18/11/20

Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero


HENRIQUE RABUÑAL

O volume XL dos Cadernos Ramón Piñeiro baixo a coordinación de Armando Requeixo (director dos Cadernos) e Anxo Tarrío Varela (tamén autor dunha significativa lembranza autobiográfica) recolle un feixe de Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero no que tivemos a honra de colaborar. Laura Caamaño Pérez ocupouse da corrección editorial e da revisión lingüística. A cuberta é obra de Xurxo Alonso.
Desde diversas perspectivas, o mundo caleriano é abordado no seu conxunto. Confírmase a centralidade e relevancia de Carvalho na historia política, cultural, literaria e académica no seu século.







A obra aparece organizada en varios apartados. En “O autor e o seu tempo” estúdase a decisiva ferrolanía de don Ricardo (Man Castro Tomé), a súa militancia nacionalista na etapa de preguerra (Justo Beramendi), os anos da guerra a través dunha correspondencia inédita que achega Claudio Rodríguez Fer, a intensa participación de Carvalho no proxecto Galaxia (María Dolores Villanueva Gesteira) e finalmente os últimos anos cando a escola de Carvalho serve de referente do Modelo Burela (Bernardo Penabade).
Na sección “Panorámicas” abórdase a figura do intelectual construtor da nosa lingua e literatura (María Pilar García Negro), do académico (Victor Fernandez Freixanes), do lingüista (Manuel González), do narrador (Mario Regueira), do poeta (Miro Villar), do dramaturgo (este é o meu traballo), do autor infantoxuvenil (Carmen Ferreira Boo), do tradutor (Xosé Manuel Dasilva) e do estudoso da literatura de tradición oral (José Luís Forneiro).Na última sección, “Escritas” figuran referencias ao voluminoso epistolario con Paco del Riego (Luís Alonso Girgado e Ánxela Lema París), a unha carta sobre Fingoi de don Ricardo a Gonzalo Fernández Puentes, á celebrada obra Scórpio (Henrique Dacosta López e Carlos Quiroga) e ao Breviario antológico de la literatura gallega contemporánea (Blanca-Ana Roig Rechou).
Estes Estudos arredor de Ricardo Carvalho Calero complementan, matizan, amplian, confirman moitos dos fíos que neste 2020 nos encamiñan a unha personalidade única no seu tempo. Unha figura cuxa pegada é fecunda para moitas xeracións de discípulos e discípulas e para quen lonxe de prexuízos, dogmatismos e sectarismos quixer abrazar o exemplo e a obra dun dos seres máis bos e xenerosos da Galiza contemporánea. Dun intelectual verdadeiramente senlleiro.









Enviaste a mensagem: Hoxe ás 19:41

1 comentário:

  1. Moi agradecido por compartirdes o texto. Saúdos á boa xente do Proxecto Neo e á "miña" prezada Mariña.

    ResponderEliminar