Burela, 1 de novembro de 2010. Con motivo da conmemoración do Día de
Defuntos, o Concello de Burela realizará mañá martes, día 2 de novembro,
unha serie de actividades destinadas a lembrar a aqueles que xa non
están con nós. Ditas actividades servirán tamén para dar a coñecer
publicamente que o Concello subscribe a Declaración sobre Memoria
Colectiva impulsada por diversas entidades locais galegas e que coincide
substancialmente coa liña de traballo e os obxectivos do Modelo Burela
de Planificación Lingüística. Polo momento fixérono: Santiago de
Compostela, A Estrada, Vilagarcía de Arousa, Mondariz Balneario, Maceda,
Calvos de Randín, Baltar, Castro Caldelas, Moaña, Poio, Outes, Boiro e A
Fonsagrada.
Ás 6 da tarde, unha comitiva formada por
representantes municipais e do grupo de Innovación Educativa do IES
Perdouro visitará o cemiterio parroquial, onde será recibida por Néstor
Valle Gómez (coidador dos cemiterios parroquial e municipal de Burela),
quen realizará o labor de guía para explicar o patrimonio recollido en
determinadas lápidas. Fillo do modesto contratista de obras –e
enterrador no cemiterio parroquial- Nestor Valle Casas, Valle Gómez
(Burela, 1959) leva xa desde os 13 anos atendendo os cemiterios da
localidade, actividade da que se ocupa en exclusiva desde 1994 (a data
na que se xubilou o pai).
Posteriormente, ás 7 da tarde, no Salón
de Conferencias, será proxectado o audiovisual Palabra e Memoria, unha
composición de Matías Nicieza centrada nunha exposición de fotografías
de inscricións funerarias realizadas pola fotoxornalista Pepa Losada.
Durante
a clausura da actividade, os representantes municipais entregaranlle a
Néstor Valle Gómez un pequeno obsequio, en recoñecemento á súa
constancia no labor de preservar a memoria colectiva.
Máis premios
Por
outra banda, o Concello de Burela recibirá nos próximos días ao equipo
de normalización do IES Perdouro para agradecerlles o traballo realizado
no centro educativo ao acadar o Premio á innovación en normalización
lingüística nos centros escolares.
O alcalde de Burela, Alfredo
Llano, enviou unha carta aos equipos de normalización lingüística, á
dirección e ao claustro de profesores/as, na que lles traslada “en nome
propio e no da Corporación Municipal os parabéns polo voso magnífico
traballo en prol da normalización do noso idioma que vén de ser
recoñecido co Premio á innovación en normalización lingüística nos
centros escolares. Somos conscientes de que o noso idioma avanzará
grazas á vosa contribución, por iso, saudámosvos afectuosamente e
agradecémosvos o traballo que vides realizando”.