Ana Hermida Meilán
27/08/20
Na memoria da "Mestra de Vida"
Ana Hermida Meilán
26/08/20
MEMORIA HISTÓRICA PARA O FORTALECEMENTO DEMOCRÁTICO
Crónica dun emotivo acto dedicado a Hilda Farfante en Boal
Bernardo Penabade
Hilda Farfante conversando con Quique Roxíos mentres Verónica Bermúdez e Pilar Acero, en representación de Forum Boal 3000, mostran o val aos familiares desde a terraza do Hotel-Restaurante Zángano |
Ás seis e media da tarde do pasado día 24 de agosto celebrouse no auditorio de Boal un acto moi emotivo dedicado á profesora Hilda Farfante Gayo, que estivo acompañada na mesa por Verónica Bermúdez, presidenta da entidade organizadora "Forum Boal 3000", e polo escritor Quique Roxíos. O que resultou ser un auténtico "reencontro público" de Hilda Farfante coa localidade en que viviu durante 14 anos -cando ela tiña entre 5 e 19- puxo fin a un longuísimo Guadiana que se prolongou desde 1949 a 2020 (durante 71 anos). Precisamente, tendo en conta estas especiais circunstancias, a entidade organizadora puxo moito empeño para que todo saíse ben e conseguiuno moito máis que sobradamente. Como ten que ser, os traballos de planificación comezaron moito antes de seren feitos públicos, discretamente, contactando con todos os axentes implicados, que foron moitos. Mereceu a pena.
En vista da situación de crise sanitaria que vive o país, o fácil tería sido suspender o evento, mais as organizadoras optaron pola solución comprometida: manter a convocatoria sendo inflexíbeis en materia de aforo e de medidas de distanciamento social. Exactamente como ten que ser. Nese contexto, en menos o listado de persoas que poderían entrar no auditorio xa estaba completo, mais o apoio das novas tecnoloxías serviu finalmente para que o acto puidese seguirse simultaneamente desde o exterior da casa consistorial e mesmo desde calquera lugar do mundo, como fixeron case un centenar de persoas.
Abriu as intervencións a presidenta do Forum Boal 3000, Verónica Bermúdez, que contextualizou o encontro tanto para o público presencial como para o que o seguía a distancia e que lle foi presentando a Hilda as persoas que a acompañaban nese momento. Despois tomou a palabra o escritor Quique Roxíos, que pronunciou un breve discurso no que glosou resumidamente o perfil biográfico de Hilda Farfante e sinalou as razóns fundamentais do acto a ela dedicado (o amor a Boal, o empeño no estudo, a determinación á hora de reivindicar os dereitos da muller, o compromiso coa renovación pedagóxica, o "grito pola Memoria", o espírito solidario...). Inmediatamente despois produciuse a intervención da homenaxeada, que respondeu a varias preguntas formuladas desde a mesa e desde o público. Foi un discurso espontáneo que o público agradeceu con aplausos en varias ocasións. Xa na parte final, tomaron a palabra o alcalde -José Antonio Barrientos-, que entregou á homenaxeada unha reprodución en cerámica das Escolas Graduadas en que ela tiña estudado sendo nena; e, de novo, a presidenta da entidade organizadora que cerrou o acto.
O VÍDEO: DOCUMENTO FUNDAMENTAL
Durante a celebración, resultou fundamental o traballo técnico realizado pola empresa de Comunicación Social BARENTA REPORT. A retransmisión en directo a través do Facebook fíxose cunha extraordinaria cualidade de imaxe e son e iso serviu para que pouco a pouco se fose incrementando o número de persoas que sintonizaban desde moi diversos lugares, como se puido comprobar nas numerosas mensaxes de adhesión publicadas nas redes sociais ou enviadas a través de whatsapp.
Está claro que agora a sociedade ten acceso cómodo ao fundamental: a explicación da motivación da asociación organizadora, o perfil biográfico da homenaxeada e o desenvolvemento do acto. A sociedade ten como nun espello dous minutos antolóxicos: unha muller de case 90 anos e un home de pouco máis de 50 unindo as súas voces no recitado dun poema. Dúas xeracións distantes -a dos anos 50, representada por Hilda Farfante; e a dos 90, representada por Quique Roxíos- dándose a man e fundindo as voces para facer cultura. En conxunto, unha hora de diálogo intercultural auténtico e moi fluído.
A pelota está agora no centro do campo, en aberto. Agora é o momento das asociacións culturais e veciñais, dos centros de ensino -moi especialmente os institutos- e tamén dos medios de comunicación. A materia prima é de dominio público. Que o público a faga súa xa non depende de quen tomou a iniciativa.
24/08/20
GRATA SORPRESA COA LECTURA DO SCÓRPIO
Pilar Rueda
Son natural de Moaña -no Morrazo -
e afincada en Friol desde hai xa 24 anos. Gústame a lectura aínda que non creo
que sexa moi boa analista, simplemente a disfruto. Non teño preferencia por ningún
tipo de libro especial, escollo segundo o momento da vida e o que me apeteza.
