22/11/17

As visitas de nenas e nenos a Radio Burela

Matías Nicieza
Reprodución do presente que Paula lle deu a Matías Nicieza como recordo
da súa visita a Radio Burela


En Radio Burela seguimos recibindo visitas felices. Se hai uns poucos días se achegaba ás nosas instalacións o gato dos Castros xunto cunha morea de gatiños e gatiñas de dúas patas desde o colexio Virxe do Carme, este mércores visitou o noso programa de Radio Escolar unha pequena artista. 
Chámase Paula, e terá sobre catro anos. Non falou polos micros, mais mentres a súa mamá estaba a ser entrevistada pola masa coral Modelo Burela, Paula, moi concentrada, estaba a prepararnos este regaliño para a emisora. Unha casa que, desde hoxe, convirto na sede oficial da programación Modelo Burela para a xente máis nova.
Tedes as portas abertas  para vir visitala desde o voso colexio cando queirades. 
Agardámosvos!

14/11/17

IN MEMORIAM: D. Ramón Marful

Matías Nicieza

Hai uns poucos anos puxéronse de moda nas redes sociais grupos que celebraban a pertenza a determinadas localidades, con nomes como “Es de tal sitio se…” Burela, por suposto, tamén ten un deses grupos, e no seu día lembro perfectamente que unha persoa escribiu algo así: “Es de Burela se, independentemente das túas crenzas ou de que vaias á igrexa, estás orgulloso do noso don Ramón”. Don Ramón, o noso don Ramón, Ramón Marful Rodríguez, tiña esa capacidade: era imposible non querelo, non admíralo, non sentir orgullo por el. 

Crego, humanista, posuidor dunha retranca e un sentido do humor envexable que o facía ter sempre a resposta xusta para todos os temas e sempre acompañada dun sorriso, galeguista de xeito espontáneo, activo no uso útil da nosa lingua en todos os eidos e no seu, o eclesiástico, onde tantas veces era e segue a ser marxinada, don Ramón era Modelo Burela desde moito tempo antes de que existise o Modelo Burela. El foi a alma do noso proxecto desde o primeiro momento, sempre estivo aí, apoiando e colaborando, e cando fixemos o audiovisual de apoio tiñamos claro que só el podía pechalo. No entorno inigualable da Igrexa da Vila do Medio, o noso templo histórico, un home que era historia viva concedeunos unha entrevista fermosísima que en poucos minutos resumía unha traxectoria vital que era, toda ela, Modelo Burela. Fixemos máis gravacións con el, audiovisuais e radiofónicas, que simplemente non teñen prezo. El foi o modelo do Modelo. 

Agora don Ramón marchou e estamos tristes, mais tamén estamos felices por telo coñecido, tratado e querido. Diciamos no audiovisual: “leva dentro de si o orgullo de ser, como Manuel María, como Marica Campo, como don Ramón Otero Pedrayo”. E nós levamos dentro o orgullo de telo tido como mestre, como amigo, bo e xeneroso. 

Querido don Ramón: GRAZAS.



Texto tomado de www.cronica3.com

FOZ : FINOU MONCHO DE COSME

suso-fernadezO xornal de onte informaba do pasamento de don Ramón Marful Rodriguez, focego de Marzán, crego que ó longo da vida rexíu diversas parroquias e nunha delas, a veciña Burela permañecera preto de vinte anos, onde se fixo moi respetado e querido polas xentes da industriosa vila, dadas as dotes humanas que dende a mais temperá idade o adornaban.
A súa bonomía; a humildade, o talante dialogante con todos, sen tipo algún de discriminación; o humor retranqueiro, que sempre o acompañaba; a súa honestidade e altruismo facían del persoeiro singular, sempre identificado coa problemática: as venturas e desventuras dos pobos nos que exercía a labor de apostolado; coas súas necesidades ou aspiracións, xa fosen de orde laboral, socio-económicas, culturais-deportivas e, en xeral,en canto puidera incidir nunha mellora para a vida da veciñanza.
A triste nova circulou por Foz como regueiro informativo; para algúns vellos do lugar, mais desinformados, houbo que aclarar a personalidade de quen se trataba, coa nominación entrañable dos pobos: “ Falamos de Moncho de Cosme…”. Aclarado!.
O cronista, un día mais vello que él, mantivo ó longo da vida unha entrañable amizade e non sabe por canto tempo vai botar de menos a grande aperta que nos dabamos cada vez que se producía o encontro.Estamos seguros de que o “Monchiño de Cosme”, da nosa tan afastada nenez compartida, xa nos olla dende o ceo.
Vaia para a súa familia, todos benqueridos amigos, unha vez mais, a expresión da nosa dor.

12/11/17

Bulló


Por iniciativa do profesor Xoán Xosé Fernández Expósito, fomos comer ao Bulló, un restaurante que non coñecíamos. O lugar xa nos cautivou antes de entrar. A pedra pedra da parede ben coidadiña. A oferta gastronómica manuscrita sobre unha lousa colocada a un lado da porta. O nome moi orixinal que nos lembraba o sabor e o calor das castañas asadas que nos traían quentiñas para animar o corpo alá pola media tarde dunha xornada de traballo. O queixo, os mexillóns e o xamón... todos eles polo seu nome! Son moitas cousas boas xuntas.
Obviamente, quen atende tan ben estes pormenores non atende menos ben as persoas que chegan e os produtos que ofrece para comer. Por iso felicitamos a xerencia e o persoal da cociña. E por iso pedimos permiso para facer as fotos da comunicación "Modelo Burela"... en pleno corazón de Lugo!

10/11/17

O GATO DOS CASTROS

Fermoso presente co que nos obsequiaron os Gatiños e Gatiñas dos Castros.
Desde agora, terémolo con nós durante as nosas emisións da Radio Educativa. 

Por iniciativa das profesoras Mari Carmen Vila e Pili Vázquez, nesta semana tivemos o privilexio de participar nun encontro escolar moi gratificante. Aproveitando que entrábamos nunha hora libre, xusto cando tocou o timbre, escapamos  rápidos como raposos e fomos ao encontro do gatiño dos Castros. A sorpresa foi maiúscula, porque atopamos non un senón moitos. Gatos e gatiñas. Máis pequenos, máis grandes e medianos, o caso é que todos miañaban moi ben.
Alí polo medio andaba o noso querido amigo D. Jesús Arranz, director do Colexio Público Virxe do Carme. Xusto despois de o saudar, entramos na Casa da Xuventude e fomos directamente para o local de Radio Burela, onde nos agardaba o coordinador da actividade: Matías Nicieza.
Todo o que pasou despois está gravado e documentado con fotos. Así temos claro que foi unha experiencia real e non só un soño. 
Para todas as persoas implicadas nesta actividade (as mestras e os mestres, o equipo directivo do colexio, as nenas e os nenos, a AMPA, Matías Nicieza, Lucía Rivas, Sara Gil...), moitas grazas!!
A fotógrafa Lucía Rivas acompañounos nesta sesión didáctica. Karina Parga "cazouna" en plena acción.
Unha vez finalizado o breve obradoiro de comunicación radiofónica, a expedición dos Castros sacou varias fotos de grupo no estudio de Radio Burela.