04/10/20

CENIMA acolle exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, en Foz

 



A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, chegará o vindeiro luns, 5 de outubro, ao Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), en Foz (Lugo), onde será inaugurada ás 12:00 horas, coa colaboración co concello focense. 

A este acto de inauguración asistirán familiares do profesor homenaxeado, representantes do concello de Foz, o profesor Bernardo Penabade (amigo da familia) e representantes do Colectivo Egeria.

A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro que recollerán opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi.

No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e publicou a súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.

A exposición ten carácter itinerante, tendo iniciado o seu percorrido no Colexio Fingoi (Lugo) o pasado 15 de xaneiro. Superados os maiores rigores da pandemia, esta é a segunda localidade onde se ofrece esta exposición, despois das dúas semanas que permaneceu na Casa Habanera de Guitiriz (coa colaboración de Xermolos e o Concello de Guitiriz), como actividade complementaria da especial celebración este ano do Festival de Pardiñas. Nas vindeiras semanas chegará a centros culturais e concellos de toda Galicia.