04/05/17

A MOCIDADE GALEGA EN MARCHA



Bernardo Penabade

Durante catro intensas xornadas estivemos en Euskadi como integrantes dunha expedición escolar galega que participaba nun encontro poético-musical de improvisación. Tratábase de facer convivio apoiándonos na música como privilexiado vehículo de comunicación, o que non nos resultou nada difícil. Só vinte minutos despois de se coñeceren, mozas e mozos da nosa expedición e do instituto anfitrión -o de Igorre, no Vale de Arratia- xa estaban interactuando: cantaban dun lado, cantaban do outro... e todo o conxunto batía palmas seguindo o mesmo compás. Vendo aquel panorama, era moi reconfortante estar alí.
Xusto no comezo das actividades, decatámonos de que do lado galego tíñamos un privilexio. Entre nós estaban os Vintenbaio, unha agrupación musical formada por alumnos e alumnas do InstitutoMaximino Romero de Lema. A maneira en que animaban o encontro era impresionante: o mesmo tocaban unha peza instrumental -con gaita, acordeón, percusións e pandeiretas- que lle botaban unha cantada e incluso se atrevían tamén coa danza tradicional. Unha delicia.
En plena actuación, os nosos ollos repararon nun dos integrantes, un rapaz de dezaseis ou dezasete anos, que era o modelo de versatilidade porque cantaba e tocaba o acordeón ou a pandeireta, segundo fixese falta. Cando o vimos tamén danzar, puxémolo no punto de mira para falarmos demoradamente con el.

Xandro Calvo Rojo acompañado por María Pilar Rodríguez Villar, a presidenta da Irmandade de Centros Galegos en  Euskadi. Durante a recepción que a Casa de Galicia de Ondárroa brindou á expedición regueifeira ambos tiveron ocasión de poñer en común os seus respectivos vínculos coas terras de Guitiriz.


Abordámolo o domingo pola mañá. Mentres un autobús dos Fondo da Ponte do Porto -tamén familia de músicos- nos levaba de Areatza a Ondárroa, aproveitamos o tempo para conversar con Xandro Calvo Rojo (Baio, 2000), en presenza da Masa Coral Modelo Burela, que quería facer o seguimento dunha entrevista desde a fase da conversa á da publicación nun medio escrito.
E tu de quen vés sendo?” -pregúntolle. E a resposta non se fai esperar: “Sonche fillo dunha perruqueira de Baio Pequeno, case porta con porta coa casa de Henrique Labarta Posse”. Entón sigo tirando do fío: “Teu pai tamén é desa zona?”. E teño resposta rápida e ben simpática: “Non; el é dos Vilares, en Guitiriz. Foi exercer a veterinaria a Baio e un día foi cortar o cabelo e acabou saíndo coa permanente”.
Mentres a conversa avanza, os radiofonistas de Proxecto Neo non queren perder o mínino pormenor e é normal que así o fagan, porque están diante dun verdadeiro paradigma da mocidade en marcha do século XXI.
Á vista de como se expresa, é evidente que as vivencias escolares de Xandro foron moi positivas. Vese nel unha esponxa para recoller e gardar o mellor. “Teño moi bos recordos de Preescolar na Casa. Fíxate: cinco dos nenos e nenas que compartimos aquela escola aínda continuamos xuntos e xuntos estamos hoxe nesta viaxe educativa. Aquela foi a base da nosa convivencia. Encántame recordala a través das moitas fotos que nos fixo miña nai”.
-E que nos dis do Labarta Pose?
Nese momento, o Xandro respira fondo, pensa... e rapidamente verbaliza aquilo que xa se lle lía na expresión facial: “Tamén alí fun moi afortunado”. Faise o silencio. Mais o noso interlocutor tamén sabe ler nos nosos ollos e dáse conta de que queremos casos concretos. Entón fálanos da súa primeira experiencia teatral, baixo a dirección da profesora Sinda Cundíns Caamaño que lle deu “en 2º, 5º e 6º”.
Mentres o autobús avanza entre montañas direccionadas para o mar, nós tamén progresamos na conversa e falamos do Instituto Maximino Romero de Lema. Un punto e seguido. “Estou contento co que aprendemos dos libros, mais o fundamental é que nos estamos educando nunha extraordinaria escola de valores. Recibimos visitas. Viaxamos. Estamos en permanente contacto co mundo”.
Loxicamente, podíamos deixalo así, porque sería unha fermosa maneira de acabar. Mais, se falamos de visitas e de contacto co mundo, estamos entrando no extraescolar, a realidade á que chegamos fortalecidos desde a escola. A fermosa navegación que lle dá sentido á formación teórica. Na medida en que nos adentramos na combinación do escolar co extraescolar, constatamos que o Xandro é un auténtico experto no aproveitamento dos tempos libres. Das súas palabras despréndese que é capaz de asimilar o mellor das múltiples escolas da vida en que participa. Na Asociación Músico-Cultural Pepe Valiña aprende piano coa profesora Tatiana Pakrátova e participa na coral Xan Mella. E con Jacinto Paredes dálle ao acordeón.
Como se o tivésemos programado, no reprodutor musical do autobús comeza a soar a canción das Matriarcas. Xandro coñécea e a voz de Guadi aínda lle dá máis azos para falar de como se organiza para afrontar as xornadas dos venres. Ademais de ser o día do acordeón, tamén é o día do Inglés (para conseguir o título do nivel C1), de cantar no coro e de botarlle un ollo ao Luar, en familia.
-E os sábados?
Os sábados toca continuar coa vivencia en positivo dos tempos libres. As mañás son para o grupo de música e danza tradicionais na Asociación Cultural Adro, con David Canto (en conxunto), Miguel Abad (en baile) e Álex Insua (en pandeireta). As tardes son para dar unha volta coas amizades e á noite aínda lle restan folgos para practicar o teatro na Asociación Badius. Canta riqueza e que fermoso escoitalo de viva voz!
Cando ao autobús aínda lle falta a carreiriña dun can para chegar ao porto de Ondárroa, nós poñémoslle remate á conversa. Mentres Xandro camiña polo corredor para incorporarse ao seu grupo, nós sentimos admiración. Toda a Masa Coral Modelo Burela era partícipe dunha intensa sesión didáctica de tres cuartos de hora. Todo iso antes de chegarmos ao porto pesqueiro das anchoas. Todo iso antes de sermos recibidos cos brazos abertos na confraría vella.

Unha auténtica fartura, xa antes de comer. Unha xornada completa en só corenta e cinco minutos. Así foi a nosa conversa con Xandro Calvo Rojo, o paradigma da mocidade galega en marcha.

Sem comentários:

Enviar um comentário