30/11/15

NÓS CON D. XOSÉ NEIRA VILAS E D. XOSÉ NEIRA VILAS CONNOSCO

Delegación "Modelo Burela" recibida por Neira Vilas (Gres, 3/03/2015). De esquerda a dereita da imaxe: Lavilson R. Monteiro, Xosé Neira Vilas, Kátia da Veiga Gomes, Álex Ladim Correia (sentados); Babacar Sakho, Carla da Veiga Gomes, Silvera Vicente de Oliveira, Viviane Furtado Brito, Imerce da Silva Alves, Macarena Ledo Vázquez e Helena Valle García (De pé); Mouhamed Sakho, Simón Rodríguez Rouco, Carolina Arcila Arenas, Noelia Parga Gaitica, Laura Semedo Brito, Sofu Housni e Sergio Rivas Valiña (De pé, na segunda fila)


Na tarde do día 28 de novembro de 2015 unha representación do Modelo Burela desprazouse a Gres (Vila de Cruces) para asistir aos actos de sepelio do escritor Xosé Neira Vilas e para acompañar a súa familia e amizades moi achegadas como Marga do Val e Marica Campo, Cándido Pazó (o intérprete de Balbino nos escenarios), Vítor Freixanes, David Otero, Valentín García Gómez (Secretario Xeral de Política Lingüistica), Beatriz Corral (da Área de Normalización da Deputación da Coruña), entre outras moitas personalidades.
Cando o Concello de Burela aprobou por unanimidade o Modelo de Planificación Lingüística, D. Xosé Neira Vilas foi un dos primeiros intelectuais que aplaudiu a iniciativa desde a columna que mantiña no xornal da capital de Galiza. Posteriormente, en 2011 estivo en Burela e Cervo para participar activamene na xornada "Neira Vilas, escritor Modelo Burela por un día".
Así se anunciaba o evento no boletín informativo do Instituto Perdouro

   O autor das Memorias dun neno labrego manterá encontros co alumnado de centros educativos de Burela e Cervo

O escritor Xosé Neira Vilas coñeceu a existencia do Modelo Burela de Planificacion Lingüística ao visionar o audiovisual do mesmo título, do que é autor Matías Nicieza. O escritor recibiu unha copia do documental no transcurso da última Feira do Libro de Foz e posteriormente tomou a iniciativa de localizar o seu director para transmitirlle persoalmente os parabéns.

Agora, grazas a Asociación Cultural “Os Matos” do IES Perdouro -de quen partiu a iniciativa-, Xosé Neira Vilas e Matías Nicieza coñeceranse persoalmente, e o escritor compartirá unha xornada co alumnado de Burela e Cervo.

O conxunto das actividades celebrarase durante a mañá e a tarde do próximo martes, día 3 de maio, cunha axenda moi apretada. O autor das Memorias dun neno labrego chegará a Burela ás 11 da mañá e será recibido no IES Perdouro pola directiva da Asociación Cultural “OS Matos”, así como por delegacións do Concello de Burela e dos centros educativos participantes nos encontros.

Seguidamente, manterá un encontro co alumnado do IES Monte Castelo, actividade que está coordinada polo profesor Fernando Gavín Bouso.

Ás 12:30, na Biblioteca do IES Perdouro, Neira Vilas disertará sobre a súa traxectoria literaria e asinará exemplares das súas obras ao alumnado de 2º de bacharelato, participando tamén nesta actividade alumando do IES Monte Castelo. Neste acto o escritor estará acompañado por unha representación da área de Innovación Educativa coordinada pola profesora María Xosé Andión Fontela.

Para as 14:15 h. está previsto un xantar de confraternidade entre o alumnado, o profesorado e o escritor. Celebrarase no “Mesón do Poeta”, onde Neira Vilas saudará o seu fundador -un dos protagonistas do documental “Modelo Burela”.

