30/12/20

EXPOSICIÓN "PALABRA E MEMORIA DE RINLO"

Horario de visitas da exposición aberta na igrexa parroquial de Rinlo (Ribadeo). A imaxe é de Lucía Rivas.


Inspirada nunhas simples anotacións feitas segundo o método de traballo "Modelo Burela", Rosana Posada Expósito tomou a iniciativa de mostrar ao público o patrimonio documental da igrexa e o cemiterio da parroquia de Rinlo, no concello de Ribadeo.

Coincidindo cunha visita á familia, realizou a primeira tarefa: na igrexa fixo dúas fotografías (a dunha placa colocada no ano 1993 en homenaxe ao sacerdote Alfonso Pampín e a doutra que recorda a construción e a restauración dunha embarcación votiva existente no templo) e despois achegouse ao cemiterio, fixo unha visualización xeral dos epitafios e tomou media ducia de fotografías dos máis significativos.

Consciente do valor dos documentos reunidos, Rosana Posada reuniuse co cura párroco de Rinlo -José Boullosa Canda- e propúxolle facer unha exposición na igrexa, exposición que quedou axendada para o día 27 de decembro, coincidindo coa época de reencontro das familias durante as festas do Nadal.

Durante a semana, a promotora da exposición aproveitou as novas tecnoloxías (especialmente o whatsapp e o correo electrónico) e púxose en comunicación coas diferentes familias implicadas para comentarlles a idea da mostra e para pedirlles uns breves textos sobre as circunstancias en que estes foron feitos (autoría, data, acollida, etc). Simultaneamente, imprimiu as fotografías e as súas correspondentes explicacións e concertou con Matías Nicieza a gravación do acto e a realización dunha sinxela reportaxe audiovisual que deixe constancia para o futuro tanto dos materiais recollidos como das persoas implicadas e da posta en escena da iniciativa.

Finalmente, na tarde do sábado desprazouse de novo a Rinlo e fixo unha sinxela montaxe da exposición: sobre unha rede mariñeira reutilizada combinou as fotografías cos seus respectivos textos explicativos elaborados por cada unha das familias protagonistas da mostra, inaugurada durante a mañá do día seguinte en presenza do párroco e dunha nutrida representación veciñal.

Rosana Posada Expósito, a impulsora desta iniciativa de dinamización cultural levada a cabo en Rinlo, apostou por un proceso rápido e simple, ao alcance de calquera persoa que desexe facer o mesmo no seu ámbito máis inmediato. 

INFORMAÇOM COMPLEMENTAR

Información no portal O MEU POBO DE RINLO

A noticia no CRÓNICA3 e no Xornal da Mariña

A historia do San Pedro Mariñeiro ou o San Pedro Negro (La Voz de Galicia)

As visitas á exposición (Portal Galego da Língua)


28/12/20

CLAUSURADA A MOSTRA "DON RICARDO DE FINGOI" NO MUSEO ÁLVARO CUNQUEIRO DE MONDOÑEDO

O proxecto DON RICARDO DE FINGOI foi promovido polo Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega, o Colexio Fingoi e  familia do escritor.

Participantes no acto de clausura da exposición en "foto de familia" na praza da catedral de Mondoñedo, xusto diante da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro.

Mondoñedo (Lugo), 27 de decembro de 2020.- A exposición  Don Ricardo de Fingoi foi clausurada na Casa Museo Álvaro Cunqueiro, de Mondoñedo, coa asistencia do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o escritor Xulio Xiz, en representación do colectivo organizador Egeria; a deputada autonómica Elena Candia, e o alcalde do Concello de Mondoñedo, Manuel Otero, así como de outros membros da corporación. No acto participaron os netos do homenaxeado Faustino e Margarita Cela, acompañados das súas familias, o especialista no escritor e amigo da familia Bernardo Penabade e o Presidente da Asociación do Camiño Norte, José Luis Fernández Ansedes.

A exposición forma parte do proxecto do mesmo título que comprende a web www.carballocaleroenlugo.org, o catálogo cos contidos íntegros da Mostra, e o libro CARBALLO CALERO EN LUGO-DON RICARDO DE FINGOI, no que participan unha trintena de antigos/as alumnos/as de Carballo no Colexio Fingoi de Lugo.

