28/10/22

CELEBRADA NOVA INTERVENCIÓN EDUCATIVA NO CEMITERIO PARROQUIAL DE BURELA

A sesión contou coa participación da deseñadora das lápidas, o marmorista e o coidador do recinto

De esquerda a dereita: Óscar Pardiño (marmorista), Silvino Oroza, Serxio Alonso, Pedro Valle (coidador do cemiterio), Rosana Posada Expósito (impulsora da iniciativa Modelo Burela en Rinlo), Aurora Ben,  Josefa López (Xefa de Sueiras), Juan Ramos, Nina Ferreira López, Uxía Sestaio. En primeiro plano: Cristian Gómez Mesa, Nuria Ramos Cuba, Bernardo Penabade, Karina Parga, Laura G. Santiso, Vanesa Vila-Verde. Foto: D. Santos


Seguindo o marcado en edicións anteriores, durante a tarde do pasado día 27 de outubro celebrouse nova edición dunha das intervencións educativas Modelo Burela: a visita ao patrimonio documental do cemiterio parroquial da localidade. A actividade de Educación Social, organizada polo IES Perdouro, estivo guiada por Pedro Valle -coidador do cemiterio- e contou coa participación activa de Óscar Pardiño e da deseñadora de lápidas Laura García Santiso -ambos xa xubilados-, da documentalista audiovisual Vanesa Vila-Verde Lamas e dunha representación das familias implicadas.

Desde o ano 2004, a intervención educativa Modelo Burela fixo un continuado traballo de campo co obxectivo de localizar os deseños e os epitafios máis significativos, especialmente aqueles que recollen a produción propia dos familiares ou fragmentos de obras clásicas da literatura. Posteriormente, durante cada mes de maio e con periodicidade anual, realízase unha visualización destinada a localizar novos materiais de estudo, cada vez máis numerosos.

Ao mesmo tempo que se realizou un recoñecemento explícito aos traballos de Pedro Valle e de Oscar Pardiño e Laura García Santiso na conservación e renovación do patrimonio funerario dos cemiterios de Burela, con este tipo de actos de Educación Social o Modelo Burela facilita a divulgación da obra pĺástica e literaria feita en memoria das persoas falecidas.

A visita comezou na entrada do cemiterio cunha breve intervención de Pedro Valle, que comentou a lápida do sacerdote José Goyos López e recordou a iniciativa do tamén párroco Ramón Marful para tributarlle homenaxe hai agora dez anos, en 2012, con motivo dos actos de conmemoración do centenario do cemiterio. Valle recordou tamén a implicación de Laura García Santiso e Óscar Pardiño, que fixeron a doazón da lápida, e estes tomaron a palabra para explicar como se fixera o deseño e como se realizaran os traballos de preparación e de colocación.

Seguidamente tomaron a palabra representantes de varias familias e foron visitadas varias inscricións, entre elas as que lembran os náufragos das embarcacións López Sueiras, Reina Victoria, Nuevo Amadorín e Siempre Casina. Diante do nicho da súa familia, a profesora Aurora Ben mostrou o deseño dunha cruz celta e falou da do desexo das persoas emigradas de que as súas cinzas retornen ao lugar de orixe. A nai de Michael Fernández, mozo falecido en accidente de tránsito en xaneiro de 2005, evocou a participación de varios integrantes da familia na composición do poema que lle dedicaron. Dores Santos, que xa tiña colaborado na longametraxe documental Modelo Burela editada en 2008, retornou ao mesmo lugar para explicar a súa participación na renovación do nicho que acabou por se converter na referencia a seguir tanto na parroquia de Burela como noutras limítrofes (como as de San Román, Castelo, Sargadelos, Cervo e Cangas de Foz).
Moi destacada foi a participación de Josefa López (Xefa de Sueiras). A filla do armador e un dos náufragos do barco López Sueiras, desaparecido baixo as augas na galerna de 1973, comentou as especiais circunstancias en que se alude a seu pai tantos anos despois do falecemento e salientou o traballo literario e estético de Mario Ferreira, "un profesor de Matemáticas que destaca polo cultivo do idioma galego".  A propia Xefa López foi a encargada de explicar tamén o contido da placa que recorda os dous irmáns náufragos do barco Reina Victoria, afundido na mesma data.
Unha das alocucións máis sorprendente foi a da estudante Nuria Ramos Cuba. Aínda que tiña só catro anos, lembra perfectamente a participación da súa nai e os seus irmáns maiores no deseño da lápida do seu avó, o hostaleiro Adriano Cuba Villar, do Mesón da Pedra. 
A sesión foi seguida, entre outras persoas, por Karina Parga Chao (responsábel da biblioteca do IES Perdouro); por Rosana Posada Expósito (impulsora da iniciativa Modelo Burela na localidade de Rinlo); por Juan Ramos e Cristóbal Edrosa (en representación das familias que secundaron a iniciativa de normalización cultural no cemiterio municipal de Burela); e por varios mozos e mozas participantes no programa radiofónico Proxecto Neo.

A intervención educativa chega aos vinte cursos académicos   

Houbo que agardar 85 anos para que o idioma galego na súa versión escrita entrase neste cemiterio inaugurado en 1912. Foi en 1997 coa colocación da lápida en recordo de Eudolino Maseda, que é lembrado como profesional do taxi e tamén como músico: “Agora vive na harmonía das estrelas e nos camiños do vento” é o que se recolle na lexenda. Este mesmo nicho destaca tamén pola súa inscrición frontal onde se di que é “Propiedade de Eudolino Maseda González, Muller e Fillos”, con presenza das palabras “Propiedade”, "Muller" e “Fillos” que antes estaban como proscritas e eran usadas só no un por mil dos casos e que agora comezan a agromar en case todos os cemiterios da Mariña.

Despois da novidade que supuxo naquel momento a colocación dunha lápida escrita en galego, no ano 2008 o novo modelo era xa seguido por outras cinco familias no conxunto dos dous cemiterios; e en 2012 -o da conmemoración do centenario- eran xa oito só no parroquial; e agora deixaron de ser unha excepción porque xa están repartidas por todas as rúas dos dous cemiterios.

Outra das novidades desta edición de 2022 foi a da participación de Vanesa Vila Verde, co-autora do audiovisual titulado “Em Companhia da Morte”, gravado en 2011 na Raia Seca, entre Ourense e Portugal, un filme en que se recollen os testemuños de mulleres que falan sobre a asimilación da morte como algo natural.




Sem comentários:

Enviar um comentário