Ás 15:30 h. o escritor visitará o CEIP de Cervo e asinará exemplares das súas obras aos seus lectores máis novos.

EXPOSICIÓN

Con motivo da visita de Xosé Neira Vilas, a Biblioteca Pública de Burela ten aberta unha exposición bibliográfica da obra do escritor de Vila de Cruces. Esta exposición está situada na planta baixa do local e pode ser visitada libremente durante o horario de abertura da biblioteca.

E así recollía a crónica a delegación da Mariña do xornal La Voz de Galicia:

Tras a recente celebración do Día do Libro, o escritor Xosé Neira Vilas realizou onte unha serie de visitas a alumnos mariñáns. No IES Perdouro, organizada pola Asociación Cultural Os Matos, coñeceu en persoa a Matías Nicieza, autor do audiovisual do Modelo Burela que o autor descubriu na Feira do Libro de Foz, e mantivo un encontro co alumnado do centro e, máis tarde, unha comida de confraternidade con estudantes e profesores. No IES Monte Castelo inaugurou, como explicaron desde o centro, «cun primeiro parágrafo a historia aberta» deste instituto.
Despois tamén tiña previsto recalar no Ceip de Cervo, asinando exemplares das súas obras ás súas máis novos lectores. Debido á súa visita, a Biblioteca Pública de Burela abriu unha exposición sobre a súa obra.


 Nos primeiros días de marzo de 2015, foi unha delegación Modelo Burela de Interculturalidade quen se deslocou á sede da fundación que leva o nome do escritor para acompañalo e recibir a súa atención directa. Desa visita demos cumprida conta nas nosas redes sociais e no blogue de Proxecto Neo.


29/11/15

O MODELO BURELA ESTIVO REPRESENTADO NA HOMENAXE Á PEDAGOGA ANTÍA CAL

A intervención educativa Modelo Burela estivo representada na homenaxe popular que, baixo a coorganización do Concello de Muras e do Observatorio da Mariña pola Igualdade, se celebrou naquela localidade durante toda a xornada do 28 de novembro.
Alén das autoridades locais, cunha representación de todos os partidos políticos con representación municipal, co primeiro edil Manuel Requeijo e a tenente da alcaldía Belén Chao, participaron activamente no evento a Dra. Aurora Marco e o Dr. Antón Costa (Ambos da USC), a investigadora Alba García Pico e a profesora Mariluz Guerreiro.
 Un momento do acto académico celebrado no Centro Social de Muras.
 O alcalde e a profa. Marilu Guerreiro escoitan a conversa entre Antía Cal 
e a súa veciña Genoveva Guerreiro.


Un dos momentos máis importantes do encontro académico estivo protagonizado por unha estreita colaboradora do Modelo Burela, Alba García Pico, a pedagoga, tradutora e intérprete que coordinou a intervención Palabra e Memoria no concello do Valadouro. Nesta ocasión, en calidade de pedagoga intercultural, presentou publicamente unha unidade didáctica destinada a dar a coñecer a persoa e a obra de Antía Cal entre o alumnado de Ensino Secundario e Bacharelato.
Alba G. Pico presenta a unidade didáctica "arroupada" por dúas das grandes referencias
da pedagoxía galega: Aurora Marco e Antón Costa.

O evento reuniu numeroso público chegado de todo o termo municipal de Muras, dos concellos da Mariña e aínda de diversos puntos da xeografía galega. O lugar de encontro foi precisamente o colexio que desde esa xornada leva o nome da homenaxeada Antía Cal.
Vista do público asistente aos actos
Modelo Burela contribuiu á homenaxe a unha das nosas pedagogas de referencia -á súa vez discípula de Rosa Sensat- con dous programa de radio, un deles realizado practicamente no concello de Muras e que contou coa participación de Belén Chao (Tenente da Alcaldía), da directora e o alumnado do Colexio Antía Cal e do alcalde Manuel Requeijo.

