13/01/23

CHEGA O FINAL DA ETAPA DOCENTE DA PROFESORA CARME COCIÑA

Carme Cociña acompañada por un cabezudo que reproduce a imaxe
 de José Saramago, escritor 
a quen coñeceu e tratou na cidade de Ourense



Tras máis de corenta anos de práctica docente, a profesora Carme Cociña alcanza a idade do retiro profesional. Xunto co exercicio da docencia particular a estudantes de Xuances e outras parroquias de Xove, comezou traballando no ensino privado nas Pontes e entrou no público en Trives, continuou na Escola Oficial de Idiomas de Ourense, no Instituto de Cedeira e, desde hai 32 anos, estivo no IES Monte Castelo de Burela. Foi precisamente neste centro educativo onde tivo ao seu cargo a coordenación da formación extra-escolar do alumnado durante algo máis de vinte anos, primeiro como vice-directora e despois como responsábel do funcionamento do Equipo de Normalización Lingüística. Para alén da organización das saídas educativas, mantivo grupos de teatro estábeis, impulsou a revista escolar, colaborou coa emisión radiofónica Proxecto Neo e sentou as bases do intercambio lingüístico con Poussan (Francia).

Tras realizar estudos de Filoloxía Románica -na especialidade de Lingua Francesa- no Colexio Universitario da Coruña, Carme Cociña completou a licenciatura na Universidade de Santiago de Compostela, a mesma en que posteriormente se licenciou en Filoloxía Galego-Portuguesa. En 1983 ingresou na AGAL e nesta entidade recibiu formación académica -ao estilo do histórico Seminario de Estudos Galegos- de Ricardo Carvalho Calero, Aurora Marco, Isaac A. Estraviz, María do Carmo Henríquez e José Luís Rodríguez, entre outros.