06/09/12

Acto de inauguración da exposición "Cerámica con Identidade"

O pasado mércores 5 de setembro, na Cenima de Foz, Maite López, Conselleira de Turismo e Santiago Pérez, director do IES Perdouro, inauguraron a exposición que leva por nome “Cerámica con identidade - Obradoiro educativo en homenaxe a Isaac Díaz Pardo”. Trátase dunha colección de pezas de cerámica realizadas polos alumnos de 3º e 4º de ESO do IES Perdouro de Burela que naceu inspirada no referente ético, estético e emprendedor de Isaac Díaz Pardo, a quen se lle tributaba unha modesta homenaxe poucas semanas máis tarde do seu falecemento.

Cristina Durán, profesora de Plástica no IES Perdouro e Estéfano Gudín, ceramista,  colaboraron conxuntamente durante tres semanas para achegar aos alumnos, a figura de Isaac Díaz Pardo, veciño de Sargadelos e todo un referente da nosa arte galega.

04/09/12

Cerámica con Identidade

O vindeiro mércores día 5 de setembro ás 19.00 h. terá lugar no CENIMA do Concello de Foz a inauguración da exposición:
CERÁMICA CON IDENTIDADE

Obradoiro educativo en homenaxe a Isaac Díaz Pardo

Exposición de traballos escolares realizados no IES PERDOURO DE BURELA en colaboración có ceramista Estéfano Gudín e inspirada no referente ético, estético e emprendedor de Isaac Díaz Pardo, a quen se lle tributaba modesta homenaxe poucas semanas máis tarde do seu falecemento.
Esta exposición permanecerá aberta dendo o día 5 ata o 29 de setembro.   

Obradoiro educativo en homenaxe a Isaac Díaz Pardo

Durante o proceso de redacción e aplicación do proxecto de innovación educativa coñecido como Modelo Burela, o Instituto Perdouro estableceu contacto directo con numerosos axentes sociais tanto da propia localidade como da comarca mariñá. No curso 2011-12, ese labor de interlocución centrouse nun sector específico: as entidades comerciais e empresariais. Foi así como entre o centro educativo e o artesán ceramista Estéfano Gudín surxiu unha colaboración que se plasmou nun convenio bilateral.

Unha das integrantes do cadro docente, a profesora Cristina Durán Arufe, foi a primeira que manifestou interese en aproveitar a potencialidade dese convenio para realizar un obradoiro artístico destinado a alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO. A súa pretensión era buscar unha nova actividade en que mozos e mozas puidesen experimentar coa materia prima, que tivesen oportunidade de aplicar os coñecementos teóricos adquiridos na materia de Educación Plástica e Visual.

A proposta tivo unha magnífica acollida tanto por parte da Vicedirección de actividades extraescolares como do artesán Estéfano Gudín. Así naceu unha actividade educativa inspirada no referente ético, estético e emprendedor de Isaac Díaz Pardo, a quen se lle tributaba modesta homenaxe poucas semanas máis tarde do seu falecemento.

Durante os tres períodos lectivos semanais do mes de marzo e abril, as mesas da sala de artes plásticas cubríronse con saquetiños de caolín e, seguindo as explicacións de Cristina Durán e Estéfano Gudín, alumnos e alumnas fóronlle dando forma ás figuras que naceran na súa imaxinación.
Os resultados daquelas iniciativas de comercio emprendedor e de escola transformadora, atenta á innovación da sociedade que a rodea, están agora reunidos nesta exposición que abrimos ao público no CENIMA, a quen agradecemos a acollida.

Confiamos en que os contidos sexan do seu agrado.

Moitas grazas pola visita.