PROGRAMA 141

PROGRAMA 142

01/05/15

PREMIO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA

A intervención educativa Modelo Burela que leva por título "Neofalantes iniciais: da alfabetización á fluidez comunicativa" acaba de conseguir un dos cinco premios de innovación educativa convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para programas de actividades a desenvolver no curso 2014-2015. Os outros catro centros con proxectos galardoados son o CPI de Navia de Suarna (con longa traxectoria de innovación educativa); os CEIP de Frións e Heroínas de Sálvora, de Ribeira (compartido); e os IES da Póboa do Caramiñal (impulsor de múltiples iniciativas, entre elas a de 21 días co galego) e o de Rodeira, en Cangas do Morrazo (unha das máximas referencias en materia de motivación e renovación pedagóxica en Galiza).

Aínda que o fío condutor desta iniciativa que acaba de obter o recoñecemento institucional é a alfabetización de adolescentes en risco de exclusión social e o reforzo en materia de comprensión e expresión oral e escrita, outros dos obxectivos pedagóxicos contemplados son: 1) a mellora da convivencia no centro educativo; 2) a atención á diversidade en todas as súas vertentes; 3) o uso innovador das tecnoloxías da información e a comunicación; 4) o desenvolvemento das competencias básicas; e 5) a integración social de mozos e mozas chegados nos últimos anos á nosa terra desde moi diversas procedencias.

O repertorio de actividades incluídas nesta nova entrega da intervención educativa Modelo Burela -en aplicación desde 2004- continúa apostando pola interculturalidade e pola relación fluída entre o centro de ensino e o contexto social a que este dá servizo. Neste sentido, co premio vese tamén recoñecido o traballo e a disponibilidade de Radio Burela e da Asociación Cultural e Musical Dambara.

Albano González Cancio, Rodrígo López Gómez e Matías Nicieza García

Á vista dos limitadísimos recursos económicos con que conta a intervención educativa Modelo Burela -desde 2004, a única fonte de financiación foron os premios de innovación, de contía meramente testemuñal-, a única alternativa de viabilidade era solicitar a axuda desinteresada de particulares e entidades sociais. Así foi como se incorporou a colaborar Matías Nicieza, que leva realizado de xeito altruísta traballos audiovisuais valorados en varios millares de euros. Así naceu a colaboración con Radio Burela, que nos acolle semana a semana desde o 4 de xaneiro de 2012 e que nos permite manter unha escola de comunicación de características semellantes á impulsada no IES Alfoz-Valadouro polo profesor Pepe Peinó, a quen tamén moito debemos.

Para que a programación de 2015 puidese apostar polas actividades musicais como instrumento de integración social, foi determinante a colaboración da ACM Dambara mercé á mediación de Albano González Cancio. Esta xestión dunha das persoas máis implicadas na integración social na Mariña permitiu tentar a aproximación do alumnado inmigrante á música tradicional cando aínda se carecía da mínima dotación económica para esta actividade.

Mais, alén das xestións coa xunta directiva da ACM Dambara, o maior dos méritos de Albano González Cancio e Rodrigo López Gómez (Director da Escola de Gaitas de Ortigueira) está na calurosa acollida dispensada ao noso alumnado e no interese con que tentaron motivar a súa formación musical.

O equipo educativo

Obviamente, o desenvolvemento deste proxecto académico nace do impulso e da constancia do equipo educativo do IES Perdouro. No proxecto que nos ocupa, teñen especial relevo os traballos de José Ramón Leiva (coordinador do recén creado grupo de traballo dedicado monograficamente á atención á diversidade e á integración do alumnado inmigrante);  de Josefa Rodríguez Chao (da área de Tecnoloxía, que propiciou a realización do audiovisual titulado "O Modelo de Nación do Século XXI"); de Ana Vázquez Sesmonde (da área de Física e Química); e de Manuel Carreira (de Formación e Orientación Laboral).

