27/11/20

PROXECTO NEO ENTREVISTA A PROFESORA ANA MOREIRAS


A profesora Ana Moreiras durante unha exposición didáctica sobre o uso das novas tecnoloxías da comunicación.



Ana Moreiras estudou Físicas na USC e traballa como profesora de Tecnoloxía en Boiro, onde coorganiza un festival audiovisual de ámbito galego dirixido ao ámbito escolar (Festival Olloboi).

A súa formación en debuxo é freelance e o ámbito en que ten máis experiencia é o urbansketching, hobby co que vai enchendo cadernos nas súas viaxes. 

No ano 2017 colaborou cunha historieta no fanzine de Amnistía Internacional que editan para a Feira do Cómic Viñetas do Atlántico.

No ano 2018 foi seleccionada para un proxecto de ilustración de xacementos arqueolóxicos da Deputación de Pontevedra (aínda por publicar).

As súas ilustracións poden verse en Instagram na conta @moreiras26

25/11/20

OS CONTRABANDISTAS EN BURELA

 Dolores López Caión fala de Burela e a Mariña no programa "Os Contrabandistas" da Rádio Metropolitana do Porto

Funcionaria do SERGAS no Hospital Lucus Augusti (HULA), Dolores López Caión foi a protagonista da oitava entrega do programa radiofónico "Os Contrabandistas", de Christian Salles e Nilce Costa, na grella da Rádio Metropolitana do Porto.

"Burela pode parecer pequeno, mais é moi urbano. É un lugar tranquilo, onde vive moita xente de diversos lugares do mundo. Temos un problema co eucalipto. Estamos inzados".

Despois dese punto de partida, a conversa foi pasando por diversos temas: os montes comunais, a arqueoloxía, a pesca do bonito, a gastronomía, o Modelo Burela...


ARTIGO DE DOLORES LÓPEZ CAIÓN

LEITURA DO SCÓRPIO


21/11/20

Cantar en galego e bailar en berdiano



SARA GIL (*)



Que valor debemos darlle ao galego? Que protagonismo debe adoptar nun contexto  educativo? Cal é a maneira de acoller alguén nunha comunidade plurilingüe, como Galiza? 
Se agora mesmo saísemos á rúa formulando estas preguntas, habería tantas respostas diferentes… E de todas elas, cales serían de verdade prácticas e cales se resumirían na teoría? Que asunto! A lingua galega ruborízanos cando temos que comezar a actuar e deixar a un lado os papeis. Todos os documentos postos uns enriba doutros nunha mesa de escritorio dalgún despacho semellan esvaecerse cando a realidade nos fai tremer e se nos pon no camiño con todo o seu esplendor. 


Durante a xornada do luns 16 de novembro no marco dos XXII Encontros para a Normalizacón Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega, os investigadores Belén Fernández, da Universidade da Coruña e Vicent Climent-Ferrando, da Universitat Pompeu Fabra, reflexionaron sobre a lingua e a diversidade cultural. Burela foi posta como exemplo, xa que aquí, dende a costa de Lugo, sabemos ben o que son as correntes multiculturais. Estamos contentos e orgullosos da nosa pluralidade e así o mostramos en numerosas ocasións.

E agora ben, cal é o papel do galego en todo isto? Témolo tan desaproveitado! Coas correntes migratorias na nosa terra, o galego debería representar ese lazo enorme, fermoso e ben forte que unise a abrupta costa galega coas illas de Cabo Verde. Que mellor maneira de integrar que aproveitando as vantaxes da lingua compartida! Pois xa o temos! E si, só temos que aproveitalo. E a abundante migración de América Latina?

Ben, logo entenderían que cunha lingua tan fácil de aprender e tan útil para a vida diaria no seu lugar de acollida todo pinta moito máis doado. Está claro que non temos unha chave do éxito e, se cadra, tampouco a queremos. Un modelo en que basear algo tan importante como a vida do día a día de cada persoa debe ser flexible, amable e adaptarse a todas as realidades que poidan xurdir.

