("Toniño Molina") recibíronnos na súa casa de Trasbar (Cervo) |
En poucos minutos tíñamos a Sra. Cándida Díaz ao teléfono e recibíamos dela a primeira das leccións. Era como se nos falase frente a frente: preguntaba, escoitaba as respostas e respondía as preguntas. Ela foi quen nos resolveu o enigma:
-O meu marido chámase Xosé Díaz, mais os veciños non o coñecen polo nome oficial. Todos lle chaman Toniño Molina -porque cantaba moi ben, ao estilo do artista famoso- e pensan que se chama Antonio.
(...)
-E quen redactou ese texto, Sra. Cándida?
-Fun eu. Eu mesma o levei e o encarguei. Como xa tíñamos o fillo -e podía haber máis-, pedinlle que deixase un espazo libre debaixo da palabra "esposa", por se nalgún momento había que poñer unha letra máis.
-Estou asombrado, Sra. Cándida!
-Asombrada tamén estou eu. Agora que nos coñecemos, a ver cando nos vemos; tomamos un café e xa me contará por que se fixou nel e por que lle gustou tanto.
Certo é que contamos por ambas partes. Moi certo. Tanto é así que acabamos abrindo unha porta para coñecer moito mellor o Burgo de Trasbar, un magnífico Modelo de desenvolvemento rural.