28/06/16

A ESCOLA DA EQUIDADE



Esta é a imaxe que simboliza a sintonía entre os proxectos que foron presentados no Encontro Hitzargiak celebrados no auditorio do Orona Ideo de Hernani durante dúas intensas xornadas de 23 e 24 de xuño. Podería ser o simbolo de todo o vivido naquel foro, mais realmente corresponde á mesa redonda en que se abordaba a aproximación á lingua local por parte das persoas de diferentes orixes (dito doutra maneira: a aproximación aos neofalantes chegados doutros países).
Se tivésemos que poñerlle un título ao que alí se falou -que foi basicamente o mesmo, visto desde tres puntos xeográficos diferentes-, este sería "a escola da equidade". Unha escola da equidade defendida co espírito emprendedor, coa alegría e co optimismo transformador que se ve nas expresións faciais de Xevi Planàs, Amaia Rodríguez, Leire Díaz de Guereñu, Gina Codinachs e Bernardo Penabade.
Catro entidades -Hitzargiak, Escola La Sinia, Ramón Bajo Ikastetxea e Instituto Perdouro, un mesmo obxectivo: defender os dereitos humanos desde a escola. 

27/06/16

LA SINIA de VIC: MODELO DE ESCOLA INTEGRADORA

O PROXECTO EDUCATIVO DA ESCOLA LA SINIA DE VIC, EN PALABRAS DA 
PROFESORA GINA CODINACHS


Medidas de éxito para garantir a equidade dentro e fóra das aulas: o modelo de La Sinia en Vic 

  Gina Codinachs i Vila é mestra en Educación Infantil.  Posgraduada en psicomotricidade e Mestrado en educación inclusiva, traballa na Escola la Sinia desde 2007 e é directora do centro educativo desde 2011. Isto é o que di no audiovisual:  

"A Escola La Sinia de Vic está ubicada nun barrio do Remei, no sur da cidade e desde hai uns anos ten un reto considerábel no referente á educación. A nosa realidade é que temos un total de vinte e dúas nacionalidades diferentes e, polo tanto, quince idiomas. Isto xustifica unha nova maneira de planificar a educación desde diferentes ámbitos. O feito de que contemplemos a infancia desde a súa globalidade e que non a comtemplemos de xeito fraccionada implica planificar a educación desde un equipo interdisciplinar.
O reto da nosa escola é poder dar unha resposta desde o ámbito social, desde o ámbito educativo, desde o ámbito sanitario... coa corresponsabilidade das familias. A pesar de que a situación amiúdo non encaixa no sistema educativo actual -que está pensado para que non se faga intercomunicación entre departamentos-, desde o noso territorio, desde a nosa especificidade local tentamos traballar ao máximo para poder dar estabilidade a estes nenos e nenas para que podan asegurar o éxito académico".

Pola súa parte, o profesor Xevi Planàs i Serradell, Mestre de educación infantil, ten o Mestrado en E-learning e tecnoloxías da aprendizaxe. Traballa nesta escola desde 2009 e actualmente asume a responsabilidade da xefatura de estudos. Estas son as súas palabras:

"Cando falamos de equidade -sobre todo en cuestión metodolóxicas- trátase de garantir dous factores que condicionan a actividade.
A promoción da participación en actividades abertas, de maneira que calquera alumno/a poda participar nelas, actividades abertas que se fundamenten na vivencialidade para que cada alumno/a poda experimentar o seu nivel competencial en interacción co ambiente. Isto obríganos a facer un esforzo de relación coa contorna a partir da experimentación do seu ambiente tanto social como natural. E isto marca unha dirección de interacción do alumnado coa súa realidade circundante.
A equidade tamén se concretiza metodoloxicamente cando planificamos o acceso do alumnado ao desenvolvemento da súa linguaxe para que sexa cidadán de pleno dereito. Polo tanto, necesitamos unha planificación para que o alumnado poda interactuar co seu ambiente a través da aprendizaxe da lingua catalá.
A realidade obríganos a cambiar a metodoloxía para o sistema por proxectos, facendo unidades didácticas que fomenten a adquisición progresiva dunhas estruturas lingüísticas que posibiliten todo este traballo".