Ei, ei, ei, pero… Primeiro, antes de nada, debemos querela nós! Coller a nosa lingua, abrazala, coidala, mimala, desgastala de tanto uso e volver a reparala cando haxa algún dano. Debemos desenvolvela como un lazo grandioso que pode unir territorios, que nos fai ser irmáns dos portugueses, dos caboverdianos, dos mozambicanos… De tantos millóns de persoas! E debemos xogar con ela, e rir con
ela, e rir dela, e chorar en galego, e construír soños en galego.

Nese luns das xornadas pola lingua, baixo o tema do plurilingüismo e a inmigración, sacouse a idea máis clara de todas: o plurilingüismo comeza en nós, en todos, con veciños chegados de calquera lugar do mundo… Para cantar en galego e para bailar en berdiano, para ler a Carvalho Calero mentres comemos un arroz chaufa ou para escoitar a Sés mentres cociñamos un nasi goreng. Adiante con todo! Somos moitos, estamos mesturados e podemos construír a torre máis alta peza a peza.

Imos! Hai que arrimar o ombro! Hai que facer historia.

ARQUIVO GV: Sara Gil en Compostela nunha colaboración para o Grandes Vozes. Na fotografía aparece con Carlos Blanco, Uxía Senlle, Socorro Lira e Sérgio Tannus.

(*) Sara Gil Cordido (Burela, 1996) estudou xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén realizou voluntariado cultural. Alén de se ocupar da área de comunicación do Grandes Voces do Noso Mundo durante o lanzamento do programa, continúa a colaboración en tarefas de asesoramento.
Recentemente defendeu na Faculdade de Comunicación e Relacións Internacionais da Universidade Ramón Lull o traballo de Fin de Mestrado co título Historias da comunidade caboverdiana en Burela. Dos dez "graozinho di terra" á costa galega

19/11/20

BERNARDO PENABADE E O MODELO BURELA PROTAGONISTAS DUN PROGRAMA DA RÁDIO METROPOLITANA DO PORTO

 

Christian Salles e Bernardo Penabade, dous dos protagonistas
do programa radiofónico, diante da pintura mural da redeira 
que decora o restaurante A Chabola na localidade de Viveiro.



O profesor Bernardo Penabade foi entrevistado por Nilce Costa e Christian Salles no programa Os Contrabandistas da Rádio Metropolitana do Porto. Durante unha hora os contertulios conversaron sobre diversos temas sempre cun fondo musical de cancións dos Diplomáticos de Monte Alto, Guadi Galego ou Caxade.

Alén de referencias biográficas de Bernardo Penabade como o nacemento nas Grañas do Sor, os estudos de bacharelato en Ortigueira e de Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, no programa tamén se fixo referencia a Ricardo Carvalho Calero, de quen o convidado se manifestou discípulo. Nos minutos finais da emisión radial a conversa centrouse na pedagoxía e nos vínculos lingüísticos entre os países de raíz galega. Christian Salles confesou ter coñecido o Modelo Burela a través da orientación de Matías Nicieza, que lle recomendou o visionado dos blogues e a audición dos programas Proxecto Neo e Grandes Vozes do Nosso Mundo nas respectivas radios á carta. 




18/11/20

Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero


HENRIQUE RABUÑAL

O volume XL dos Cadernos Ramón Piñeiro baixo a coordinación de Armando Requeixo (director dos Cadernos) e Anxo Tarrío Varela (tamén autor dunha significativa lembranza autobiográfica) recolle un feixe de Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero no que tivemos a honra de colaborar. Laura Caamaño Pérez ocupouse da corrección editorial e da revisión lingüística. A cuberta é obra de Xurxo Alonso.
Desde diversas perspectivas, o mundo caleriano é abordado no seu conxunto. Confírmase a centralidade e relevancia de Carvalho na historia política, cultural, literaria e académica no seu século.







