16/06/16

Máis anti-modelo

Un día do mes de xuño tocou ir traballar a Santiago e por iso houbo que deixar a cama e os lenzóis cediño para estar na capital á primeira hora. Certo é que o esforzo viuse recompensado polo reencontro con boas amizades das que un sempre aproveita para aprender de todo (nomeadamente do relacionado coa nosa profesión). Encontros así, aínda que breves, serven para que fagamos posta en común e acabemos tendo información importante para o exercicio da docencia nos PDC's, na FP Básica ou nos módulos plurilingües dos ciclos medios e superiores. E serven para recoller ilusión para novos proxectos.
Enfrascados nestes temas, ao acabar as tarefas oficiais, aínda viña ben compartir un café e así o fixemos. Mentres o tomábamos, soa o teléfono:

-Acabastes?
-Estamos niso...
-Pois non veñas aínda. Vas ter unha chamada. Acabo de pasarlle o número a unha muller que quere vir para a Mariña. Non ten outra combinación. A ver se agardas por ela...

Mentres arredor da mesa da cafetaría do Campus falábamos dun novo libro de texto ("estarás contento co libro que fixo a filla de Manuel Lourenzo!"), o teléfono soa de novo e é un número descoñecido, xustamente o da persoa anunciada.

-Buenos días...

Quen comunicaba era unha muller de, máis ou menos, vinte anos. Dicía que estaba saíndo do norte da ría de Arousa e confirmaba, con voz preocupada, que debía estar a media tarde na Mariña, que non tiña combinación... e que a ver se facía o favor de agardar por ela. E nese caso tocaba agardar.

E a esperada chegou á estación de autobuses de Santiago e xusto alí comezou a viaxe ao norte. A voz do teléfono non enganara. Tratábase dunha moza duns vinte anos, arousá do norte, estudante dun ciclo superior de formación profesional nun instituto da Mariña.
Cando case aínda non comezáramos a cruzar as primeiras palabras, recibe a chamada dunha irmá e a través do parcial da conversa percíbese que esqueceu algo importante na casa. Están combinando para facer o envío por transporte urxente, o mesmo tema que inmediatamente despois trata co pai, mariñeiro da ría, que acababa de entrar en porto.
Mentres a moza falaba, a cabeza recuperaba os momentos de ilusión vividos dúas horas antes cando falábamos do libro de texto de Cilha Lourenço ou do ensino plurilingüe nos ciclos formativos da FP. Mais aqueles momentos de ilusión chocaban coa realidade presente. Aquela moza que falaba primeiro coa irmá menor e despois co pai, traballador do sector primario, facíao nun código híbrido que resultaba autenticamente esperpéntico. Non só polo sistema vocálico, nin só pola nasal en posición implosiva, senón tamén pola prosodia. Na boca daquela moza con estética moi de 2016 o esperpento era o resultado da falta de simbiose dun léxico que choca frontalmente co ritmo da fala. 
Solucionado o tema do envío urxente, a conversa telefónica dá paso a outra conversa, a de dúas persoas descoñecidas que comparten viaxe.

-He olvidado la documentación de las prácticas de empresa y debo entregarla mañana por la mañana. 
-Non te preocupes. Na Mariña as empresas de transporte fan o reparto pola mañá. Por volta das doce xa a terás nas túas mans. Iso non é un problema. É máis problema que andas despistada...
-Algo despistada estoy, si
-Estiveche no Instituto...?
-Si!

Esas últimas palabras -as do despiste e as do instituto- chamaron a atención da interlocutora. Foi como se collese confianza. Mais ao mesmo tempo, acendéuselle unha lampadiña e caiu na conta de que o interlocutor non falaba o mesmo idioma que ela fala habitualmente. Despois de que un músculo da face lle dese un lixeiro latigazo, comezou a falar de novo:

- Coñeces o Instituto...?
-Coñezo, muller, coñezo!
-Tí es profesor?
-Son
-Eu nunca te vin por alí.
-Eu tampouco che dixen que traballase alí...

Entón o léxico pasou a estar en consonancia coa prosodia e o sistema de sete vogais pasou a ter sentido e as nasais implosivas estaban dentro do sistema. E o esperpento desapareceu e nin sombra deixou.
A conversa discorreu con absoluta fluencia e falouse moito: da oferta educativa dos centros da Mariña, do paso do bacharelato aos ciclos superiores, da necesidade de complementar os ciclos con outros estudos, da importancia das prácticas nas empresas... e mesmo de política municipal nun dos concellos da súa comarca. O condutor descubriu unha persoa reflexiva, seguro que moi responsábel na experiencia laboral que acababa de ter... unha persoa con boa base académica.

A constatación desa boa base académica, a constatación de estar cunha persoa ben informada, foi o que o entristeceu.

Como é posíbel que unha persoa lista, que tivo o privilexio de ser aluna de profesorado de primeirísima división, cuxa obra sobrancea nos círculos da renovación pedagóxica, acabe derivando nun esperpento andante? 
Que merda de ambiente temos? Como as familias acabaron caendo tan baixo? Como pode ser que un sistema escolar de pacotilla acabe eclipsando o labor da mellor renovación pedagóxica?
Como se pode entender que non teñamos sangue para reaccionar e deixar de lado tanta mediocridade?

-Foi unha viaxe moi agradable! Moitas grazas!
-Moitas grazas a ti. Que teñas moita sorte!!

Sem comentários:

Enviar um comentário