A promoción da interculturalidade é un
dos obxectivos principais do convenio asinado o venres 10 de decembro na
Biblioteca do Instituto Perdouro. No acto de presentación pública e do
protocolo de sinatura do documento subscrito polo Grupo Musical Alma
Latina C.B., a área de Innovación Educativa e o Equipo de Dinamización
Lingüística do citado centro educativo participaron Alberto Prado e
Sandra García Martínez (en representación do grupo musical) e María José
Andión (da Área de Innovación Educativa) e Miruca Parga (do Equipo de
Dinamización Lingüística), ambas do IES Perdouro.
O convenio, destinado á divulgación do
Modelo Burela de convivencia lingüística nas verbenas populares, é o
resultado de diversas reunións de traballo conxunto realizado entre o
centro educativo e a empresa de espectáculos. Entre as súas cláusulas
figura que para a confección do repertorio das actuacións terase en
conta o criterio da interculturalidade, reservando un 33% para a
interpretación de temas cantados en idioma galego (ben sexa de pezas
orixinais da nosa música ou de adaptacións das cantadas orixinariamente
noutros idiomas). Outros aspectos que se abordan no documento son os da
animación e comunicación co público, a comunicación corporativa da
empresa así como a documentación administrativa para os contratos
laborais e mercantís.
Alma Latina
A Orquestra
Alma Latina
de Burela foi cofundada por Sandra García Martínez (Tapia de Casariego;
1982) e Alberto Prado (Cervo; 1968). A vocalista principal ten estudos
de acordeón e, antes de participar na fundación de Alma Latina, exerceu
como vocalista nas orquestras Planeta, Occidente e Doble Fila. Alberto
Prado entrou en contacto coa música a través da asociación Airiños do
Xunco, onde aprendeu a tocar a gaita. Posteriormente nos conservatorios
de Viveiro e Vilalba realizou estudos regrados de frauta e saxofón,
obtendo o Grao Profesional. No seu currículo figura a gravación de dous
discos e numerosas actuacións co grupo Nordés.
Iniciativa aberta
O
Instituto Perdouro tiña xa promovido un acordo destas características
coa Sociedade Deportiva Burela, nunha iniciativa que favorece a moi
satisfactoria colaboración entre estas dúas entidades desde o ano 2007.
Este novo convenio asinado é unha continuación da disposición do centro
educativo para o traballo conxunto coas diversas entidades comerciais e
empresariais da Mariña interesadas na actualización dos canais de
comunicación coa clientela. Neste sentido, o IES Perdouro conta con
diversos modelos de convenios e ofrece a empresas e particulares a
posibilidade de visualizar a documentación orientativa recollida no
Arquivo Documental de Burela.