Os premios

Este premio de innovación educativa é o oitavo que consegue o Instituto Perdouro desde a primeira convocatoria en 2006. Súmase a outras distincións como o Premio Peña Novo (outorgado pola AFNL), o Ondas Radiofónicas (pola modesta participación na Ponte nas Ondas), o de Educación sen Fronteiras e O Galego na Onda.

21/04/15

Premio curso 2014-2015

IES Perdouro premiado co seu proxecto de innovación en dinamización lingüística "Neofalantes iniciais: da alfabetización á fluidez comunicativa"

Parabéns para os promotores!!! Bernardo e Mª José !!!
O IES Perdouro felicita aos demáis centros premiados así como aos seus respectivos docentes impulsores :
  • CPI de Navia de Suarna - Lugo
  • CEIP de Frións, CEIP Heroínas de Sálvora de Ribeira - A Coruña
  • IES Rodeira de Cangas - Pontevedra
  • IES da Pobra do Caramiñal - A Coruña 
Parabéns compañeir@s!!!

08/08/14

Continúan as Visitas Modelo Burela

Continúan chegando visitas para coñecer a experiencia do Modelo Burela. Son persoas de diferentes países, veciñas e veciños de Burela; e tamén turistas que están de paso ou que pasan unha ou dúas semanas na comarca da Mariña.
Nunha intensa tarde do xoves, día 7 de agosto, documentámonos cos comentarios "in situ" realizados por Manolo Maseda, que estivo acompañado no labor de guía por Toncho Trelles. Tivemos, ademais, un magnífico complemento: a información facilitada en cada unha das paradas por veciños de Burela de Cabo.
Na mañá de hoxe fixemos un percorrido máis reducido con Jerome e Silvie Aubry, chegados da Bretaña co seu fillo David. En recordo da visita, guiada nesta ocasión por Karina Parga, o hostaleiro Luís Rubal García (do Hotel Canabal) agasallou os visitantes con cada a súa camisola Modelo Burela

A entrevista está aquí: http://www.ustream.tv/recorded/51068516 (xusto despois de unha hora e tres cuartos: 01: 48: 00)

Lembramos que para facer as entrevistas concertadas debe enviarse mensaxe para proxectoneo@gmail.com ou mensaxe privada a través do Facebook de Proxecto Neo (https://www.facebook.com/proxecto.neo.3), de Radio Burela (https://www.facebook.com/radioburela.burelaradio) ou Hotel Canaval (https://www.facebook.com/canabalhotel?fref=ts)

28/07/14

AYUB SABRY NO LUAR

O LUAR do 25 de Xullo
foi 
de novo
un programa
MODELO BURELA
Todo o programa o foi, máis despois do minuto 58'
temos a nosa estrela
AYUB SABRY

27/07/14

VISITAS E ENCONTROS "MODELO BURELA"

Para coñecer o patrimonio paisaxístico e monumental da Mariña...
Para coñecer e conversar coas persoas que protagonizan o modelo lingüístico aglutinante...
Para asistir a eventos como Produart, a Feira do Bonito, a Maruxaina, a Queimada Popular de Cervo...
Para gozar da nosa mellor gastronomía...


Unha iniciativa da área de innovación educativa do Instituto Perdouro en colaboración con Radio Burela.

Se desexa información máis pormenorizada, póñase en contacto con nós a través de https://www.facebook.com/groups/proxectoneo/, do correo electrónico proxectoneo@gmail.com ou do teléfono 664 30 14 36

19/06/14

O grupo vocal SondeNós ofrece na Vila do Medio de Burela unha nova edición do concerto “No camiño da lingua”

O Grupo Vocal SondeNós, dirixido por Plácido Travieso (do Conservatorio de Música de Viveiro) ofrecerá este domingo, día 22 de xuño, unha nova edición do concerto No camiño da lingua. A cita será na igrexa da Vila do Medio en Burela ás 19.30 horas e terá entrada libre.