Eu non comecei a falar en galego
ata que tiven 14 ou 15 anos. Na miña casa sempre se falou máis ben o castrapo e
na escola onde fixen EXB falábase castelán. Aínda así, recordo unha anécdota
que quizá foi o me levou a fixarme no galego. Eu tería xa 12 anos e entrou no
colexio un neno pequeno que falaba en galego e correuse a voz de que se lle
falase en galego para que non perdese o costume.
Con estes precedentes, aos 15
anos decidín que ía falar en galego. Na casa non me dixeron nada en contra e no
instituto só algúns amigos me dicían que non o falase, mais non tiven que
superar obstáculos maiores.
Son da idea de que temos que
saber falar en castelán e que cada quen decide a lingua que máis lle gusta, mais
como galega gústame o meu idioma. Sobre a lectura, leo desde sempre. Non moito
en galego, porque non me cadrou. Cando me gusta un libro ou me atrae para ler
non me fixo no idioma. Aínda así, a partir de agora hei fixarme máis na literatura
escrita na nosa lingua.
Con Ricardo Carvalho Calero levei
unha sorpresa. Temía que fose resultar unha lectura aburrida, mais xa na
primeira folla -centrándome na historia e non tanto na escritura- gustoume.
Gústame o formato do libro, mostrando a subxectividade de cada personaxe. E
gústame a época en que está ambientada a historia porque me fai coñecer algo
máis o noso pasado.
Cando vin o anuncio do club de
lectura en facebook -a través de Loli Cayón-, non o pensei e pedín información.
Recoñezo que cando me dixo que ía ser virtual case me boto para atrás, pero alégrome
moito de non telo feito xa que o disfruto moito e aprendo outro tanto .
Inicialmente, pensei que o libro
estaba escrito en portugués. Só cando tivemos a primeira reunión entendín que non
tiñamos que lelo como o farían en Portugal ou no Brasil. Aínda que hai palabras
que non entendo ben, non me é difícil de entender o sentido. Ademais, non quero
presionarme a sabelo todo. Conténtome con entendelo, aprender algo e disfrutalo
.
A experiencia estame resultando gratificante.
O libro mantenme interesada no que vai ocorrer. De feito, estou desexando
comezar a ler a segunda parte.
15/08/20
ANCHA AUSENCIA
Capa do poemario de Quique Roxíos publicado por Editorial Canela. |
En Lezo, Guipúzcoa, celebraron úa homenaxe civil a úa muller mui apreciada que moriu víctima dúa enfermedá grave. A amiga que se foi era orixinaria de Abadín (Concello da provincia de Lugo) e inda que amañou vida en terras vascas nunca perdeu el vínculo coa súa terra de nacimento.
13/08/20
"XUNTOS PRA SEMPRE" en SAN TIRSO DE ABRES
Bernardo Penabade
Por moi raro que pareza -que o é-, se queremos facer unha rápida radiografía do estado de saúde dunha lingua nun determinado lugar, hai un sistema que resulta moi rápido, de moi fácil acceso e que nos transmite unha información moi certeira: a visita ao cemiterio. Imaxino os risos de moitas persoas ao leren isto -porque relacionan estes lugares unicamente coas persoas falecidas e non coas vivas, que son as responsábeis de atender aqueles recintos e de colocar as placas cos textos que alí lemos-, mais despois de termos analizado millares de casos sabemos que alguén que foi capaz de romper un costume ancestral alienante -como é cambiar de lingua cando non é necesario- e decidiu lembrar os seus defuntos na lingua de uso familiar, ese alguén ten un sentido da identidade moi forte. Son esas persoas que se mostraron capaces de superar o medo "ao que dirán" as que poden abrir portas a unha rexeneración cultural, a través de iniciativas de carácter íntimo (como, por exemplo, a literatura) ou de carácter público na comunicación comercial ou asociativa.
Tendo en conta este criterio, propúxenme coñecer "in situ" o panorama lingüístico da comarca eo-naviega e decidín comezar por un lugar tan emblemático como é o concello de Taramundi. Por que? Xustamente porque Taramundi representa para min un deses lugares onde se fixo unha excelente xestión de recuperación patrimonial orientada ao desenvolvemento económico local. Movido por esa admiración, quixen comprobar se esa iniciativa tamén tiña continuidade no ámbito cultural.
Antes de chegar a Taramundi, fixen unha breve visita a un lugar moi próximo: o Santuario da Virxe do Conforto, que forma conxunto co museo de arte sacra e co cemiterio anexo. Na atenta observación dos escritos, chamáronme a atención as placas institucionais que recordan as obras de restauración feitas no lugar, un comunicado da asociación de veciños e os epitafios postos por tres familias (un do final dos '80 do século pasado e outros dous do decenio que agora clausuramos).
A só 5'5 kilómetros de distancia, xa nin sequera existían aquelas mínimas mostras testemuñais que atopamos no Conforto. En Taramundi o cemiterio estaba ben cuidadiño tanto no exterior como no interior e percibíase a continuidade cultural a través dos apelidos e dos nomes das casas, mais a cultura local non tiña nin unha mínima representación en ningunha plaquiña e iso que había varios centos. Aínda que polo camiño non chegamos a visualizala, estaba claro que había unha raia ben clara. Ou máis que raia... fronteira!