PONTE DE DOBRE DIRECCIÓN


En 2012 o sociolingüista vasco Txerra Rodríguez construíu unha ponte de comunicación ao  levar para Euskal Herría o Made in Galiza de Séchu Sende. Non só traduciu; tamén se ocupou de procurar unha boa edición e empeñouse a dar a coñecer o libro en numerosos foros. Hoxe o Made in Galiza é unha realidade que se pode visualizar nas mellores librarías de Euskadi.
Agora esa ponte de comunicación debe complementarse coa dobre dirección, porque foi o propio Txerra Rodríguez quen escribiu Sutondoko kontuak (Os contos do lar) e debemos propiciar nós que se coñeza na nosa terra o que levan dentro.

Persoa moi vinculada cos movementos de renovación da cultura galega, Txerra Rodríguez participou na nosa terra en diversas actividades formativas. O seu traballo titulado Converter cada falante en normalizador foi editado en  versión galega polo Galiciaconfidencial.com


23/06/16

DE DONOSTI PARA O MUNDO


MOITAS LUCES PARA A CONVIVENCIA LINGÜÍSTICA



Cóntanse por ducias as entidades impulsoras de iniciativas en favor da normalización lingüística que contan con presenza na exposición de iniciativas de boas prácticas aberta ao público no Orona Ideo de Hernani dentro do marco do Encontro Hitzargiak (Linguas que se iluminan mutuamente). Son manifestacións de moitos pobos do continente europeo que proclaman con orgullo a súa identidade cultural e que desexan fortalecer os vínculos con aqueles outros que facemos o mesmo. 
Galiza conta con catro representantes: Henrique Monteagudo (en representación da RAG); Séchu Sende (en representación das escolas Semente e do Clube da Lingua de Vila de Cruces); Nel Vidal (que puxo voz a unha intervención escrita das Candongas do Quirombo e que defendeu un relatorio sobre o Apego); e Bernardo Penabade (en representación do Modelo Burela).

16/06/16

Máis anti-modelo

Un día do mes de xuño tocou ir traballar a Santiago e por iso houbo que deixar a cama e os lenzóis cediño para estar na capital á primeira hora. Certo é que o esforzo viuse recompensado polo reencontro con boas amizades das que un sempre aproveita para aprender de todo (nomeadamente do relacionado coa nosa profesión). Encontros así, aínda que breves, serven para que fagamos posta en común e acabemos tendo información importante para o exercicio da docencia nos PDC's, na FP Básica ou nos módulos plurilingües dos ciclos medios e superiores. E serven para recoller ilusión para novos proxectos.
Enfrascados nestes temas, ao acabar as tarefas oficiais, aínda viña ben compartir un café e así o fixemos. Mentres o tomábamos, soa o teléfono:

-Acabastes?
-Estamos niso...
-Pois non veñas aínda. Vas ter unha chamada. Acabo de pasarlle o número a unha muller que quere vir para a Mariña. Non ten outra combinación. A ver se agardas por ela...

Mentres arredor da mesa da cafetaría do Campus falábamos dun novo libro de texto ("estarás contento co libro que fixo a filla de Manuel Lourenzo!"), o teléfono soa de novo e é un número descoñecido, xustamente o da persoa anunciada.

-Buenos días...

Quen comunicaba era unha muller de, máis ou menos, vinte anos. Dicía que estaba saíndo do norte da ría de Arousa e confirmaba, con voz preocupada, que debía estar a media tarde na Mariña, que non tiña combinación... e que a ver se facía o favor de agardar por ela. E nese caso tocaba agardar.

E a esperada chegou á estación de autobuses de Santiago e xusto alí comezou a viaxe ao norte. A voz do teléfono non enganara. Tratábase dunha moza duns vinte anos, arousá do norte, estudante dun ciclo superior de formación profesional nun instituto da Mariña.
Cando case aínda non comezáramos a cruzar as primeiras palabras, recibe a chamada dunha irmá e a través do parcial da conversa percíbese que esqueceu algo importante na casa. Están combinando para facer o envío por transporte urxente, o mesmo tema que inmediatamente despois trata co pai, mariñeiro da ría, que acababa de entrar en porto.
Mentres a moza falaba, a cabeza recuperaba os momentos de ilusión vividos dúas horas antes cando falábamos do libro de texto de Cilha Lourenço ou do ensino plurilingüe nos ciclos formativos da FP. Mais aqueles momentos de ilusión chocaban coa realidade presente. Aquela moza que falaba primeiro coa irmá menor e despois co pai, traballador do sector primario, facíao nun código híbrido que resultaba autenticamente esperpéntico. Non só polo sistema vocálico, nin só pola nasal en posición implosiva, senón tamén pola prosodia. Na boca daquela moza con estética moi de 2016 o esperpento era o resultado da falta de simbiose dun léxico que choca frontalmente co ritmo da fala. 
Solucionado o tema do envío urxente, a conversa telefónica dá paso a outra conversa, a de dúas persoas descoñecidas que comparten viaxe.

