28/03/25

LINGUA E CULTURA PARA NEOFALANTES NA ESCOLA DE ARROXO




Carlos é de Madrid e agora retornou á fonte das súas raíces en Lourenzá. En Madrid tamén naceron José Manuel, que vive en Riotorto, e Fátima, que se asentou na Ponte Nova, da mesma maneira que o fixeron noutras localidades da Mariña a brasileira Cláudia, a romanesa Mirela ou o arxentino Juan Carlos.

Como medida de cohesión social, todas estas persoas tomaron a iniciativa de facer inmersión na cultura galega. Para iso reúnense cada sábado ás cinco da tarde na escola de Arroxo, entre Lourenzá e Mondoñedo, e todos os mércores ás 10 da noite virtualmente a través de teléfonos e ordenadores, coa orientación de Bernardo Penabade. Como complemento, apóianse diaria e mutuamente a través dun grupo de whatsapp e acuden á axuda do profesor na casa: a famosa páxina www.ogalego.eu, de Anxo González e Vitoria Ogando.

Cartaz anunciador do curso
Despois dunha fase inicial de formación teórico-práctica, comezan o proceso de inmersión social en colaboración con diferentes entidades. O primeiro lugar de reunión fóra da Escola de Arroxo foi a Casa da Penela, un establecemento de turismo rural de Vilamor (Mondoñedo). Seguidamente, viaxaron a Barreiros para participar nun foro sobre desenvolvemento, que contou coa participación de Alba Díaz Geada, profesora de Historia Contemporánea na USC; promoveron un encontro de neofalantes celebrado na Finca Galea; e recibiron a visita do profesor e escritor Carlos Taibo, que presentou os seus libros sobre a Teoría do Colapso e o decrecemento. 

Este sábado, 29 de marzo, ás 16:30 horas, o grupo trasládase ao Museo Provincial do Mar de San Cibrao para desenvolver unha sesión aberta ao público. Será unha oportunidade para dar a coñecer esta iniciativa de aprendizaxe, compartir os traballos de investigación que están a realizar e visitar a exposición Palabra e Memoria, que recolle unha selección de fotografías de epitafios.


Con motivo da súa pasaxe pola Mariña para participar na presentación das súas últimas obras, o escritor Carlos Taibo visitou a Escola de Arroxo. Primeiro mantivo unha tertulia co grupo do curso e outras persoas convidadas; e, finalmente, plantou un loureiro como recordo.

REFERENCIAS

Encontro na Finca Galea: https://www.cronica3.com/2025/02/encontro-de-neofalantes-este-domingo-na-finca-galea/
Encontro no Museo do Marhttps://amarinaxa.com/news/o-museo-provincial-do-mar-acolle-a-diversidade-linguistica-cunha-sesion-aberta-de-galego/93672/
Entrevista a Carlos P. Garcés: https://amarinaxornal.gal/cultura/115576-carlos-pascual-neofalante-eu-xa-lia-en-galego-a-manuel-maria-ou-a-cunqueiro/
Entrevista a Fátima Mayorga: https://amarinaxornal.gal/oriental/a-pontenova/115692-fatima-mayorga-o-mais-destacable-para-min-e-a-falta-de-tempos-compostos-en-galego/
Entrevista a Manuela Sáez: https://amarinaxornal.gal/cultura/115297-manuela-saiz-neofalante-do-galego-chamoume-a-atencion-a-ausencia-de-tempos-compostos/
Entrevista a Juan Carlos Porcel: https://neofalantes.gal/juan-carlos-neofalante-de-cordoba-arxentina-os-nenos-non-queren-falar-galego-e-iso-e-un-problema/

27/03/25

RINCÓN DO MIS (FOZ)

 Andrea López Martínez



"É un sitio precioso. Dá a sensación de estar ás aforas de Foz, mais chégase andando sen problema. Ofrece boa comida e, ademais de restaurante, ten habitacións". Así é presentado o Rincón do Mis por unha persoa que comenta a súa experiencia.



Nada máis entrar ao xardín a pé ou en coche, saúdanos un painel informativo. A primeira palabra que nos di é "Benvidos", antes de presentar os horarios xerais, os específicos da cociña, o servizo de ceas, a oferta do menú do día e o horario de desaloxo (ás 00:30 h). 

Se avanzamos un pouco por entre as casas de pedra restaurada, á entrada do restaurante recórdannos cun adhesivo na porta: ”Aquí usamos o galego”. Estamos no Rincón do Mis, en Foz. Alfonso e Pablo son os donos deste establecimento que inicialmente abriran con outro amigo co que estudaran na escola de hostalería.

A súa oferta comprende desde eventos como vodas e bautizos, restaurante con carta e menú diario e aloxamento. Por iso din que o seu servizo abarca en maior medida a comarca, mais tamén o resto do mundo. Aínda que sexa un lugar frecuentado por persoas de todas nacionalidades e teñan ao seu dispor a carta en castelán ou en inglés,  a empresa aposta pola comunicación corporativa en galego. Xa o comprobamos a través da rotulación e tamén se pode ver todos os días a través das súas redes sociais. Alfonso dinos: “Nós somos galegos e temos un compromiso coa nosa terra e co idioma. Consideramos importante poñelo en valor”.


Painel informativo da entrada ao xardín.  A empresa foi fundada en 2012 e operou inicialmente en Burela. Durante un tempo tivo actividade en Burela e Foz; e, a partir do confinamento, mantense nesta última localidade.



O compromiso explícito co uso do idioma galego aparece xa na porta de entrada ao restaurante. 
Neste caso é un autocolante da iniciativa "abertos ao galego" promovida pola Mesa.

