22/10/16

Fermoso encontro intercultural no auditorio de Burela

De esquerda a dereita: Lavilson R. Monteiro, Bernardo Penabade, Ramón Vázquez Andrade; Matías Nicieza; Xulio R. Leiras; Margarita Bermúdez; Carla da Veiga e Silvera V. de Oliveira.

A compañía Redrum Teatro tróuxonos a Burela a representación de Noiteboa, un espectáculo protagonizado por Mela Casal, Ernesto Chao e Guillermo Carbajo. Como é lóxico, a presenza de Ernesto e Mela no reparto serviu de aliciente para que se aproximase ao auditorio algún público novo, que non é habitual neste tipo de eventos. Tanto é así que a convocatoria foi moi secundada e houbo un moi bon ambiente.
Finalizada a representación, os actores e a actriz tiveron a xentileza de saír ao recibidor para saudar o público, asinar autógrafos e tirar fotografías con espectadores que nos agrada gardar un recordo do seu paso pola Mariña e do espectáculo que nos brindaron. Foi así como se reuniu estre grupo que aparece na imaxe. Con Matías Nicieza como elemento aglutinante, a expedición do Instituto Perdouro aínda se mantivo uns minutos en conversa co concelleiro Ramón Vázquez Andrade e cos mindonienses Xulio R. Leiras e Margarita Bermúdez.
O teatro serviu de motivación para o encontro, para facer unhas reflexións, para rir e -sobre todo- para fomentar a convivencia. 
Ir na compaña de Silvera e Carla e Lavilson é un orgullo. Supón constatar como crecen día a día e supón ir derrubando fronteiras, abrindo portas e sumando vontades. Aínda que este ambiente cosmopolita é unha veliña acesa cunha lapa moi tenue, temos a convicción de que as nosas mans se van manter xuntas e que van ser capaces de a protexer.
Esa veliña acesa, a nosa esperanza. 

Sem comentários:

Enviar um comentário