A profesora Luz Zas coñeceu "in situ" o Modelo Burela. A visita produciuse o pasado día 25 de maio e prolongouse en xornada completa de mañá e tarde. Pouco despois das 11:00 da mañá, a profesora visitante foi recibida na biblioteca do instituto e coñeceu diversos axentes sociais implicados na iniciativa educativa impulsada desde o IES Perdouro.
Inmediatamente despois dos saúdos iniciais, a xornada foi presentada como "punto de encontro entre escola e sociedade; e como actividade de cohesión entre os diferentes niveis educativos". Un dos obxectivos centrais era propiciar o coñecemento de dúas experiencias escolares que tentan dar resposta ás demandas da sociedade actual, ambas promovidas en localidades en expansión demográfica (Arteixo e Burela) resultado da chegada de poboación tanto doutras localidades da xeografía galega como do resto do Estado ou mesmo doutros países.
A profesora da área de Lingüística xeral da USC presentou en Burela o traballo de campo que realiza en Arteixo desde 2009, nunha situación de contacto masivo de linguas (como ocorre en Burela). Unha das actuacións céntrase nun grupo de Atención á Diversidade de adolescentes en situación de exclusión social ou con risco de entrar nela.