09/05/17

DE MIÑO Á MARIÑA, NA PROCURA DA IDENTIDADE

A expedición do CPI Castro Baxoi en Sargadelos con Castelao


Na primeira semana de maio, unha expedición do CPI Castro Baxoi de Miño realizou unha viaxe educativa á Mariña. Dous eran os obxectivos fundamentais: viaxar pola nosa terra para coñecela mellor e querela máis; e ter uns momentos de convivencia coa Masa Coral Modelo Burela, que se ocupa semanalmente da realización do programa Proxecto Neo.
A delegación de Miño, coordinada pola profesora e escritora Begoña Martín Acero e polo xornalista Anxo Varela, foi recibida polo guía en Cervo, onde realizaron un paseo á beira do río Xunco co obxectivo de coñecerse e de visualizar a rica botánica da zona. Inmediatamente despois, subiron á fábrica de Sargadelos para coñecer "in situ" o perfil biográfico de Antonio Raimundo Ibáñez, Afonso D. Castelao, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. As posteriores visitas ao proceso de produción, á sala de exposición e á sección museística serviron de complemento informativo para ofrecer a estudantes e profesorado unha visión global sobre a fábrica.
Xa en Burela, o grupo escolar visitou o cemiterio parroquial, onde recibiron unha breve explicación sobre o paradoxo dos usos lingüísticos da poboación da localidade. 
A seguir, os grupos de produción de Radio Miñoca e de Proxecto Neo reuníronse na área recreativa do Cantiño, onde comeron na compaña dun terceiro grupo de mozas e mozos de procedencia inmigrante.
Con posterioridade á comida, a trintena de participantes na actividade fixo unha visita á praia e ao paseo, seguindo os comentarios de Cristian Gómez Mesa. Pouco antes das catro da tarde, a comitiva encamiñouse polo paseo do Perdouro para dirixirse á Casa da Xuventude, onde anfitrións e visitantes compartiron o programa 194.6 de Proxecto Neo.
Mediada a tarde, a expedición de Miño desprazouse a Barreiros para coñecer a Praia das Augas Santas.
Imaxe da comida na área recreativa do Cantiño. Inmediatamente despois realizouse a visita guiada por Cristian Gómez Mesa


2 comentários:

  1. "Foi un pracer pasar ese dìa con todo@s vós. Grazas de corazón!" Begoña.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas, Begoña Rascacheirafotos! Se actualizas o blogue, pasámoslle a referencia á nosa fotógrafa oficial, que está desexosa de compartillar comentarios sobre esta temática.

    ResponderEliminar