11/05/17

ANTONINA SEMEDO: A INTERCULTURALIDADE É POSIBLE



María Dolores Chas
(Prof. Orientación Educativa)

No final da tertulia, a entrevistada participou nunha sesión fotográfica co profesorado e o alumnado do centro. Na dereita da imaxe (de pé) está María Dolores Chas (Orientadora)

Eu nunca tiña escoitado falar a Antonina Semedo. Só coñecía o seu grupo musical, Batuko Tabanka, e algo da súa historia persoal a través de comentarios dos compañeiros e compañeiras de traballo e a través das información publicadas nos medios de comunicación.

Cando escoitei as palabras que Antonina lle dedicou a Alex Landín, no acto de recoñecemento ao seu esforzo académico, quixen saber máis sobre esta muller fascinante. Non me foi nada difícil, porque na rede hai moita e boa información sobre ela.

Estando en plena organización da conmemoración do Día Escolar pola Paz, pensamos en convidala de novo ao centro e que un grupo de alumnos/as de 2º ESO conducisen unha tertulia centrada no periplo vital da nosa protagonista. 

Todo o auditorio, en especial os rapaces e rapazas de 12 a 14 anos, estábamos fascinados escoitando as anécdotas que ía relatando Antonina sobre os seu primeiros días en Burela. Agora para nós é totalmente normal ver unha persoa coa pel negra, mais daquela (1978) era toda unha novidade.

Impresionoume a fortaleza mostrada por esta muller ao longo da súa vida. Antonina e o seu marido foron dos primeiros en abandonar o seu país e establecerse nun pequeno pobo mariñeiro do que apenas tiñan información. Unha vez aquí, ela dedicouse a recoller algas para axudar a manter a súa familia, fixo plantacións forestais, ocupouse dos traballos domésticos por conta propia e por conta allea e mesmo participou na formación dun grupo de música tradicional caboverdiana co que manter viva a súa cultura.

Eu vexo en Antonina unha muller independente. Unha veciña da Mariña, que está a estudar para conseguir a nacionalidade española e que non para de recordar ás novas xeracións a importancia de conseguir unha boa formación para ter un futuro mellor.

Antonina Semedo é unha muller admirable, un modelo de superación persoal e un exemplo de integración plena no seu país de acollida. Para todos aqueles e aquelas que pensen que a interculturalidade é unha utopía, aquí teñen unha realidade ben tanxible: esta caboverdiana da Mariña ou esta mariñá con orixe caboverdiana.

Antonina Semedo no momento da súa intervención. Detrás dela está o mapa de Cabo Verde elaborado por alumnas e alumnos do IES Perdouro

Sem comentários:

Enviar um comentário