Coa constatación desta evidencia, decidín continuar gozando da paisaxe, falando coa xente dos diferentes lugares e fixándome ben nas rotulacións e nos anuncios dos comercios e das asociacións locais. O lugar de destino foi San Tirso de Abres, onde, despois de tomar un refrixerio e dar unha voltiña, fixemos visita á igrexa de San Salvador e ao cemiterio.
Nada máis entrar no campo santo, chamoume a atención unha placa colocada no mes de outubro de 2019 por unha asociación de recuperación da Memoria Histórica. Evidentemente, aquelas palabras reivindicando verdade, xustiza e reparación chegáronme á alma e tiven un recordo emocionado para aquelas cinco persoas a quen recordan. Con todo, o que eu buscaba era outro tipo de mensaxe, a da espontaneidade, a que manifestase única e exclusivamente o cariño íntimo da propia familia. Mentres avanzaba o paseo demorado con observación para un lado e outro, arriba e abaixo, matíñase a ilusión por encontrar algo e a desilusión de non localizar nada. Feito un 25%, só aparecían como tenue fondo os apelidos e os nomes das casas. Mesmo pasado xa o intermedio, tiven diante de min escritos en francés -que recordaban persoas que tiñan sido emigrantes-, mais a lingua familiar estaba desaparecida, fora unha Fala e non se desenvolvera.
Moi pertiño xa da porta de saída, os ollos localizaron e o corazón bateu. Alí estaba a mensaxe: "Xuntos pra sempre". Era unha plaquiña pequeniña, moi discreta, feita en cerámica. Sobre un fondo branco, unha estampa familiar, un nome, as datas de nacemento e defunción; o desexo de descanso; e o epitafio.
Uns días máis tarde compartín a alegría do achado con Quique de Roxíos e pedinlle axuda para a investigación das circunstancias en que foi redactado o texto. Á súa vez, o escritor de Boal púxose en contacto con Ángel Prieto Souto, auténtico motor da dinamización cultural e económica de San Tirso, e as xestións rapidamente deron magníficos resultados. Así cheguei a Inmaculada Folgueiras Bermúdez, que me atendeu esplendidamente e que me contou que a inscrición foi colocada no mes de maio de 2016: "O texto redacteino eu. Ainda que San Tirso de Abres está mo occidente de Asturias, o galego sempre foi a miña lingua materna e non entendería un texto en recordo de miña mai estivese escrito doutra maneira".
Despois de falarmos sobre o traballo de gravado, feito por Yanes Lombardero da Ponte Nova ("leveille a foto escaneada e o texto escrito"), abordamos tamén o resto da comunicación que acompaña o ritual funerario: as esquelas e as liturxias. A fidelidade lingüística nas esquelas aínda é moito máis difícil que nas lápidas, precisamente pola inmediatez e a conseguinte toma de decisións precipitada: "Que eu recorde ninguén de por aquí fixo nunca as esquelas no idioma noso. O funeral relixioso tampouco. O noso párroco é do oriente de Asturias".
Cando lle pedimos que nos fixese unha semblanza da falecida, Inmaculada Folgueiras Bermúdez accedeu: "Era miña mai, M Dolores Bermúdez Méndez. Naceu en San Tirso de Abres. A menor de catro irmás, viña dunha familia de labradores, educadas moi estrictamente e con base moi relixiosa debido a que seu pai fixera estudos para ser sacerdote. Miña mai casouse namorada con meu pai, Pepe, en 1963, cando o seu primeiro fillo, José Waldo, tiña 6 anos. O neno faleceu dunha enfermidade do corazón en 1971. En 1983 faleceu meu pai e miña mai expresou o seu desexo de ser enterrada co seu neno e así o cumprimos. De aí o texto do epitafio e a foto dos tres: "Xuntos pra sempre", como eles querían que fose".
Como desde maio de 2016 xa pasaron catro anos, quixemos coñecer as reaccións que levantou este escrito tan espontáneo e natural como rompedor de moldes. Inmaculada respondeu con absoluta franqueza: "É certo que a miña filla filla, durante un funeral, viu que unhas señoras pasaban por diante do nicho e que pararon a mirar a plaquiña. Unha delas díxolle á outra: "Quedaría ben mellor Juntos para siempre". Notei tamén o silencio por parte persoas achegadas e entendino como que non gustaba. Imaxino que non o viron ben, porque pensan que así somos menos asturianos. Esa é a explicación que lle dou. En calquera caso, teño clarísimo que á familia, amigos e veciños gustoulles a lápida. Houbo incluso unha veciña que me chamou e que falou comigo en privado para dicirme canto lle gustara e canto se emocionara".
Será este epitafio algo único entre Ibias, as Figueiras e Navia? Non o sabemos con certeza, mais todo se andará. Por diante temos en mente saber se houbo alguén que se atrevese cun convite nupcial, cun recordatorio de comuñón ou cunha publicidade dun modesto negocio familiar. O caso é dar co primeiro. Despois xa está o camiño aberto.