01/03/10

O proxecto de planificación lingüística “Modelo Burela” programou un faladoiro cunha docente mozambicana

A profesora mozambicana Maria Helena Fidalgo de Lemos, docente do Departamento de Artes no IES Monte Castelo, participará nun faladoiro co alumnado de Lingua Portuguesa do IES Perdouro o próximo martes, ás 12:35 horas do día 2 de marzo. Descendente dunha familia orixinaria de Goa (un dos territorios de fala galego-portuguesa na India), a profesora Fidalgo de Lemos naceu en Lourenzo Marques (actualmente Maputo) en Mozambique, país onde realizou os seus estudos primarios e secundarios, que máis tarde completou coa formación superior na Facultade de Belas Artes da Universidade do Porto.
Ademais de coñecer de primeira man o seu perfil biográfico, o alumnado do IES Perdouro poderá visionar a extensa produción artística da profesora Fidalgo de Lemos e manterán un coloquio sobre a obra “Resistencia”, da escritora galega Rosa Aneiros, centrada no tránsito á democracia en Portugal e a súa influencia na descolonización dos países da África lusófona.

A actividade, enmarcada dentro do apoio á difusión das linguas internacionais conforme ao Modelo Burela, está coordinada pola profesora Miruca Parga, docente de Lingua Portuguesa, materia optativa en Bacharelato ofertada desde hai 5 anos no IES Perdouro.

Sem comentários:

Enviar um comentário