AUTORÍA DOS TRABALLOS
ÁLVARO  CREGO  DEÁN
CARLA  BOLAÑOS  BLANCO
GABRIEL  ORTIZ  CIDE
ESTELA  FERNÁNDEZ  CABANA
ANDREA  REGA  VILLAREJO  e   SARAY  GÓMEZ  MESA
ELENA  GARCÍA  PALEO  e  XIANA  FERNÁNDEZ  DÍAZ
JESÚS DANIEL  CAMPOS  LÓPEZ
JULIETA  JOHANA  DURÁN  e 
GIANELLA  A. CARBAJAL  MANCHEGO
GABRIEL  BERMÚDEZ  ÁLVAREZ
CRISTINA  CIGARRÁN  DÍAZ
JOSÉ  CARLOS  DÍAZ  LORENZO
CRISTINA  FERNÁNDEZ  BLANCOe   ÁNGELA  IÑIGO  GONZÁLEZ
ANDREA  GÓMEZ  PARDO
ALEX  LIÑÁN  RABOST
AITOR  LÓPEZ  ANELLO
ANDREA  LORENZO  BAAMONDE
VÍCTOR  CABARCOS  VAL
KAREN  FERNÁNDEZ  BEDOYA
NELIA  CRISTINA  GONÇALVES  GOMES
PAULA  VIRGINIA  MONTEIRO  FERREIRA
UXÍA  DÍAZ  FERNÁNDEZ
TANIA  DÍAZ  VÁZQUEZ
AZUCENA  FONTERIZ  OLDÁN
CINTIA  FERNÁNDEZ  CASTRO e  SARA  PERNAS  POLO

EQUIPO DOCENTE

CRISTINA DURÁN ARUFE (Santa Comba, A Coruña) é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Desenvolve a súa actividade artística realizando exposicións individuais como Dúbidas (Espacio 48; Santiago de Compostela) e Lugarsinlugar (Arte XXI; Madrid); e participando en varias exposicións colectivas como a Homenaxe a Lucio Muñoz (Palacio de Congresos; Madrid), Novos Valores (Deputación Provincial de Pontevedra), no “Certame de pintura Concello de Cambre” , no “IX Certame de artes plásticas Isaac Díaz Pardo” e na exposición “Encontros no pazo de Mariñán” (Fundación Luís Seoane; A Coruña).
A súa obra conseguiu varios premios, entre eles na “Bienal Internacional de arte Fundación Araguaney” (Mención de Honra); no “Premio de pintura Comarca do Sar” de Padrón (Terceiro e Primeiro); no “Certame Isaac Díaz Pardo” da Deputación da Coruña (Adquisición) e no “XIII Certame de Arte Galería Burela” (Primeiro).

Desde setembro de 2007 é profesora de Debuxo no IES Perdouro de Burela. No curso 2011-2012 desenvolveu en colaboración con Estéfano Gudín unha actividade educativa en que se fusionaron a arte, a artesanía e a docencia.

ESTÉFANO GUDÍN (Arancedo-El Franco; 1958) comezou a realizar pezas de cerámica durante o ano 2000 e tivo como referencia os alfareiros de La Rambla, en Córdoba. Pouco tempo despois entrou en contacto con diversos artesáns asturianos. Seguindo as indicacións destes, realizou diversas réplicas de utensilios domésticos que observou nas pallozas de Piornedo (Os Ancares). Desta maneira, foi facendo potes, tarteiras, tixolas e cazos sempre con barro tratado con diferentes terras para conseguir óxidos naturais a imitación do ferro.

Desde o 1 de abril de 2004 exerce a actividade profesional no seu obradoiro aberto ao público na localidade de Cervo. Aínda que mantén as características tanto no uso dos materiais como no deseño, diversificou notabelmente a produción e realiza tanto pezas de uso doméstico (xogos de café, xogos de queimada, botellas, tazas, xarróns) como obxectos decorativos (murais, placas, maquetas e esculturas). Mostras públicas da súa obra están en exposición permante no Concello de Viveiro e no Museo Provincial de Lugo.

29/07/12

Exposición "Palabra e Memoria" en Sargadelos

A mostra "Palabra e memoria" abre no Museo Histórico de Sargadelos con fotos de Burela, O Vicedo e O Valadouro

