07/10/16

ANOREXIA BIBLIOGRÁFICA (FOBIA AOS LIBROS)

Vista dos libros preparados para saír con destino ao contentor do lixo


Bernardo Penabade


Hai un pouco menos dun século, retornou ás Grañas do Sor un habaneiro. Tan cheo -no sentido de orgulloso- viña de si, que non se apeaba do idioma que aprendera daquela maneira no Caribe. Como niso non destacaba frente a outros que facían o mesmo que el facía, procurou outro elemento diferenciador e atopouno. Deulle ao home por presumir de riqueza económica e, cando había festas e estaba rodeado, liaba os cigarros en papel moeda. Fumaba o diñeiro.
Mais non foi así toda a vida. Tras dos tempos viñeron tempos.

Outro tanto pasaba nas Pontes nos primeiros tempos da industria térmica. Os rapaces das aldeas chegaban a un bar, pedían un cuba-libre, dábanlle dous ou tres groliños e as tres cuartas partes deixábanas no mostrador. Despois ían a outro bar e facían o mesmo. Ao final da noite presumían de teren tomado dez ou doce ou quince ou vinte. O caso é que non tomaban pouquiño por prudencia. Tomaban tan pouco só por presunción. O que tomaba máis era considerado paleto e, se deixaba o vaso vacío, entón xa lle facían unha feira por atrasado.

O importante non era consumir. Había que derrochar.

Véñenseme aquelas imaxes á memoria por un asunto de libros. Moi triste, por certo. Cada ano nos corredores do Instituto Perdouro ponse unha mesa con libros de texto abandonados. Púxose o ano pasado e púxose tamén este e están expostos ao público para que cada quen colla os que queira. Despois van para o contentor do papel como foron centenas deles no curso pasado. Algo tan clariño como isto: varios miles de euros foron tirados directamente ao lixo.

Con isto do empréstimo de libros -que é bon para a economía, mais é tremendo para as bibliotecas particulares-, atopámonos con que numerosos alumnos e alumnas non teñen nada por onde repasar contidos de cursos anteriores. Como por arte de maxia, desapareceu aquel recurso de botar man de materiais de 5º que en 6º entendíamos moi moi ben "porque eran moi elementais".

"Hoxe non hai problema. Xa está todo na internet", proclaman os adeptos da modernidade. Certo que está, si, mais hai que saber dar con el. E para dar con el, hai que estar mentalizado e hai que saber sortear obstáculos para chegar. E, como norma, ou  non se chega ou só chegan catro (os que xa teñen axuda na casa).

Consciente diso, tanto o ano pasado como este, levei mociñas e mozos diante da mesa dos libros repudiados e díxenlles que os podían levar e que debían levar un xogo completo, de primeiro de ESO e segundo de Bacharelato.

"Non teñades problemas de vergoña. Están aquí para tirar", dígolles. Entón as mociñas e os mozos abren os ollos como pratos e pensan: "que mal da cabeciña está". Por que? Porque, obviamente, non os poden coller. Se os colegas os ven collendo deses libros, rinse deles. Non importa que estean novos e que leven consigo os DVD's con actividades. Non importa que estean forrados ou sen forrar. O único que está claro é que, se están nesa mesa, é porque non serven; e, se non serven, hai que tirar con eles.

Por outra parte, nos mundos de hoxe -en plena era dixital- quen vai coller un libro para levar para a casa?! Se alguén fai iso, é que non é unha persoa como as demais. Coller un libro deses sería como proclamar aos catro ventos a marxinalidade. E iso non pode ser. Todas e todos temos que ser modernos.

Resultado desa modernidade é que auténticas xoias pedagóxicas caerán dentro dunha semana no caixón do papel reciclado e de aí irán para a caixa dun camión. E iso pasa nun centro de ensino que dá traballo a case 60 docentes e nunha vila en que os seus habitantes teñen a media de idade máis baixa de toda a provincia de Lugo.

- Giovanna, isto está moi ben explicado no libro do ano pasado. Bótalle un ollo na casa. 
-No libro do ano pasado? Como o vou mirar no libro do ano pasado?! Eu xa o tirei.
-Ah, non sabía! Non me daba conta... James, e tu tamén o tirache?
-Tamén, claro!

Hai que ter coidado coas enchentas. Poden provocar indixestións.

Sem comentários:

Enviar um comentário