A mostra sobre o autor, a quen este ano se dedicou o Día das Letras Galegas, reflicte a través de 13 paneis, os quince anos de Carvalho Calero en Lugo, de 1950 a 1965, á fronte do Colexio Fingoi. Trátase dunha exposición itinerante que trala súa inauguración en Lugo, no Colexio Fingoi, o pasado 15 de  xaneiro, co obrigado descanso pola pandemia, foi visitando vinteoito cidades (Ferrol, Santiago, Ourense, Lugo...) e capitais de concello e centros educativos da provincia, nun proxecto do Colectivo Egeria, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

26/12/20

INICIATIVA DE EDUCACIÓN SOCIAL EN RINLO

 A exposición, que tributa homenaxe ao sacerdote Alfonso Pampín e ao escritor Carvalho Calero, está aberta desde as 11.00 horas do día 27 de decembro. 

Horarios de visita da exposición. Para visitas guiadas
á exposición e ao patrimonio do templo, recoméndase
a visita concertada


Rinlo abre exposición de fotografías de placas e lápidas da igrexa e o cemiterio locais. A mostra, preparada por Rosana Posada Expósito, reúne un conxunto de imaxes de epitafios e de placas colocados na igrexa con dous motivos difentes: a restauración dunha embarcación exposta no templo e a homenaxe ao sacerdote Alfonso Pampín, que exerceu nesta parroquia de Ribadeo durante trinta e nove anos, entre 1954 e 1993.
A embarcación fora construída en 1871, por iniciativa do mariñeiro local Eleuterio Posada, e, unha vez transcorrido case século e medio, foi restaurada por iniciativa das familias de tres dos seus bisnetos (JoséCayetano e Benigno) no ano 2002. “Pola súa parte, o sacerdote -orixinario de Melide– deixou en Rinlo os beneficios dun intenso traballo de educación social orientado ao desenvolvemento económico da localidade”, remarcan os organizadores da mostra.
No transcurso da inauguración intervirán as familias que propiciaron as inscricións recollidas na exposición “e que supoñen a constatación de que o legado do sacerdote continúa con pleno vigor varias décadas despois do seu falecemento”, expoñen. A actividade, que segue a metodoloxía Modelo Burela, serve tamén como homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, a quen se lle dedica neste ano a celebración das Letras Galegas.
Placa que lembra a construción e a restauración da embarcación rinlega


22/12/20

DIDÁCTICA EXPANSIVA EN HOMENAXE A RICARDO CARVALHO CALERO

Integrantes da equipa participante na Leitura Expansiva en representación do IES Perdouro. De esquerda a dereita: Anxo Díaz, Alejandro Bermúdez, Moémy Cardoso, Xoel Iglesias e Beatriz Botelho.
Anicados diante están Hugo Losada e Bernardo Penabade. Raquel Lopes Ramos e Idiana Mendes acompañábannos desde as súas casas.


 


"Amigo, sem necessidade de incentivos crematísticos" -en adaptación dun poema do propio escritor-, a leitura expansiva intercentros para divulgar a obra de Ricardo Carvalho Calero "Aos Quatro Ventos" é xa unha realidade. A idea naceu no IES do Milladoiro e o convite rapidamente circulou pola rede e comezaron os traballos nas diferentes comunidades educativas, entre elas a do IES Perdouro de Burela . Finalmente, ese traballo concretizouse no envío de arquivos audiovisuais desde estes 31 centros:

1) CPI Antonio Failde, de Coles

2) CPI AS Revoltas, de Cabana de Bergantiños

3) IES de Ames, de Bertamiráns

4) IES Antón Fraguas, de Santiago

5) IES Aquis Celenis, de Caldas

6) IES de Arzúa

7) IES Blanco Amor, de Culleredo

8) IES A Cachada, de Boiro

9) IES Cacheiras, Teo

10) IES Castro Alobre, de Vilagarcía

11) IES Cidade de Antioquía, de Xinzo

12) IES Félix Muriel, de Rianxo

13) IES Fontexería, de Muros

14) IES de Foz

15) IES Isidro Parga Pondal, de Carballo

16) IES Leliadoura, de Ribeira

17) IES Marco de Camballón, de Vila de Cruces

18) IES Maximino Romero de Lema, de Baio

19) IES do Milladoiro

20) IES Monte Castelo, de Burela

21) IES Monte das Moas, da Coruña

22) IES Número 1, de Ribeira

23) IES Pedra da Aguia, de Camariñas

24) IES Perdouro, de Burela

25) IES do Caramiñal

26) IES Pontepedriña, de Santiago 

27) IES A Sangriña, da Guarda

28) IES Virxe do Mar, de Noia

29) IES Xelmírez I, de Santiago

30) IES XElmírez II, de Santiago

31) IES Xulián Magariños, de Negreira


No programa de radio tentamos recoller unha panorámica das diferentes gravacións, procurando un resultado final que ofrecese unha visión global da obra do escritor homenaxeado. Obviamente, a audiencia debe ter en conta as limitacións técnicas provocadas polo contexto sanitario. 

