24/06/21
SELECCIÓN DE POEMAS
ANTONTE Antonte, nos comezos da alborada, Depois de longa noite de negrura, amostraches a Deus a fermosura de brillantes luceiros enxoiada. Feros ogros te tiñan maniatada -princesa namorada e sen ventura- E o bon Deus, ao mirarte desde a altura Condoeuse de verte encadeada. E, teimando de darche nova vida, P’ra que foses axiña redimida E tivesen remate as túas dores... Un fatado che deu de precursores Que, nobres, espallaron as ideas De quebrarche ferrollos e cadeas. | A OUTRO CREGO A ti bo sacerdote, que es cristiano E non fas comercio dos preceptos, Que procuras do ben facer adeptos Con doce e humildoso senso humano... A ti, que rendes culto ao soberano Creador, che tributo os meus afectos Con fraterno sentir e con respectos Porque tes un espírito franciscano. A ti, que non procedes con crudeza E demostras co nobre sinxeleza As bondades que tivo Cristo mismo... A ti, que tes a alma sen carraxes, Eu che rindo con gozo as homenaxes Porque sentes o don do cristianismo. |
EMIGRANTES Íanse como somas Polo camiño adiante Cos envurullos ao lombo, Como somas que foxen de si mesmas, Arrastre, lixadas polo amente, Deixando somas orfas nos seus vales. Íanse, pesarosos e doídos, Á cata de vieiros novos, En procura de novas terras Onde afincar cos sonos e os devezos; Ían en busca de cabana e chaila Onde pousar, e sementar garelos De millo novo, Teimando rexurdir Coas frontes enxoiadas De farnantes suores, Sen angustias, e libertos Do peso abafante Das vidas castigadas Por Deus e polos homes sen piedade. Ían á procura de horizontes E de xanelas novas Para poder ollar o ceo Non sempre debruzados encima dos carolos; Ían á procura da Liberdade, A Xustiza, e o pan dondo Que non tiveran na súa herdade Desde o fondal dos séculos choídos. Íanse, Pobres!, tamén sen decatarse Que, quizá, somente toparían As campas a rentes dos camiños, Sen lousas, sen bitafes e sen nomes: A morte, sen ter quen os chorase, O derradeiro sono, O total acougo A o infinito silencio... Sí. Todo o derradeiro. Lonxe! E o primeiro consolo, co non ser! |
No era suya la tierra, ni la caña, Pues todo dependía de un colono, Arrendatario este de un patrono: La Company sin faz y sin entraña.
Aquella, que acopió mucha campaña, Tenía en Nueva York dorado trono Y a guajiro espoliaba con encono Desde la urbe fantasmal y huraña.
Tampoco del guajiro era el bohío Donde niguas, jejenes y e impío Clima, lo devoraban, en concierto.
En tiempo de la zafra, sus peroles Cocían el tasajo y los frijoles Y, después, consumían tiempo muerto. |
O GALEGUISMO ADIANTE
Neste sentido,
nesta acción patriótica, non rexeita nin subestima a contribución das demais
entidades galegas de aquí, as que -por certo- cooperan ben con ela; mantén a
vinculación co Consello de Galiza, que -pola función específica que ten-
abranxe unha certa potestade que non pode ser descoñecida por ningún galego que
se aprecie de ser tal. Paralelamente, favorece o desenvolvemento doutras
entidades novas e préstalles o seu calor para que nelas vaian xerminando as
inquitudes mozas en favor da nosa Terra; tal é o caso das Mocidades Galeguistas
que, desde a súa fundación, veñen dando unha actividade digna de cálido aplauso
e sendo a reserva do galeguismo para o mañá.
O galeguismo comprende en si unha doutrina e un ideal que abarcan o político, o social, o económico, o cultural, o idiomático, o racial, o histórico, o xeográfico, etc, en todo aquilo que atinxe á nosa terra e en relación cos demais pobos peninsulares e, máis alá, aínda con todos os pobos do mundo. Mais tamén hai que crear unha mística galega, algo así como un mito relixioso que por deidade a Terra e o seu Pantheos, facendo da Terra mesma unha divindade a quen render homenaxes con fervososa emoción e sentimento de firme crenza nela e nos seus destinos.