A obra aparece organizada en varios apartados. En “O autor e o seu tempo” estúdase a decisiva ferrolanía de don Ricardo (Man Castro Tomé), a súa militancia nacionalista na etapa de preguerra (Justo Beramendi), os anos da guerra a través dunha correspondencia inédita que achega Claudio Rodríguez Fer, a intensa participación de Carvalho no proxecto Galaxia (María Dolores Villanueva Gesteira) e finalmente os últimos anos cando a escola de Carvalho serve de referente do Modelo Burela (Bernardo Penabade).
Na sección “Panorámicas” abórdase a figura do intelectual construtor da nosa lingua e literatura (María Pilar García Negro), do académico (Victor Fernandez Freixanes), do lingüista (Manuel González), do narrador (Mario Regueira), do poeta (Miro Villar), do dramaturgo (este é o meu traballo), do autor infantoxuvenil (Carmen Ferreira Boo), do tradutor (Xosé Manuel Dasilva) e do estudoso da literatura de tradición oral (José Luís Forneiro).Na última sección, “Escritas” figuran referencias ao voluminoso epistolario con Paco del Riego (Luís Alonso Girgado e Ánxela Lema París), a unha carta sobre Fingoi de don Ricardo a Gonzalo Fernández Puentes, á celebrada obra Scórpio (Henrique Dacosta López e Carlos Quiroga) e ao Breviario antológico de la literatura gallega contemporánea (Blanca-Ana Roig Rechou).
Estes Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero complementan, matizan, amplian, confirman moitos dos fíos que neste 2020 nos encamiñan a unha personalidade única no seu tempo. Unha figura cuxa pegada é fecunda para moitas xeracións de discípulos e discípulas e para quen lonxe de prexuízos, dogmatismos e sectarismos quixer abrazar o exemplo e a obra dun dos seres máis bos e xenerosos da Galiza contemporánea. Dun intelectual verdadeiramente senlleiro.









Enviaste a mensagem: Hoxe ás 19:41

15/11/20

XXII EDICIÓN DOS ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

 



Migrantes, galegos e galegas que retornan, conveciños e conveciñas que non teñen o galego como lingua familiar ou colectivos non galegofalantes de orixe. Sobre todos eles se centra a XXII edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita ten como título “A integración lingüística como ferramenta de cohesión social” e desenvolverase os días 13 e 19 de novembro. Hai cen prazas e a inscrición está aberta a través do web.


O programa desta edición desenvólvese en tres sesións. Na tarde do xoves 16 de abril abordará o debate da diversidade como riqueza cultural e tentará responder ao interrogante sobre que linguas queren aprender as persoas migrantes. A mañá do venres está conformada por tres mesas que darán a coñecer as experiencias de integración do colectivo inmigrante desde o punto de vista do sistema educativo e desde o dos servizos de normalización lingüística. Ademais, nesta segunda sesión ampliarase a perspectiva para coñecer que acontece nos casos de inmigración e de acollida lingüística en Euskadi e Cataluña. A terceira e última sesión prestará especial atención ao Celga, por ser este o sistema de formación lingüística que se ofrece desde a Administración autonómica e requisito para a integración laboral das e dos migrantes.
Para falar destes asuntos estarán expertos como Belén Fernández Suárez, da Universidade da Coruña; Vicent Climent-Ferrando, da Universitat Pompeu Fabra; Valentina Formoso, do Programa de adquisición de linguas do IES do Milladoiro; Bernardo Penabade, do Modelo Burela do IES Perdouro; ou Loli Castiñeira, integrante do programa de apoio lingüístico do concello de Salceda de Caselas. Como vén sendo habitual, o programa dos encontros remata cun espectáculo, que este ano correrá a cargo de Soledad Felloza.

Máis de vinte anos falando da normalización
Os Encontros para a Normalización Lingüística son unha iniciativa do CDSG e poñen o foco cada ano en aspectos concretos relacionados co idioma. En edicións anteriores analizaron o deporte, a lingua nos máis novos, a realidade plurilingüe de España ou a divulgación científica na lingua galega, entre outros temas.

