23/09/19

COMPARTIMOS MODELO SEMPRE EN POSITIVO


É un novo estilo de produción. E é un novo estilo de comunicación. Unha magnífica mostra de boas prácticas porque cría postos de traballo nun sistema econónico sustentábel e porque dinamiza a cultura. Na publicidade anunciaban o desexo de "compartir a nosa ilusión e o noso saber facer" e nós queremos facerlles saber que a mensaxe chegou e que tamén a nós nos ilusionou.

13/09/19

CASAMENTO "MODELO BURELA"... en BUENOS AIRES (1967)

Neste momento en que a iniciativa Modelo Burela foi recoñecida co premio Mil Primaveras, queremos ofrecer como presente a toda a nosa audiencia o resultado dun dos moitos traballos de campo que facemos. Trátase do convite do casamento de Pilar Jeremías Cela e José Martínez-Romero Gandos, cerimonia celebrada en Buenos aires no mes de xuño do ano 1967.  



En conversa sobre as circunstancias en que se redactou o convite, o profesor Martínez-Romero díxonos: "fixemos a invitación en galego e tamén en castelán, obviamente porque tiñamos que convidar a xente non galega. Polo camiño de a localizar nos arquivos, atopei tamén un telegrama que mandaran Rodolfo Prada e a súa dona. A particularidade deste telegrama é que, como observarán, xunto ao enderezo di IDIOMA. Isto é porque, segundo as normas do Correo arxentino, para envíos en idiomas non oficiais (Franco e o goberno arxentino tiñan relacións afins e non permitían o uso do galego, euskera ou catalán) os remitentes debían depositar  xunto ao o texto unha declaración xurada coa tradución en castelán. Cousas das ditaduras".


Xuntamente coas copias destes documentos, o profesor Gandos fíxonos chegar fotos de momentos especiais da cerimonia celebrada hai agora máis de corenta anos: "o cura que nos casou era un xesuíta Lois Villamarín, de Lugo. Anos máis tarde casou tamén a prima de Pilar, Doris, filla de Dorinda Cela e Luís Seco".


Cóntannos os protagonistas que na preparación das traducións do culto botaron man da Gramática de Ricardo Carvalho Calero, editada un ano antes (en 1966) por Galaxia, con quen a Asociación de Fillos de Galegos mantiña estreita relación.


Os contraentes bailan a muiñeira en Buenos Aires inmediatamente despois de celebraren o casamento

08/09/19

APRENDEMOS A VOAR NAS TERRAS DE FRIOL

Resultado da colaboración entre a Asociación Carballo Vivo e o Modelo Burela, o día 7 de setembro realizouse nas terras de Friol unha Xornada de Dinamización da Cultura e a Economía no Rural. En consonancia co lema do encontro, o desenvolvemento das actividades foi "Moi doado", o que facilitou a participación dun público heteroxéneo (con idades comprendidas entre os 6 e os 70 anos) tanto nun roteiro como nunha visita museística, nun obradoiro de recompilación documental e mesmo na gravación do documental que sintetizará todo o proceso desta primeira fase da intervención.
Imaxe da capa de E Xoel aprendeu a voar, de Marica Campo. Esta obra narrativa está
parcialmente ambientada na fortaleza de San Paio de Narla, a onde os protagonistas
se desprazan desde A Coruña nunha viaxe educativa con excelentes resultados

Pouco antes das nove da mañá a expedición da Mariña xa estaba en camiño en dirección a Friol, coa profesora Lorena Suárez Pazos na vangarda e con Matías Nicieza equipado con cámara, cabos, trípode, micros e unha complexa escaleta para completar. Ás 10:30, no punto de destino -a praza Andón Cebreiro, a un tiro de pedra da Rúa Rosalía de Castro e doutra magnífica praza con carballeira-, un nutrido grupo de participantes acompañaban a José Manuel Iglesias e Dolores López Caión -que se ocuparan de todos os pormenores da organización- e a Noelia Lamas, estudante na Escola de Imaxe e Son da Coruña e colaboradora de Matías Nicieza neste novo traballo audiovisual.

O primeiro destino foi a parroquia de Anafreita, onde os vehículos cederon o protagonismo ás pernas de maiores e crianzas, que nos dispuxemos a ascender pola aba da montaña primeiro en dirección a unha neveira do Mosteiro de Sobrado dos Monxes e despois en dirección ao bico da costa para coñecer "in situ" a Cova da Serpe, as lendas a ela asociadas e gozar coas impresionantes vistas. Só esta actividade sería un magnífico elemento central da visita, mais neste caso era un simple aperitivo.
En San Paio de Narla recibimos a primeira das leccións maxistrais. Estábamos nas mans de Francisca Abuín, "Paquita", guía do departamento de didáctica do Museo, toda unha garantía de éxito. Tras as palabras de benvida e unha excelente explicación inicial, percorremos todas as salas nunha visita interactiva que resultou curta e que nos obriga a recuncar, como debe ser.
Francisca Abuín en plena explicación na torre de Xiá. No lado dereito da imaxe está Dolores López Caión, unha
das organizadoras da Xornada de Dinamización


A comida fíxose na Casa Benigno. Excelentes produtos, excelente cociña e excelente servizo. Se chegase a incorporar o galego ao seu repertorio da comunicación escrita, entón o resultado sería autenticamente colosal.