O galeguismo teima soerguer, amplificar e estender os valores espirituais e morais do noso pobo, de xeito que eles, irradiante a todos os ámbitos do mundo, sexan coñecidos e aprezados e donen a tónica do noso ser racial e nacional, así como da nosa personalidade, sendo índice da capacidade dos galegos en todas as ordes e manifestacións viventes e vixentes, do que somos, do que valemos e representamos no concerto da humanidade. Xa se ten dito e repetido: Galiza, célula universal. E engadimos: Galeguismo: universalidade que, para o ser con sentido recto, comeza na Galiza e esténdese, como idea de liberdade, ao mundo todo.
O galeguismo é liberal e democrático, limpo de noxentas concomitancias con todo aquilo que negue ou pospoña a liberdade e a democracia, non somente na Galiza, senón tamén en calquera outro país; porque a liberdade e a democracia son esencias da vida mesma, se é que os seres humanos han de vivir con dignidade como tais.
En relación con Hespaña, o galeguismo é republicano e autonomista; mais, convén declarar, para que ninguén se chame a engano, que, se se nos furtando a República, ou, cando ela retorne, dentro dela se nos nega a Autonomía, o galeguismo ten de ser separatista, pois, non ficará outra alternativa. Sáibase isto e non se esqueza que os procesos históricos e evolutivos dos pobos non poden ser detidos; non hai que descoñecer estas cousas nin subestimalas. Alguén, con autoridade e acerto, dixo que esta é a hora dos pobos. E o pobo galego non pode estar fóra desta hora que xa está vivindo o mundo.
Os galeguistas como tais, individualmente e á marxe da institución de que formamos parte, temos absoluta liberdade para expresar os nosos pensamentos, en forma exclusivamente persoal, sobre outros temas, sen que por iso o ideal galeguista -ou a entidade que o acuvilla- se vexan comprometidos polos feitos ou palabras individuais (sempre, claro está, que non sexan indecorosos) e sempre que quen fala ou acciona o faga por el mesmo, sen atribuírse representación. Por este principio de liberdade e democracia que sustentamos na Irmandade Galega, os afiliados a ela podemos expresarnos libremente, con independencia, sobre calquera asunto, a título -repetimos- exclusivamente persoal. De non ser así, a Irmandade Galega non sería democrática nin liberal, estaría en desacordo cos principios que sustenta e cometería un atentado contra a liberdade mesma. Nin a Irmandade nin os seus afiliados estamos suxeitos a consignas que rebaixen a nosa personalidade e nos convirtan en escravos de dogmas alleos aos nosos puros sentimentos.
Isto, claro está, non autoriza ningún irmandiño a facer -ou dicir- cousas contrarias ao galeguismo, o cal -por outra banda- fica a cargo do bon senso de cada un; e todos temos a nosa responsabilidade persoal para non comprometer a da entidade.
Tampouco o dito autoriza ninguén para que, cando un membro da Irmandade, á marxe dela, emita un xuízo sobre tal ou cal tema, supoña que con el -ou por el- fala a Irmandade Galega, xa que esta fala sempre por si, por medio das súas autoridades ou das persoas que, en certos casos, exercen unha representación que lles foi conferida para fins determinados. Por outra banda, na Irmandade Galega non hai, nin pode haber, defencións. Non recuamos nin nos detemos.
A Irmandade Galega, o galeguismo en conxunto, mantén a súa liña de conduta rexa e firme, sustenta os seus ideais con claridade e non abdica dos postulados que vén defendendo desde hai moitos anos, mantén a solidariedade con todas as entidades que nos son afíns e persiste na loita contra o falanxismo hespañol, en defensa da democracia, da República e da Autonomía de Galiza. Non en valuto somos discípulos do noso inesquecido guieiro: Castelao.
