28/10/25

O LONGO CAMIÑO PARA A ETERNIDADE

Tradicionalmente, na nosa terra os rituais funerarios realizábanse seguindo o criterio da Igrexa Católica. Os velorios incluían o rezo do Santo Rosario, o acompañamento á igrexa era dirixido por un sacerdote, que no templo podía estar acompañado por outros clérigos, e outro tanto ocorría no desprazamento ao cemiterio, normalmente de titularidade eclesial.
Por esta razón, a renovación do Concilio Vaticano IIº tivo repercusións no conxunto da sociedade, nas persoas crentes e practicantes e tamén no resto. Neste vídeo da TVG ofrécese información sobre as primeiras cerimonias de culto católico realizadas en lingua galega:



Non sorprende, entón, que as primeiras tentativas organizadas para conseguir unha mudanza no ritual nacesen no ámbito eclesiástico. Segundo explicou Victorino Pérez Prieto, a primeira grande iniciativa de fomento do uso da lingua galega en todos os rituais funerarios -Galegos de por vida- foi promovida polo Bienio Irmandiño en novembro de 1998. O encontro celebrado en Santiago de Compostela contou coa participación de diversas comunidades cristiás como a do Home Novo (da Coruña), a do Cristo de Vitoria (de Vigo), a Coordinadora de Crentes Galegos (de Santiago), o Centro Xuvenil Don Bosco (de Ourense), Movemento Rural Cristián, Mulleres Cristiás Galegas, Asociación Solidaria "Médico Paulino", Encrucillada, Irimia, Badal e Pasantías Teolóxicas, entre outras. Posteriormente, xa en 1999, os actos celebráronse en Vigo, na Coruña (na sede da Academia Galega) e en Redondela.



Precisamente en Redondela foi onde a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística (AFNL) deu forma á seguinte iniciativa: En galego, agora e sempre. A súa historia está moi ben contada nesta reportaxe de Nós Televisión:



Desde o 22 de abril de 2022 existe nas redes sociais o grupo Lápidas en galego. Coordinado por Óscar Franco Barros e Isaac González García, recolle a participación doutras 238 persoas distribuídas por toda a xeografía galega. Ademais de Xosé González Martínez, crean contidos frecuentemente Estanislado Fernández de la Cigoña, María Soledad Pintos Peñaranda, Secundino Aleixo Bueno Fernández e Ana R. Barreiro.

A profesora Ana R. Barreiro, do IES Ánxel Fole, é unha das impulsoras do aproveitamento pedagóxico da visita aos cemiterios para realizar visualización, localización e estudo do patrimonio documental destes recintos. Os resultados desas saídas educativas son publicados en "O galego alén da morte", dentro dunha publicación virtual que leva por título A fala do Fole.

 

Sem comentários:

Enviar um comentário