Se este programa chega a ser unha porta aberta para coñecer máis en profundidade o que foi a realidade da didáctica expansiva, teremos cumprido o noso obxectivo fundamental.


CLICA AQUÍ PARA VER E ESCOITAR O REPOSITORIO COMPLETO

14/12/20

BEATRIZ PENEDOS, COLABORADORA DO MODELO BURELA DESDE LISBOA


O programa radiofónico Proxecto Neo entrevistou unha nova colaboradora do Modelo Burela. Chámase Beatriz Penedos (Coimbra, 1998) e é estudante de Estudos Portugueses e Lusófonos na Faculdade de Ciências Sociais da Universidade Nova de Lisboa.

Beatriz Penedos, con óptima capacidade de comunicación, integra con Marco Pereira o seu primeiro proxecto de xornalismo radiofónico no programa Grandes Vozes do Nosso Mundo, emitido por cinco emisoras: as galegas Radio Burela, Radio Fusión e Rádio Filispim; a Rádio Universitária do Minho, en Braga; e a Rádio Internacional Lusófona de São Paulo (Brasil).


01/12/20

NUTRIDA PRESENZA DA MARIÑA NO VÍDEO DEDICADO A CARVALHO CALERO




A AGAL fixo público o vídeo da lectura continuada do Scórpio, o derradeiro romance publicado por Ricardo Carvalho Calero (1997). No audiovisual chama a atención a nutrida presenza de participantes da Mariña, en parte debida á colaboración da intervención educativa Modelo  Burela.
O evento de lectura continuada estaba destinado a festexar as Letras Galegas de 2020 e ía decorrer no Salón Nobre de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela o día 30 de outubro, mais tivo que ser cancelado pelo feche perimetral da cidade. Como alternativa, a entidade organizadora decidiu convidar a comunidade lectora a participar desde a casa gravando en vídeo un fragmento da obra.
A Mariña, tan querida por Don Ricardo Carvalho e Dona María Ignacia Ramos (que pasaban unha parte do ano en Foz), está moi ben representada no listado de 99 participantes na iniciativa. A encargada de abrir as intervencións é Marga Cela Carballo, neta do escritor, asentada en Ribadeo; continúa o Reitor da USC, Antonio López, de Barreiros; seguido de Carme Cociña Cociña, de Xove, profesora no IES Monte Castelo, e de Dolores López Caión, burelá, funcionaria do sector sanitario no HULA.
Na colaboración do Modelo Burela, tras dúas horas e once minutos de gravación, as primeiras voces son as de Beatriz Botelho e Xoel Iglesias, estudantes no IES Perdouro. Inmediatamente despois é o momento de Anxo Díaz, Hugo Losada, Alejandro Bermúdez, Raquel Lopes, Idiana Mendes, Noémy Cardoso, Gerson L. Semedo e Taísa Gonçalves, estudantes de ESO e Bacharelato. Complétase a participación do Modelo Burela coas lecturas da asesora de comunicación Nilda Borges, do cineasta Matías Nicieza e de Miruca Parga (directora da revista Maruxía), Natalia Irimia (coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística), Neves Cando e Bernardo Penabade, docentes no IES Perdouro.
Xunto coa publicación do vídeo, a AGAL -entidade académica da que foi Presidente de Honra o profesor Carvalho Calero- enviou a cada participante un exemplar da obra, unha máscara e unha bolsa conmemorativa. A actividade contou co apoio económico da Deputación da Coruña e da Conselleria de Cultura e Educación. Colaboraron o Concello e a Universidade de Santiago de Compostela e o Parlamento de Galicia.

En representación do alumnado de ESO participaron na lectura Taísa Gonçalves e Gerson L. Semedo, que recibiron os seus obsequios de mans de Natalia Irimia (coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística) e da súa titora, a profesora Alba Monteagudo.

O grupo de estudantes de bacharelato recibiu de mans de Bernardo Penabade os presentes ofrecidos polo Concello de Santiago.