"PALABRA E MEMORIA"EXPÓN FOTOGRAFÍA DO PATRIMONIO DOCUMENTAL DE BURELA, O VICEDO E O VALADOURO

A mostra estará aberta entre de 2 de agosto a 14 de setembro no Museo Histórico de Sargadelos.
Baixo a coordinación de Elisa Pérez e Alba García Pico, en Sargadelos ultímanse os preparativos da exposición fotográfica Palabra e Memoria, que estará aberta ao público entre os días 2 de agosto e 14 de setembro no Museo Histórico da Casa da Administración.
A exposición recolle en 60 fotografías unha antoloxía dos mellores epitafios dos cemiterios de Burela así como dos existentes nas diferentes parroquias dos concellos do Vicedo (Santo Estevo, San Román, Negradas, Riobarba e Cabanas) e do Valadouro (Moucide, Budián, A Laxe, Ferreira, Santa Cruz, Recaré, Santo Tomé, O Cadramón e Vilacampa). As fotografías, realizadas por Pepa Losada, Aida López Vale e María Mon Geada, están acompañadas de textos explicativos e de ilustracións realizadas para a ocasión polo artista plástico Xosé Blanco.
Esta iniciativa cultural do Instituto Perdouro é un complemento divulgativo a unha extensa investigación de campo realizada desde 2005 á actualidade (sete anos consecutivos) pola área de innovación do propio centro educativo. A primeira intervención realizouse en Burela, en cuxa igrexa parroquial se celebrou unha exposición que recollía 7 fotografías da fotoxornalista Pepa Losada. Posteriormente, no Vicedo a encargada de coordinar os traballos de identificación, catalogación e exposición foi a profesora Aida López Vale; os resultados foron expostos na igrexa de Santo Estevo en febreiro de 2010. No Valadouro a coordinación estivo a cargo de Alba García Pico (Ferreira; 1984). Esta licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, coñeceu o documental do mesmo título (Palabra e Memoria) realizado polo burelés Matías Nicieza e dispúxose a localizar, catalogar e estudar as máis relevantes inscricións funerarias dos cemiterios do termo municipal e, posteriormente, completou a súa documentación con entrevistas personalizadas a cada unha das vinte familias implicadas.
A exposición será inaugurada ás 12:30 horas do próximo día 2 de agosto nun acto que contará con intervencións de Bernardo Penabade, Aida López Vale, Alba García Pico e José Carlos Rodríguez Andina. Ademais do servizo de visita guiada de luns a venres, terá un acto complementario previsto para as 18:00 horas do próximo día 9 coa proxección de documentais e a celebración dunha mesa-redonda na que os responsables destas iniciativas oferecerán unha panorámica dos resultados conseguidos nestes anos de traballo.

26/06/12

IVº Encontro "Letra Viva”

BURELA CELEBRA O IVº ENCONTRO “LETRA VIVA” EN RECORDO DE CELSO EMILIO FERREIRO E DO ARMADOR LOCAL JOSÉ ANTONIO LESTAO

No evento, que clausura as actividades da área de innovación educativa do Instituto Perdouro, participa Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia

A biblioteca do Instituto Perdouro acollerá o primeiro dos actos académicos de clausura das actividades do Proxecto de Innovación Educativa programados para a xornada do día 27 de xuño. Ás 11:00 horas está prevista a recepción das autoridades, entre as que figuran o alcalde de Burela, Xosé González Barcia, e o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. Tras unhas palabras de benvida pronunciadas por Juan Sama Díez (director do centro) e por María José Andión Fontela (coordinadora da área de Innovación Educativa), procederase á proxección de tres vídeo-poemas realizados por alumnos e alumnas de 4º de ESO sobre textos de Celso Emilio Ferreiro, unha actividade que estivo coordinada pola profesora Miruca Parga Valiña. Seguidamente, cerrarán o acto as intervencións de Anxo Lorenzo e de Xosé González Barcia.
Ás 11:30 unha comitiva formada polas autoridades, acompañadas polo alumnado e por representantes do profesorado, fará un paseo urbano entre o Instituto Perdouro e a Praza do Concello, con parada na Rúa Celso Emilio Ferreiro. Ao mediodía, diante do consistorio procederase á presentación da campaña “Eu Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro” impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A citada campaña é unha actividade programada polo departamento do goberno galego “para favorecer, desde un ton sinxelo e vinculado ao lecer, un maior coñecemento do autor entre  os residentes nas rúas Celso Emilio Ferreiro das 28 localidades de Galicia que a incorporan no seu rueiro. A campaña consiste na distribución nas casas dun folleto con información detallada sobre o autor e sobre a súa obra”.
Ás 12:00 horas tomará a palabra o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, para presentar a campaña a desenvolver en diversas localidades da provincia de Lugo. Seguidamente, realizarase un recital de poesía no que interveñen persoas estreitamente vinculadas ao desenvolvemento do Modelo Burela de Planificación Lingüística. A estudante de Medicina Lucía Barrera, o cineasta Matías Nicieza, o estudante paquistaní Umer Mohammad, a intérprete Alba García Pico e os profesores Karina Parga e Juan G. Sama recitarán diversos poemas de Celso Emilio Ferreiro.
A xornada cultural finalizará ás 20:30 horas, coa descuberta dunha placa de homenaxe a José Antonio Lestao Manzano (1893-1974), un veciño de Burela moi implicado na consecución de infraestruturas portuarias, educativas e de servizos sociais para a localidade. Este acto celebrarase no xardín da vivenda familiar construída por iniciativa de Lestao Manzano en 1937 e que está situada na intersección da rúa das Flores coa de Celso Emilio Ferreiro.