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia
O CDSG é un dos catro arquivos dos que dispón o Consello da Cultura Galega para a recollida, recuperación e organización sistemática de documentación relacionada co patrimonio cultural galego. O seu principal obxectivo é participar, como axente activo, no proceso de normalización do idioma galego, propiciando o intercambio e difusión dos materiais xerados neste proceso e creando foros de debate e reflexión arredor da planificación lingüística en Galicia.

Como Arquivo de Planificación Lingüística, compila a documentación relacionada coa planificación tanto do galego como doutras linguas minorizadas con situacións sociolingüísticas semellantes á nosa. Mentres que como Centro de Documentación Sociolingüística, xestiona a documentación e información que xera a planificación lingüística para que volva reverter nos diferentes axentes sociais implicados no proceso.

(Información recollida do Consello da Culura Galega)

01/11/20

EU, NIN TRUCO NIN TRATO




Para min hai dous momentos no ano que son sagrados, pola seriedade e importancia do que hai en xogo e pola fonda información que nos dá sobre o que somos como pobo: o Entroido e o Día de Defuntos.
Chega o Día de Defuntos e para moitos é un día triste, para outros é un día de festa e disfraces, para min é o día do orgullo, do orgullo de saber de onde vés e grazas a quen estás aquí. Para min é o día de escenificar e ritualizar a lembranza dos meus defuntos, dos meus antepasados ou, como acertadamente din algúns paisanos sen sabelo, dos meus santospasados. É un día de dignidade persoal. Por suposto que todos os días do ano son bos para lembrar os que xa non están desta beira da vida, pero convertir esa lembranza nun rito de renovación anual é, como sempre digo, un fantástico mecanismo de reforzo e reafirmación da identidade grupal. 

Este é o día no que honro á miña avoa, á miña segunda nai, que tivo a sorte de morrer o ano pasado e poder ser enterrada como o seu deus mandaba. É o día que contemplo, cos ollos dun neno, os libros que me deixou en herdanza meu pai mentres lembro historias de mariños, viaxes e aventuras. É o día que agradezo cunha vela ao meu padriño que sempre estivese aí cando o necesitei; a data na que recordo todo o que me ensinou meu avó o Sr. Pepe sendo un exemplo de honradez, sacrificio e bondade. É ese tempo liminal onde aínda podo ver a cara do meu bisavó mentres lle pelaba as castañas ao Sol da tardiña con apenas cinco anos. É cando recordo ao meu tío avó Guillermo, filósofo adiantado ao seu tempo, dicindo “a min este mundo non me vale”, e que razón tiña. Cando me reafirmo na máxima do meu tío avó Manolo de que o traballo ben feito “é o orgullo dun obreiro”. Cando añoro aquelas festas de Noite Boa todos xuntos na casa da miña tía avoa Maruja, que en paz descanse. É un dos moitos días nos que desexaría tomar unha caña co meu amigo Angel “Papigil” ou botar unha partida ao xadrez co meu tío Pastor. 

Así que para min esta celebración non é un cachondeo comercial e banal para andar por aí, de bar en bar, vestido de zombi, bruxa ou o conde Drácula. Respecto a opción persoal de cada quen a banalizar e valeirar de sentido esta celebración tan importante para entender a alma do pobo galego. Alá cada un, pero a min non me vale. Para min esta data non é un sucedáneo cutre de festa do consumo yanki, american style. Non é, ou non debería ser, un produto comercial máis deste mundo capitalista e consumista. Para min é algo serio, importante, sagrado. Tan sagrado como a miña identidade e o meu acervo cultural como galego. Para min é o momento de acender lampadiñas de aceite para guialos a todos na súa viaxe polo Alén; de tallar calacús como me ensinou a miña avoa e polas na porta, non vai ser que veña algún que non debe vir; tempo de cocer castañas con anis que seica lle son moi saborosas aos que xa non están; de pór flores nas tumbas como xa facían os neandertais. Para min é a data sagrada do ano na que aínda podo ver, como un regueiro de candeas acesas na noite, o fío infinito que me conecta co que son e co que fomos. Así que eu non vou caer no voso truco, nin quero trato ningún. O meu trato é só con eles e elas. Que a terra lles sexa leve.