Nesta ocasión SondeNós contará coa colaboración do escritor Séchu Sende (Premio Blanco Amor, 2003) e da profesora Teresa López. Textos de poetas do Rexurdimento como Rosalía de Castro ou Curros Enríquez, de poetas da vangarda como Manuel Antonio ou o mesmo Séchu Sende, convivirán en harmonía con composicións de L. E. Batallán, Julio Domínguez e Plácido Travieso.

No camiño da lingua está enmarcado no Proxecto de intervención educativa Modelo Burela, que este ano celebra o seu Xº aniversario (2004-2014) e servirá como especial recoñecemento ao grupo de mozos e mozas (Simón Rodríguez Rouco, Maca Ledo, Helena Valle e Serxio Rivas) que protagonizaron a terceira etapa do programa radiofónico Proxecto Neo, que está a punto de chegar ás cen semanas en antena.

29/05/14

Os Contos Peregrinos de Pedro Miguel Rocha chegaram a Burela

Por Sonia Parra

Na passada quinta-feira​,  22 de maio​, conseguimos -por fim- culminar o que até então era romântico relacionamento entre os alunos da turma de Língua Portuguesa do Instituto Perdouro de Burela e Pedro Miguel Rocha, “o escritor português de alma galega”. Felizmente, conseguimos reciprocidade, união especial.

A origem deste encontro é curiosa. Como dois destinos tão díspares como o do nosso centro de ensino e o de um reconhecido escritor português chegaram a confluir? Por puro acaso. O destino quis que o nosso professor descobrisse uma entrevista que o escritor tinha feito ao lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz. Deste acontecimento surgiu o interesse pela obra do senhor Rocha, facto que levou a uma cadeia de correspondência electrónica que finalizou com uma grande novidade: o escritor planeava uma viagem à Galiza e poderia fazer um percurso para nos visitar.

Isto tudo aconteceu em fevereiro e o grande evento celebrar-se-ia nos finais de maio. Tocava esperar. Mas não foi uma espera qualquer, foi um período carregado de especulações: como será ele?; poderemos compreender o seu sotaque?; será o evento do seu agrado? As perguntas rondavam as nossas cabeças -havia nervos, sim-, no entanto as semanas passavam e o dia grande chegou antes de que nos déssemos conta.

Não sabíamos onde nos iríamos reunir -não temos um auditório-, nem que perguntas fazer, nem quem assistiria. Não sabíamos nada, porém sim, tínhamos claro que não queríamos que fosse um evento convencional.

As sessões prévias ao dia grande foram dedicadas a falar da obra e da pessoa. Queríamos ter um plano escrito, com receio que tudo se descontrolasse, mas -ao mesmo tempo- desejávamos um encontro natural. Eis o nosso dilema.

Finalmente chegou o momento: os papéis estavam repartidos, as perguntas selecionadas e o professor em Burela. Tudo estava já pronto.

O evento começou com a apresentação do senhor Rocha feita pelas nossas colegas e continuou com uma série de perguntas a respeito dos seus inícios como escritor e das suas fontes de inspiração. Pedro Miguel Rocha respondia com fluidez; não havia problemas com o sotaque.

Mais tarde,  procedemos à leitura de fragmentos dos seus romances: O Eremita Galego e Chegámos a Fisterra (este foi o que me correspondeu). O senhor Rocha gostou do modo como soavam as suas palavras com o nosso acento do norte. Assim fez saber antes de nos falar um bocado a respeito desses livros.

A seguir perguntámos-lhe -com certo orgulho galeguista- pela fundamentação do seu amor à nossa terra. Soubemos também do seu trabalho como editor e, após a leitura de um fragmento dos seus Contos Peregrinos passámos a uma surpresa especial: a conexão Burela-Cabo Verde por Skype.