11/06/12

Acto de recoñecemnto a CRÓNICA3 - Discurso da coordinadora do PIL

Sras. e Sres. convidados, compañeiras e compañeiros:

A piques de rematar este curso, rematamos tamén unha fase máis do noso Proxecto de Innovación en Dinamización Lingüística, longa e oficial etiqueta tras a que se agocha o noso benquerido Modelo Burela de integración intercultural e normalización lingüística. Un Proxecto que naceu neste Instituto aló polo curso 2005-2006 e que conseguiu, nesta súa andaina de sete anos, ser premiado cinco veces consecutivas pola Consellería de Educación a través de Política Lingüística.
Se ben naceu no ámbito educativo, axiña o traspasou para aniñar no eido político e servir de base motivadora para o Modelo Burela de Planificación Lingüística. Pasiño a pasiño, foi adentrándose  nos distintos ámbitos da sociedade tendo sempre como punto de saída o noso Centro educativo. Así, chegou a ámbitos como o relixioso, o deporte, a música, a sanidade, o comercio ou os medios de comunicación.
Ao tratarse dun Proxecto cun claro carácter continuador, ao longo destes sete cursos, a comunidade educativa deste Instituto foi ampliando cada curso o seu ámbito de traballo pero sen abandoar os anteriores. Todas e cada unha das persoas representantes destes sectores tiveron e seguen tendo un papel clave no desenvolvemento e no éxito do noso Proxecto. Entre eles, como xa dixemos, están os medios de comunicación e este curso dunha forma especial, xa que a colaboración entre o I.E.S. Perdouro e Radio Burela deu como resultado o programa Proxecto Neo, a través do cal os neofalantes da nosa lingua dan a coñecer á sociedade o seu sentir e a súa experiencia neste senso.
Os medios de comunicación foron e seguen sendo, sen dúbida, os que nos permitiron e permiten que o noso traballo chegue cada vez a máis xente. Coa súa axuda, o Modelo Burela espallouse por toda a comarca de A Mariña, polas catro provincias galegas, por diversos puntos da xeografía española e incluso por varios países europeos e hispanoamericanos.
Un destes medios que nos permite, como se soe dicir, "traspasar fronteiras" é, sen dúbida, Crónica3.com.
A este xornal dixital mandamos a redacción das nosas novas co convencemento de que:
1º.- van ser publicadas.
2º.- van ser publicadas con rapidez e
3º.- van ser publicadas con rapidez e sen manipular a forma e o contido.
Por iso, vemos obrigatorio este acto de agradecemento e de recoñecemento a todas as persoas que fan posible o exemplar funcionamento de Crónica3.com.
Ese bon facer diario fai que este xornal dixital nos inspire confianza xa sexa como lectores ou como informadores e por iso o temos no primeiro posto á hora de enviar as novas referentes ao noso Proxecto.
Reitero, pois, en nome de todos os que formamos parte deste Proxecto de Innovación en Dinamización Lingüística do I.E.S. Perdouro, o noso sincero agradecemento pola vosa sempre boa acollida das nosas novas, pola rapidez coa que as publicades e pola fidelidade á información enviada.
Moitísimas grazas por permitirnos -a nós e á nosa lingua- camiñar con vós e parabéns polo traballo destes cinco anos na rede!

Mª José Andión Fontela

Acto de recoñecemento a CRÓNICA3


Tras un lustro de constante traballo informativo ao servizo da vertebración así como do desenvolvemento económico e cultural da comarca, chega o momento do recoñecemnto público tanto ao Crónica3.com ás persoas que o fan posible. Con esa intención, a Área de Innovación Educativa do IES Perdouro tomou a iniciativa de organizar un encontro entre os responsables do medio e unha representación plural da súa audencia.