(Avelino Díaz: A Nosa Terra, nº 498, outubro de 1955)
DISCURSO DE AVELINO DÍAZ NO ACTO INAUGURAL DA EXPOSICIÓN DE DOMINGO MAZA
Donas, irmáns e amigos presentes:
Xomo primeiro acto, como inicial desta Semana Galega que, en homenaxe ao espírito inmorente da patria, organizaron o Centro Ourensano e a Irmandade Galega, realizouse hoxe a abertura desta exposición de obras escultóricas dun grande artista galego, dun predilecto irmán noso que, sendo como quen di un morgado dos deuses, ten a virtude sublime de dar vida ás cousas inanimadas e facer que elas sexan expresión acabada da arte e tamén do espírito racialmente galego, que latexa no ser do artista que, desde a lonxanía do tempo e espazo, ten presente sempre a terra en que viu a primeira raiola de luz. Nada máis xusto e ningunha enerxía mellor empregada que a xustiza e a enerxía postas de manifesto neste acto polas entidades nomeadas, ao levar a cabo esta exposición porque ela significa, ademais de benquerenza, que se lle ten ao artista, o recoñecemento dos seus méritos como tal, o desexo de que sexa gustada polos estraños e pola nosa xente a obra magnífica que sae das súas mans feita vida e verdade deslumbrante, con proxeccións de eternidade. Nada máis xusto nin erecente de louvanza que o patrocinio desta exposición, nestas horas plenas de sentimento galego en que a nosa colectividade, afervoada de patrióticas inquietudes, fai refruir a súa espiritualidade e o seu amor desde aquí á Galiza inmorrente, en lembranza das súas derradeiras virtudes.
Non entra nos meus desexos deste momento -nin é o propósito das entidades organizadoras- o facer aquí unha presentación do noso grande artista, pois iso sería tanto como presentarvos un home xa está presentado, porque onde queira que el vaia, onde queira que se mostre a súa obra, Domingo Maza é ben coñecido, xa que no ambiente artístico deste país e no seo da nosa colectividade foi sempre -e segue sendo- considerado como un dos máis destacados escultores, como artífice da beleza, como un señor dono da graza, desa graza que a Natureza somente pon nas mans duns poucos escolleitos, pra que eles a transmitan aos demais seres, arrumada polo don divino e feita raiola de luz.
Domingo Maza xa fixo ducias e ducias de exposicións das súas obras e xa ten conquistada sona e fama de grande artista. Neste sentido, unha exposición máis pouco pode representar para el. Mais neste acto, neste abrente da Semana Galega hai algo máis que o feito de expor unha obra artística: hai o feito de que, sendo Maza un artista tan noso, tan galego, un novo ensino das súas obras dónalles xerarquía aos demais actos a realizar pola nosa colectividade. Domingo Maza, como home e como artista, exprésase en galego, con fondo sentido racial, con extraordinaria sensibilidade patriana, cunha obra que xa atinxiu o meirande crédito e que claramente que o artista -sen deixar de ser universal- é fondamente galego, que a súa obra expresa rotundamente a existencia dunha arte galega e, polo tanto, que existindo unha arte galega, existe un pobo, unha raza, unha nacionalidade diferenciada, unha personalidade ben definida, no concerto das comunidades humanas. Eis a obra de Domingo Maza, eis unha arte nosa e nela unha manifestación de existencia de todo aquilo que acabo de nomear, porque Maza, coa súa dedicación artística, dá fe da realidade vivente en todas as virtudes galegas que el ten dentro de si, como unha graza dos deuses e tamén como unha graza da terra en que foi nado.
El sabe de todos os segredos para dar vida latexante a unha madeira ou bronce ou mármore e a todas as materias susceptíbeis de ser convertidos en obra de arte, perenne, duradeira, endereitada na consecución das alturas próximas aos solios das divindades inspiradoras. Non é cousa miña o xulgar as obras de Maza desde un punto de vista artístico pola miña falta de capacidade para iso; fique iso para persoas de máis claro entendimento, mais eu son un profano; mais, si, como profano quixera eu facer unha eséxese da obra de Maza, diría tan só que abonda a simple contemplación desas tallas para que os espíritos se sintan en posesión dun ledizoso acougo e para que as almas voen plenas de felicidade, satisfeitas de ter gozado a presenza da sublime beleza, que trasunta a espiritualidade do artista e a concepción que el ten da arte, en fondura e en expresividade.
