Finalizado o concerto, Guadi compartiu uns minutos coa Masa Coral Modelo Burela. De esquerda a dereita: Karina Parga, s/i, Matías Nicieza, Serxio Alonso, Guadi, Catalina Sánchez e Noé F. Quelle |
Matías Nicieza
Se hai algo do que goste máis que de disfrutar da música de grandes artistas da nosa terra, é facelo na compaña de centos ou ata miles de persoas. Así foi neste pasado mércores 17 de maio, un dos días das Letras Galegas (o que aparece marcado en vermello no calendario, mais no ano hai outros 364) nunha Casa da Cultura de San Cibrao ateigada de público, con todos os asentos ocupados e xente de pé, a onde me despracei na compaña dunha delegación da Masa Coral Modelo Burela radiofónica para asistir ao concerto dunha Grande Voz do Noso Mundo: Guadi Galego.
Tras dunha fermosa presentación a cargo doutra masa coral, a das nenas e nenos do colexio de Primaria da localidade, Guadi regalounos unha fermosa escolma dos temas do seu novo disco e do anterior. Non faltaron os himnos: Chea de Vida, Amar a Mares, Matriarcas (que arrincou un grande aplauso do público nada máis tocar as primeiras notas)...
Guadi, brillante como artista e excepcional no seu declarado compromiso coa lingua, conseguiu meter no peto a cada unha das persoas, que fomos centos, congregadas alí. Quedo coas palabras coas que presentou o último tema da noite: "O amor é o único que move o mundo. E outra cousa: o amor romántico é moi chungo. É moito mellor o outro".
En nome da Masa Coral Modelo Burela: grazas a millóns, Guadi!
Sem comentários:
Enviar um comentário