Embora a internet não se tenha revelado o nosso aliado especial, esta comunicação na nossa língua mundial acabou por ser a perfeita clausura para o esperado grande evento que se se foi como o vento e que nos deixou um magnífico sabor de boca.

20/05/14

Acto literario "Modelo Burela"

NOVO ENCONTRO LITERARIO “MODELO BURELA”

O escritor lisboeta Pedro Miguel Rocha presenta no IES Perdouro o seu novo libro titulado Contos Peregrinos

A biblioteca do IES Perdouro acollerá ás 11:15 horas do próximo xoves, día 22 de maio, un novo encontro literario “Modelo Burela”. O programa de promoción da interculturalidade terá nesta ocasión como protagonista o profesor Pedro Miguel Rocha, tamén coñecido como “o escritor portugués de alma galega”, que chega á Mariña para presentar en primicia a súa nova obra Contos Peregrinos, para a que contou coa colaboración de tres escritores galegos: Armando Requeixo (o ensaísta especializado na obra de Xosé María Díaz Castro), Carlos Quiroga (docente da Facultade de Filoloxía da USC) e Séchu Sende (o narrador Made in Galiza). Tras este acto a celebrar en Burela, Pedro Miguel Rocha continuará coa súa apretada axenda que o levará á Escola de Idiomas de Ferrol e unha libraría de Santiago de Compostela, onde a cita será ás nove da noite dese mesmo día. Na xornada do día 23 protagonizará un encontro de semellantes características na cidade da Coruña.

Pedro Miguel Rocha (Vouzela, Viseu, 1973) combina tres actividades: profesor de ensino secundario, editor e escritor. Licenciado en Ensino do Portugués e Inglés pola Universidade do Minho, especializouse en Ciencias Documentais e Escrita Literaria –nesete caso no Instituto de Criatividade, Artes e Novas Tecnologias da Universidade Nova de Lisboa. Tras tomar contacto co estudo da nosa cultura na Universidade do Minho (2000), asistiu en 2013 ao curso de Lingua e Literatura Galega ministrado polo profesor Isaac Lourido en Lisboa.

Alén da súa obra narrativa (Juntos Temos Poder (2009); Chegámos a Fisterra (2010); O Eremita Galego (2011); Contos Peregrinos (2014), Pedro Miguel Rocha mantén o blogue “Português de AlmaGalega”  co que pretende “Dar a conhecer a Galiza aos países de Língua Portuguesa (e vice-versa), através da partilha de informações, notícias, entrevistas e sugestões culturais”).

Máis información:

24/05/13

Visita de Nicola Bermingham

A INTEGRACIÓN SOCIAL NA MARIÑA TEMA CENTRAL DUNHA TESE DE DOUTORAMENTO FEITA POR UNHA PROFESORA IRLANDESA

A investigadora xa fixo a súa tese de licenciatura sobre a obra de Rosalía de Castro

No inicio do período democrático (1978), fíxose máis fluída a circulación de traballadores procedentes doutros países. Deixamos de exportar man de obra para pasar a reter persoas con boa formación profesional e incluso para demandar cadros técnicos moi necesarios para a implantación de novas empresas. Nese proceso, á nosa terra chegaron persoas procedentes dos Estados Unidos, de Francia, Alemaña, Holanda e os países británicos. Viñeron para Alúmina, para Citröen e tamén para empresas pequenas e medianas que necesitaban persoal cualificado para botar a andar a mecanización.

En moitos casos, eran xente moi nova, que aínda non tiña un traballo estábel no seu país. Chegaron aquí, gañaron diñeiro, gozaron dun bon nivel de vida, tiveron os primeiros fillos... e, tan pronto como puideron, retornaron á súa terra para asentárense en traballos fixos.