Vista do momento de espera da sobremesa en Casa Benigno. O magnífico ambiente criado arredor
 da mesa levantou a admiración colectiva... "porque ninguén tivo dependencia da telefonía". Precisamente
por iso, tecéronse boas redes sociais


As actividades da tarde comezaron ao Grande, e non só porque Grande sexa o segundo apelido de Jesús e Carmela Sánchez, da Casa Terrón, comercio de referencia para toda a comarca no ramo dos electrodomésticos e as ferraxes.  Abríronnos as portas, vimos os expositores e o anfitrión explicounos en síntese a evolución da empresa ao longo dos máis de cen anos de actividade (1916-2019). O público puido participar activamente no coloquio e no proceso de gravación do documental.

Inmediatamente despois, chegou a sorpresa: ningún dos asistentes tiña participado nun obradoiro de temática patrimonial nun cemiterio. En só media hora fixemos moitas descubertas, desmontamos algúns preconceptos e incluso vivimos momentos emocinalmente moi intensos. Ninguén ficou defraudado.

Coa visita á Casa Bértolo, entramos de cheo no sector primario e fixémolo a ritmo frenético, sen deixar o ambiente de ternura nin por un minuto. Co equilibrio entre o ritmo frenético de Concha e o discurso didáctico de Xurxo, coñecemos dúas burriñas moi xeitosas, visitamos un castro-carballeira, estivemos nunhas instalacións modélicas para a transformación dos produtos lácteos e puxémoslle o ramo á visita nun recinto en que, como dicía Otero Pedraio, "a cantería foi traballada por finas mans".

Concha Blanco ofrece explicacións sobre Bértolo e Serrano, a facenda de produción ecolóxica
que codirixe no lugar do Castro, en Friol


En plena loita contra o reloxio, chegamos a Traloagro, onde tomou as rendas Isabelle, recén chegada de Bruxelas. Con fondo de vacas e os becerros en liberdade, Noelia Lamas e Matías Nicieza fixeron o encadre e comezou unha "roda de prensa" moi participativa. Levábamos case dez horas de esforzo físico e mental, mais ninguén parecía ter présa. Boa mostra de como se vivira a xornada.

Aínda que non se chegou a completar a escaleta, agora estamos á espera da montaxe dos fragmentos audiovisuais. Temos a certeza de que Noelia e Matías serán capaces de transmitir a quen non teña estado nas xornadas as sensacións dos que si as vivimos en primeira persoa de plural. Esa será unha porta aberta para que outras persoas podan gozar do privilexio.

03/09/19

INTERVENCIÓN EDUCATIVA NAS TERRAS DE FRIOL


Baixo o lema "Fagámolo doado", o día 7 de setembro celébrase nas terras de Friol unha Xornada de Dinamización da Cultura e a Economía no Rural, seguindo a metodoloxía da intervención educativa "Modelo Burela". O programa inclúe visitas patrimoniais e un obradoiro que engloba o proceso de gravación dun documental partindo do contacto directo entre o público e os axentes culturais e económicos.

A Asociación Carballo Vivo, entidade organizadora, marcou a cita para as dez e media da mañá (10:30 h.) do sábado. As primeiras actividades serán dúas visitas guiadas: unha á Cova da Serpe, na parroquia de Anafreita; e outra ao Museo Fortaleza de San Paio de Narla. Posteriormente, o xantar celebrarase en Casa Benigno (o custo é de 12 Euros).

En horario de tarde, o obradoiro de dinamización cultural "Modelo Burela" buscará a implicación de todas as persoas participantes nun traballo de campo que os levará a unha casa comercial, a dúas granxas, a unha igrexa e un cemiterio e ao propio centro social da entidade organizadora. Durante o percorrido, o documentalista Matías Nicieza (Burela, 1978) dirixirá a gravación dun novo traballo audiovisual, desta vez coa axuda de Noelia Lamas (A Coruña, 1996).

Despois de ter dirixido a longametraxe Modelo Burela (2009) e os vídeos didácticos A Viaxe de Hércules (2011) e Polos camiños de Leiras (2014), Matías Nicieza continúa profundizando no cinema de intervención socio-comunitaria.  Para a súa colaboradora Noelia Lamas, estudante da Escola de imaxe e son da Coruña e directora da curtametraxe "Tempo libre (2019), será tamén unha nova experiencia no xénero documental despois de ter participado este mesmo ano na gravación de 'Vidas en la mar' de Eduardo Quintela.

No momento en que chega aos 15 anos de aplicación continuada (2004-2019), o Modelo Burela está de actualidade por ter resultado gañador dun dos premios Mil Primaveras creados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e Deputación de Pontevedra coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio.

Lembramos que a inscrición para a participación nas actividades estará aberta até o día 5 de setembro e pode facerse a través do teléfono 647 084 545 ou do correo carballovivo@gmail.com. 

01/09/19

A CULTURA COMO MOTOR ECONÓMICO

Coa finalidade de contribuír á mellora do nivel de vida de veciños e veciñas, a Asociación Cultural e Recreativa Carballo Vivo organiza durante todo o ano actividades de dinamización cultural e económica no ámbito local.
Ao tempo que revitalizan o patrimonio etnográfico, lingüístico, histórico, e artístico, xunto coas Comunidade de Montes promoven os produtos agrícolas e gandeiros cultivados con criterio de sustentabilidade, sempre coa idea de converter o rural en motor económico e ambiental.
Nesta ocasión, a Xornada de Dinamización Cultura e Economía no Rural é o resultado da colaboración coa nosa intervención educativa Modelo Burela, no momento en que chegamos aos 15 anos de aplicación (2004-2019) e que acabamos de conseguir o premio Mil Primaveras precisamente polo traballo en materia de promoción cultural e económica.
A participación está aberta a todo tipo de público. 

INFORMACIÓN COMPLEMENTAR: