09/10/24

Vivir e perdurar na nosa lingua

XXVI ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Consello da Cultura anuncia unha nova edición dos Encontros para a Normalización Lingüística. Para alén de Manolo Maseda e Bernardo Penabade, integrantes da comisión técnica que preparou o programa, a Mariña estará representada polo xornalista David Canto, que participará na sesión inaugural, e por Ana Fabeiro, con tanatorios e comercios de arte floral en Foz e Lourenzá, que participa nunha das mesas de debate.


NOVOS TEMPOS

“Aquí están os nosos ósos esperando polos vosos”, di o epitafio gravado en pedra na lápida que cobre unha sepultura do cemiterio de Sofán, en Carballo; esa é tamén a advertencia que figura na entrada do camposanto de Trobo, en Begonte. Máis ca polo fondo –a evidencia de que somos mortais–, o enunciado é rechamante pola forma: amosa a reversión do cambio de idioma imposto e feito costume nas comunicacións relacionadas coa morte. Durante cinco séculos, entre o final da Idade Media e o comezo do XXI, os cemiterios dos territorios de cultura galega foron campos vedados para a expresión escrita da lingua común ás persoas defuntas e ás súas familias. Nin rastro de certas palabras, feitas tabú nese contexto: nin “fillos”, nin “netos”, nin “xenros”, nin “noras”...

Mais esta situación anómala está a mudar. Se antes do ano 2000 era difícil visualizar palabras galegas na fitas de ramos ou coroas, nas mensaxes de pésame, nas necrolóxicas ou nas campas, nos últimos anos a estabilidade lingüística vai gañando terreo. De ser raro localizar un camposanto en que houbese un epitafio confirmando o rumbo certo cara ás mil primaveras máis, pasouse a seren excepcionais os lugares en que aínda non deu entrado, mesmo que sexa en pequenas doses, o galego escrito.

Como xa vén sendo tradición, o Consello da Cultura Galega convoca no outono os Encontros para a Normalización Lingüística como un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición. Facémolo baixo o lema Vivir e perdurar na nosa lingua e, á vista de que o cambio social está acompañado dunha mudanza cultural significativa, promovemos o diálogo entre diferentes axentes sociais. Convidamos a reflexionar sobre a importancia da lingua escollida para os actos funerarios, coa presentación dunha visión panorámica das porcentaxes de uso neste primeiro cuarto do século XXI. Na primeira das mesas pretendemos mostrar como son os rituais funerarios nas cerimonias civís e nas habituais das confesións relixiosas maioritarias. No comezo da tarde, reuniremos diversos axentes que prestan servizos funerarios que mostrarán de que recursos dispoñen as empresas para atenderen a demanda de servizos en galego. O programa de relatorios finaliza cunha mesa de traballo na que se exporán iniciativas dinamizadoras presentadas por entidades públicas e privadas.

Despois das exposicións, a xornada remata cun relatorio de campo: en camiñada polas culturas da morte no escenario urbano compostelán, conducidos por Manuel Gago.

Esta peza audiovisual compila epitafios e mandas testamentarias recollidos de fontes históricas, literarias, redes sociais e proxectos dinamizadores. De maneira especial, de En galego, agora e sempre, da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia.

Sem comentários:

Enviar um comentário