Quen sabe moito disto é a irlandesa Nicola Bermingham (Vigo; 1988), está estes días na Mariña en pleno proceso de investigación para a súa tese de doutoramento. Esta moza -con tan só 24 anos profesora da máis prestixiosa universidade escocesa- retorna á comunidade en que naceu e da que marchou hai 15 anos, cando seus pais conseguiron praza laboral no seu país de orixe.

Despois deste tempo, que quedou nela do período que pasou na escola infantil de Vigo? Algo si. Desde logo, quedaron máis vivencias das aulas e do patio do Colexio Público García Barbón, onde estivo entre os 6 e os 10 anos. A nosa terra deixou pegada suficiente como para que, xa licenciada, decidise dedicar a súa tese de licenciatura ao estudo da obra de Rosalía de Castro, traballo que realizou en Dublín baixo a dirección dunha profesora orixinaria de Cataluña.

Mais ese mergullo na obra de Rosalía, de quen celebramos o 150º aniversario da publicación da súa primeira obra en galego, foi só un comezo. Agora prepara a tese de doutoramento sobre a nosa terra como lugar de acollida, con boas condicións para a integración. Faino en Burela, onde traballa da mañá á noite. Quere aproveitar ben as dúas semanas que estará entre nós (do día 18 ao 30 de maio).

Nicola érguese pola mañá e asiste en calidade de observadora a algunhas sesións docentes, onde haxa alumnado de procedencias diversas. Nas horas libres fala coa profesora Rosa Febrero, especialista en abrir a porta aos nenos e nenas procedentes doutros países e especialista tamén en buscar oportunidades para os autóctonos que presentan riscos de exclusión social. Son conversas case unilaterais: Nicola pregunta e Rosa responde.

Nos recreos a profesora irlandesa pasea polo patio na compaña dos estudantes. Fixo especial amizade en 4º de ESO. Os músicos acompáñana moi contentos, porque ela é integrante da Orquestra da Universidade en que traballa. Toca a viola. Mais nos recreos pasea e observa. Non quere profesorado consigo.

Despois das 11 visita Burela coa compaña da súa cámara de fotos, que utiliza frecuentemente para recoller textos escritos (anuncios, letreiros comerciais, bandos, publicidades, cartaces de feiras e festas...). Nalgunhas ocasións solicita a colaboración de Matías Nicieza, quen lle fixo de Cicerone no cemiterio parroquial para mostrarlle unha panorámica dos textos das lápidas xustamente cando se cumpre o centenario do recinto (1912-2013). De novo Nicola pregunta e, neste caso, Nicieza responde: cal foi a primeira que se redactou en galego, cales foron as seguintes e que ano, quen son as familias que as encargaron e en que obradoiro foron feitas.

En momentos perdidos Nicola redacta no seu caderno e polas tardes pasa a limpo no ordenador. De cando en cando, pregunta pola colocación do pronome átono, pide palabras específicas para plasmar determinados contidos ou confirma se son acertadas as súas reflexións sobre os paralelismos e as diverxencias das gramáticas galega e castelá.

Que sabemos dela? Que é máis de lingua que de literatura; que lle gusta a obra de Rosalía; que explica moi ben a cultura do seu país... Mais estamos seguros de que no seu caderno de notas hai percepcións gorentosas.

20/05/13

Comeza unha nova investigación sobre o Modelo Burela - artigo en Crónica 3


Nicola Bermingham, profesora do Departamento de Linguas e Estudos Interculturais da Heriot-Watt University de Edimburgo (Escocia), estará entre os días 18 e 30 do presente mes de maio en Burela para coñecer de xeito directo o Modelo de Planificación Lingüística aplicado na localidade. A investigadora irlandesa prepara a súa tese de doutoramento baixo a dirección da profesora Bernadette O’Rourke, que xa estivo en Burela para tomar contacto coa realidade a investigar.
Ademais de visitar o Instituto Perdouro, Nicola Berminghan coñecerá a realidade social de Burela, á que dedicará un capítulo da súa investigación, e farao coa colaboración de Matías Nicieza.