Imaxe da oferta e explicacións dun menú especial

21/03/25

ESTUDO DO PATRIMONIO DOS CEMITERIOS DA FONSAGRADA, IBIAS E NEGUEIRA DE MUÑIZ

O escultor Pablo López visitou camposantos de tres concellos e incorporouse ao equipo Palabra e Memoria, que estuda o patrimonio documental e a estabilidade do uso do galego no ámbito familiar

 

 

Que a lingua galega chegou a desaparecer completamente á hora de despedir as persoas falecidas non é ningunha novidade. Que esa desaparición durou varios séculos tamén. A novidade está na recuperación “desde cero”. Ao estilo ave Fénix.

Sábeno moi ben o centenar de persoas que percorren Galicia para visualizar camposantos e para recoller e estudar a información facilitada por case 50.000 familias. O escultor Pablo López tamén se uniu á “selección galega de visualización” e con libreta, bolígrafo e teléfono, realizou un auténtico "paseo investigador" polos cemiterios locais, comezando polo da parroquia de Fonfría. Neste caso, o seu obxectivo era visualizar os epitafios, facer recollida dos máis chamativos e plasmar a información nun breve informe para poder realizar máis tarde un estudo en detalle dos materiais. Unha vez en cada un dos lugares, o obxectivo aampliouse e o visitante acabou por facer un inventario de arquitectura, pintura e escultura dos templos.

Aínda que polo momento non ten realizado ese estudo exhaustivo da documentación, confirmou que o clásico distanciamento entre as expresións oral e escrita redúcese cada vez máis: a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras "muller", "home", "fillos" ou "netos" increméntase paulatinamente, con maior ritmo nestes anos que levamos do século XXI.

A porcentaxe máis elevada do uso da lingua galega localizouna en Santo André de Logares, onde 8 familias dun total de 70 deron xa o paso a pasar a escrito o idioma de uso oral, e en lugares como Burón, Fonfría, Suarna, os Baos e en Padrón. Sorprendentemente, no casco urbano da capital municipal (A Fonsagrada), o nivel é inferior: dun total de 294 familias, manteñen a estabilidade en galego 6, o que representa un 2% (tres puntos por debaixo da media galega). En Monteseiro, Maderne, Vilar de Cuíña, Allonca, Ouviñano, Louxas e Marentes, o galego escrito aínda non entrou nos recintos dos cemiterios. 

A visita ao conxunto das parroquias da Fonsagrada foi completada nunha segunda etapa. Pablo López visualizou as inscricións noutras 9 localidades, co resultado do uso con estabilidade da lingua galega escrita en 16 das 483 propiedades.
Tamén é moi significativa a presenza da cultura galega en 161 cabeceiras, que recollen os nomes tradicionais das casas. Na maior parte dos casos, esa identificación en galego non ten continuidade nas placas de recordo ás persoas falecidas, mais é un paso en positivo.
En Pacios de Mourisco, dun total de 46 familias, o galego está en 21 cabeceiras e 1 lápida.
En Bruicedo: dun total de 44, está en 9 cabeceiras e 1 lápida.
Na Airexa (Piñeira), de 70, hai 27 cabeceiras e tamén unha inscrición nunha placa.
No Freixo, de 104, 5 están redactadas e noutras 25 aparece nas cabeceira.
En San Pedro do Río, no cemiterio vello non hai ningunha palabra en galego; e no novo está en 20 cabeceiras, de 72, e nunha lápida.
Outro tanto ocorre en San Martín de Arroxo: no cemiterio vello nom hai presenza do idioma galego; e no novo está en 5 das 78 propiedades e tamén parcialmente en 29 cabeceiras.
En Santa Xuia, onde hai un total de 23 nichos, dúas lápidas están redactadas en galego, que tamén aparece en 8 cabeceiras.
Finalmente, na Bastida (Xestoso de Baixo) e en Parada Vella o noso idioma aínda non entrou de maneira plena nos camposantos. A súa presenza redúcese a 6 e 16 cabeceiras respectivamente. 

A panorámica observada por Pablo López está en total consonancia coa que se desprende do estudo realizado polo xornalista David Canto Veiga, encargado de recopilar e estudar a información recollida en toda Galicia, occidente de Asturias, o Bierzo e As Portelas (en Zamora). As primeiras persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que repousan definitivamente os seus parentes. Co cambio de xeración das persoas, cambia tamén a valoración e o uso do idioma. Ao mesmo tempo, nótase tamén a transversalidade: participan máis as mulleres e o uso do galego escrito deixou de ser patrimonio exclusivo das persoas con estudos universitarios. 

Toda esta información recollida a través do voluntariado está rexistrada nun mapa de consulta pública: a "Cartografía do uso do galego nos camposantos" (https://datawrapper.dwcdn.net/4HeuT/38/), que contén información sobre uns 200 cemiterios e que está aberto á colaboración de calquera persoa que queira recoller e publicar os datos da súa parroquia.

 

Igrexa de Pacios de Mourisco. Foto: Pablo López. 

Igrexa da Bastida (Xestoso de Baixo). Foto: Pablo López.

Igrexa de Bruicedo, onde o idioma galego escrito está representado por unha inscrición.
Foto: Pablo López
Piñeira (A Airexa). Foto: Pablo López.


Muro situado en Parada Vella (Fonsagrada). Foto: Pablo López.

igra
Igrexa de San Martín de Arroxo. Foto: Pablo López

Caderno de Campo do traballo realizado por Pablo López en Santa Xuia