No acto celebrado o luns 11 de xuño ás oito da tarde interviron, Juan Sama Diez, Director do IES Perdouro, Karina Parga Chao (Vicedirectora), Miruca Parga Valiña (Área de Innovación Educativa), Anxo Rivas Pardeiro (Locutor de Radio Foz) e Alfonso Otero Regal (Ceramista). En representación de Crónica3.com, Emilio González Legaspi expresou o seu profondo agradecemento a este apoio e recoñecemento público ao labor xornalístico e desinteresado dos membros de Crónica3.



Logo de contextualizar a xenese de Crónica3, Emilio González Legaspi explicou aos participantes os contidos da páxina web Crónica3.com. Ademais, fíxoselle entrega da placa "Modelo Burela".



Na entrada do centro educativo, está exposta unha exposición dos diversos números da revista O Trasno, e un mural coas testemuñas de recoñecemento da audiencia.



No seguinte documento, pódese ver unha pequena mostra do cariño e recoñecemento por parte da audiencia de Crónica3.

06/06/12

A audiencia recoñece o labor informativo deste medio

TODA A COMARCA NUN “CLIC”. Crónica3.com: cinco anos de xornalismo de proximidade
Por iniciativa da área de innovación educativa impulsora do Modelo Burela de Planificación Lingüística, a biblioteca do Instituto Perdouro acollerá ás oito da tarde do próximo luns, día 11 de xuño, un acto público centrado no labor informativo do Cronica3.com

Baixo o lema TODA A COMARCA NUN “CLIC”. Crónica3.com: cinco anos de xornalismo de proximidade, o centro educativo elaborou un programa de actividades que inclúen un saúdo de Juan G. Sama Díez (director do IES Perdouro) e unha visita a unha exposición dos diversos números da revista O Trasno (impulsada no seu día polo Colectivo Cultural Buril e agora reeditada en facsímil pola mesma entidade co patrocinio da Deputación de Lugo). A xornada finalizará coa entrega do recoñecemento “Modelo Burela” aos impulsores deste medio de comunicación. Ademais dos representantes da área de innovación educativa, farán uso da palabra Anxo Rivas Pardeiro (de Radio Foz), Alfonso Otero Regal (colaborador de opinión) e Emilio González Legaspi (en representación dos editores do Cronica3.com).

Os organizadores indican que “tras un lustro de constante traballo informativo ao servizo da vertebración así como do desenvolvemento económico e cultural da comarca, chega o momento do recoñecemento público tanto ao Cronica3.com ás persoas que o fan posible. Con esa intención, tomamos a iniciativa de organizar un encontro entre os responsables do medio e unha representación plural da súa audiencia”.

PARTICIPACIÓN DA AUDIENCIA

A entidade convocante espera recoller en primeiro plano a valoración que fai a propia audiencia sobre este medio de comunicación. Para iso fai un chamamento á participación colectiva elaborando un texto específico para esta ocasión. O escrito pode ser feito a título individual ou en representación “das entidades cívicas que teñen neste medio do xornalismo dixital un eficaz divulgador das súas convocatorias e iniciativas”.

Todas aquelas persoas que o desexen, poden enviar as súas opinión a modeloaditivo@gmail.com antes das 14:00 horas do mesmo día en que se celebran os actos: o luns, día 11. Todas as colaboracións estarán expostas no instituto durante a xornada.

Neste momento, a organización xa conta coa participación de diversas entidades representativas do ámbito territorial da Mariña.

20/05/12

Empresas e comercios locais que asumen como propios os criterios de atención e comunicación Modelo Burela
A Casa Miranda acolleu a presentación dos convenios con diferentes casas comerciais.

Ás 12: 00 horas do día 17 de maio, Día das Letras Galegas, na Casa Miranda do porto de Burela procedeuse ao acto de sinatura de convenios con empresas e comercios locais que asumen como propios os criterios de atención e comunicación Modelo Burela. En representación da área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro tomou a palabra a profesora María Xosé Andión Fontela, que explicou o contido dos convenios a asinar entre o centro educativo e os representantes de varias casas comerciais da localidade.
Por parte dos comerciantes compareceron Estéfano Gudín, ceramista orixinario de Arancedo (El Franco) con obradoiro aberto no centro de Cervo; Xabier Sánchez Lorenzo, de Imaxedixital3000, un dos impulsores da iniciativa e responsable da imaxe corporativa das actividades comerciais “Modelo Burela”; José Miranda, recoñecido deseñador que combina esta súa actividade profesional coa dedicación ao sector da restauración gastronómica; e Pablo Fernández, con comercio do sector téxtil -Xemelgos Skate Schop- no centro Porto Praza.
Pola súa parte, a vice-directora do Instituto Perdouro manifestou a satifación da comunidade educativa pola acollida que o Modelo Burela está tendo entre as casas comerciais. Karina Parga mostroulle aos presentes a disposición do centro de ensino para colaborar no reforzo do comercio e a empresa da localidade. Ao mesmo tempo, suxeriulles unha actualización da súa comunicación dixital seguindo o exemplo do grupo musical Alma Latina, entidade pioneira na difusión do novo modelo de comunicación.