-He olvidado la documentación de las prácticas de empresa y debo entregarla mañana por la mañana. 
-Non te preocupes. Na Mariña as empresas de transporte fan o reparto pola mañá. Por volta das doce xa a terás nas túas mans. Iso non é un problema. É máis problema que andas despistada...
-Algo despistada estoy, si
-Estiveche no Instituto...?
-Si!

Esas últimas palabras -as do despiste e as do instituto- chamaron a atención da interlocutora. Foi como se collese confianza. Mais ao mesmo tempo, acendéuselle unha lampadiña e caiu na conta de que o interlocutor non falaba o mesmo idioma que ela fala habitualmente. Despois de que un músculo da face lle dese un lixeiro latigazo, comezou a falar de novo:

- Coñeces o Instituto...?
-Coñezo, muller, coñezo!
-Tí es profesor?
-Son
-Eu nunca te vin por alí.
-Eu tampouco che dixen que traballase alí...

Entón o léxico pasou a estar en consonancia coa prosodia e o sistema de sete vogais pasou a ter sentido e as nasais implosivas estaban dentro do sistema. E o esperpento desapareceu e nin sombra deixou.
A conversa discorreu con absoluta fluencia e falouse moito: da oferta educativa dos centros da Mariña, do paso do bacharelato aos ciclos superiores, da necesidade de complementar os ciclos con outros estudos, da importancia das prácticas nas empresas... e mesmo de política municipal nun dos concellos da súa comarca. O condutor descubriu unha persoa reflexiva, seguro que moi responsábel na experiencia laboral que acababa de ter... unha persoa con boa base académica.

A constatación desa boa base académica, a constatación de estar cunha persoa ben informada, foi o que o entristeceu.

Como é posíbel que unha persoa lista, que tivo o privilexio de ser aluna de profesorado de primeirísima división, cuxa obra sobrancea nos círculos da renovación pedagóxica, acabe derivando nun esperpento andante? 
Que merda de ambiente temos? Como as familias acabaron caendo tan baixo? Como pode ser que un sistema escolar de pacotilla acabe eclipsando o labor da mellor renovación pedagóxica?
Como se pode entender que non teñamos sangue para reaccionar e deixar de lado tanta mediocridade?

-Foi unha viaxe moi agradable! Moitas grazas!
-Moitas grazas a ti. Que teñas moita sorte!!

12/06/16

Mercado do Souto, en Cervo: Modelo de boas prácticas


Unha convocatoria moi fácil de lembrar. Celébrase dúas veces por mes: os domingos da segunda e cuarta semanas. Durante o inverno, estase a cuberto nun pavillón, sen preocupación por se chove ou fai vento. Na primavera saése ao exterior, á Praza do Souto, xusto no corazón da vila, e o mercado é punto de encontro de quen vai vender, de quen vai comprar, de quen vai ver o ambiente e mesmo de quen pasaba por alí ocasionalmente.
A iniciativa da Asociación Karricanta é un auténtico modelo de boas prácticas. O modelo do que hai que facer. Por cima de todo, os mercados deste tipo son beneficiosos para as persoas que acudimos como clientas, porque alí están os produtos de máxima calidade, con orixe moi localizada e moi próxima, sen conservantes químicos (que non necesitan para nada) e, ademais, ofrecidos a uns prezos xustos. Mais o beneficio é recíproco, porque o mercado de proximidade favorece o sector primario, non só polo que comercien nese momento senón porque serve de escaparate dos produtos e propicia a identificación das persoas que os teñen á venda. Non se trata só de comprar nese momento concreto, senón de coñecer a oferta e de saber a onde ir, no momento en que nos sexa necesario.
Neste contexto de modelo a seguir, celebrouse unha actividade de grandísimo valor. Referímonos ao obradoiro "Creando con papeis", unha actividade coordinada por Álex Landim, un adolescente que combina os estudos coa dedicación a traballos ocasionais cos que contribúe é economía familiar. 