Domingo Maza entra pola porta ancha de todos os centros artísticos deste país, el dialoga con todos os grandes artífices da escultura e da pintura; el é ben querido por todos os seus colegas arxentinos; ten un nome ben acreditado nos ámbitos que con xustiza poden chamarse templos das artes aquí na Arxentina. Na Galiza ténselle considerado como un fillo predilecto e un escultor de altísima xerarquía. E Domingo Maza percibe sempre, nesta nosa colectividade, o latexar do noso fraterno amor e da consideración que se lle ten, como persoa, como artista e como galego; el entra sempre pola porta grande dos nosos corazóns.
Aquí, onde aletexa
o espírito do inmorrente Castelao, neste casal do Centro Ourensano, que é un
casal galego no que convivimos millares de galegos; aquí nesta nova exposición
das súas obras, poderemos nós preguntar primeiro e regustar despois a beleza
maxestosa das súas esculturas que nos traen reminiscencias antigas, sentimento
de patria e de raza, con voces ancestrais e telúricas que, xurdindo da terra
matria, chegan a nós ao traveso do espírito luminoso do artista, deste artista
tan noso e tan querido por nós, que case poderíamos dicir que, alen de o ser en
espírito, tamén é, materialmente, carne da nosa carne e sangue do noso sangue.
Aí están as efixies dos nosos patrianos, aí temos todo ese tesouro de grazas e
de beleza para alegrarnos con el. Aí temos as criaturas e o seu creador.
Gocemos con presenza daquelas e coa proximidade do artista, morgado de Deus
e predilecto irmán noso. E que el se goce, sabéndose rodeado da nosa
benquerenza e teña a satisfacción de engadir un novo loureiro aos moitos que xa
ten colleitados no seu proficuo e longo camiñar polos vieiros da arte.
(A Nosa Terra, nº
480, xullo de 1951)
CARTA DE AMÉRICA
Bos Aires, Xaneiro de 1952 e día 23
Ao Señor D. Xulio
Cachafeiro
Meira -Galicia-
Ben querido amigo:
Chegou a min, por man de Xosé
Benito, a túa carta con palabras de amizade e lembranzas de xuventude que, para
min, xa é fuxida. Respondo a ela na linguaxe da terra nai, que leva o meu
agarimo e os saúdos e respectos para os teus familiares e para ti.
Compráceme que teñan chegado a ti os
meus libros, que -se non son moi boa cousa- teñen ao menos a virtude de sinxeleza
e son expresión do meu amor á patria galega; eles levaron consigo unha
lembranza para ti co desexo de que esperten na túa alma o sentimento racial e
fagan xerminar no teu espírito as nobres inquietudes para ben da nosa terra,
desa terra á que eu quizais non voltarei xamais, mais que teño -e terei sempre-
presente no pensamento.
A outras persoas de Meira
remeseilles esta miña mensaxe poética -os dous libros-, mais somente ti me
respondiche. Penso que é certo aquilo do Evanxello: „Ninguén é profeta na terra
súa“. No entanto, a xente doutras comarcas -e descoñecidas de min- tiveron
palabras de agarimo para a miña modesta obra, (palabras) que deron ledicia ao
meu espírito, abondo amargurado certamente, por cousas que ti poderás supoñer.
Sigo escribindo e quizais logo
chegue a publicar outros tres ou catro libros de poemas galegos. A Academia
nomeoume membro correspondente; un dicionario bio-bibliográfico fai mención do
meu nome e agora penso que teño de merecer eses honores e para iso farei o posíbel.
Por hoxe nada máis. Os meus saúdos
para os teus seres queridos, lembranzas aos amigos de aí e unha aperta longa e
forte para ti do teu amigo dos tempos felices e de sempre.
Avelino Díaz
P.D. Non te
esquezas de facer que os „peques“ aprendan e falen sempre a nosa fala.