15/05/12

Actividades “Modelo Burela” para conmemorar o día das Letras Galegas

A área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro organiza dúas actividades especiais para conmemorar o Día das Letras Galegas ao estilo Modelo Burela.
Por unha parte, o propio día 17 de maio sae para Londres unha expedición de alumnos e alumnas de 4º de ESO, acompañados polo profesor Antonio Galdo e pola profesora Charo Fernández, co obxectivo de fomentar a fluidez comunicativa en inglés. Esta é unha actividade complementaria das sesións de teatro e dos obradoiros de lingua inglesa coordinados polo lingüista Anik Nandi e que se celebran no Instituto Perdouro desde hai varios anos académicos.
Por outra parte, ás 12: 00 horas na Casa Miranda do porto de Burela procederase ao acto de sinatura de convenios con empresas e comercios locais que asumen como propios os criterios de atención e comunicación Modelo Burela. Seguidamente entregaranse os primeiros distintivos ás empresas que teñen subscrito este tipo de convenios.

O Instituto Perdouro organiza actividades especiais para conmemorar o Día das Letras Galegas ao estilo Modelo Burela.

10/05/12

OS NEOFALANTES PROTAGONIZAN O PROGRAMA LUAR DA TVG PRESENTADO POR XOSÉ RAMÓN GAIOSO

Unha delegación da Mariña participará mañá nun programa dedicado á celebración do Día das Letras Galega

Un conxunto de 15 persoas da Mariña viaxarán na tarde de mañá venres a Santiago de Compostela para participaren na emisión do Luar da TVG, un programa que estará dedicado á conmemoración do Día das Letras Galegas. A delegación que sairá da estación de autobuses de Burela ás 4 da tarde, está encabezada pola Vicedirectora do IES Perdouro, Karina Parga Chao, e nela figuran diversas persoas da Mariña, todas elas cun vínculo especial: a súa procedencia de máis alá das nosas fronteiras e a máis que aceptable integración na nosa cultura.
Xunto a diversos protagonistas do documental “Modelo Burela”, de Matías Nicieza (que tamén estará na expedición), serán entrevistadas en Luar algunhas das persoas que participaron durante este curso académico nas emisións radiofónicas tituladas “Proxecto Neo” impulsadas polo Instituto Perdouro. Residente en Ferreira do Valadouro, Ayoud Sabry é un mozo marroquino que estuda mecánica do automóbel en Ribadeo; o pakistaní Umer Mohammed, residente en Burela, combina o traballo nun negocio familiar do sector hostaleiro cos estudos de 2º de Bacharelato; a focense Sol Pedreira chegou á nosa terra procedente do Perú e manifesta unha magnífica integración entre nós, sen renunciar aos vínculos cos familiares da China e o Xapón; o futbolista Miguel Gomes, xuvenil habitual nas listas do primeiro equipo da S. D. Burela de fútbol será o representante da comunidade caboverdiana.
A presenza deste conxunto de persoas representativas da implantación do “Modelo Burela” de Planificación Lingüística no Luar da TVG, é o resultado da colaboración do IES Perdouro co equipo de produción do programa televisivo durante estas últimas semanas.
Este recoñecemento ao labor da área de Innovación Educativa do instituto de Burela, programa que conta coa coordinación da profesora María José Andión Fontela, chega poucos días despois de que o propio Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitase o centro de ensino para participar nunha xornada de dinamización lingüística.
Ademais de continuar con proxectos como o da integración de neofalantes, a área de Innovación Educativa do IES Perdouro centra este ano o seu labor didáctico no apoio ao desenvolvemento do comercio local, unha iniciativa que xa conta co apoio de diversas empresas.