Ás once e media da mañá reuniunos arredor de dúas mesiñas de plástico, saudounos, presentouse, deunos catro instrucións e púxonos a colaborar. Como a actividade nos resultaba gratificante, a maior parte das persoas que se aproximaban para ver xa se implicaban e desa maneira pasamos de media ducia a unha ducia e dunha ducia a dúas. Había alevíns e alevinas, benxamíns e benxaminas, cadetes e cadetas, e xuvenís, e plenitudes e mesmo diferentes categorias de "senionrs". O caso é que primeiro observamos e despois practicamos. E démoslle ao palique e acabamos facendo amizades.
E o máis importante: a iniciativa foi moi boa para o emisor e para a comunidade destinataria. Fixemos integración. A auténtica, por ser bidireccional. Aprendemos, pasámolo ben e contribuímos a dar visualización a unha comunidade que leva moitos anos estando presente de xeito decorativo.
En resumo: moitas grazas, Karricanta! Fixestes o que había que facer. Agora hai que continuar.


03/06/16

UNIVERSALISMO COS PÉS NA TERRA. MÚSICA FEITA AQUÍ EN DIÁLOGO COAS MÚSICAS DO MUNDO

Israel Arranz acompañado por Lavilson R. Monteiro, Mouhamde Sakho e Álex Landim Correia
 na entrada do Instituto Perdouro 

- Despois do recreo temos a presentación dun disco na sala de música. Vai estar Israel Arranz para darnos a coñecer o Lémbrame de Marosa Jazz Project. Se queres, podes vir co teu grupo, hai sitio suficiente.

Obviamente, aceptamos o convite de Dolores, a profesora de Música. Tíñamos previsto aprender literatura castelá partindo de poemas interpretados por grupos moi coñecidos, mas adaptámonos e pasamos a aprender dun xeito aínda moito máis interactivo: o presencial.
No comezo do acto, Dolores fala tan pouquiño como claro e rapidamente nos situamos e sabemos quen é a persoa que nos vai dar a clase especial. Israel non fica atrás e en dous minutos faise co público e mesmo os meus alumnos e alumnas -tímidos- aceptan deixar os últimos asentos e pasar á primeira fila para observar mellor.
O músico móstranos o piano e o vibráfono e explícanos a historia deste. Tamén nos fala do xilófono e da marimba e con iso xa estamos metidos en materia. El é capaz de tocar e de explicar ao mesmo tempo e nós somos capaces de o seguir. Hai sintonía.
E como hai sintonía, explícanos o proceso de edición musical. Punto por punto desde o comezo. Preprodución. Produción e Posprodución. Fálanos de interpretación musical e de enxeñaría de gravación, mais tamén  nos fala de economía. E móstranos a imaxe do resultado final: o Lémbrame.
Nese momento preguntámoslle se ten algún alumno entre os presentes e, por fortuna, tíñao. Propoñémoslle que toquen algo ao vivo, para despois podermos valorar mellor a gravación. Obviamente, nada está preparado, mais o alumno é valente e responde á chamada.
Mestre e discípulo tocan xuntos, ao vivo, diante de alumnado de 3º e 4º de ESO. As condicións acústicas moi boas. Por que? Porque non se sente nin respirar. Soan tan ben que levantan os aplausos dun público que normalmente é frío ou moi frío. Como o nome do profesor xa o sei de memoria hai varios anos, reteño o do alumno: aprendo que se chama Sergio. Teño claro que non o vou esquecer.
A seguir, escoitamos a música e visualizamos as imaxes do DVD. Despois do que se nos dixo no relatorio, estivemos moi moi atentos aos créditos e comprobamos na realidade aquilo que uns minutos antes era teoría pura.
Como o ambiente era agradábel, houbo preguntas e entón Israel Arranz falou da súa experiencia nas orquestras de verbenas. Preguntámoslle e respondeunos. Evocou os seus quince anos e a combinación dos estudos no instituto coas actuacións nas festas e lembrounos iso mesmo durante o período dos estudos universitarios. Mesmo chegamos a falar de economía.
Nós aprendemos. É case seguro que Israel tamén.
Educación en contidos e educación en valores.
Moitas grazas, Dolores.