14/04/25

DECRECEMENTO


José López de Castro Sandoval


Coñecín o escritor Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política, nunha conferencia en Vegadeo, un día antes de que participase noutras dúas charlas na Casa da Penela e na escola de Arroxo. En todos estes actos falou de necesidade do decrecemento na nosa sociedade contemporánea e explicou a teoría económica contraria a aquilo que pide o capitalismo: crecer.
En vez de crecer, decrecer: bonita teoría e belas palabras. Así son as utopías. Podemos reducir o gasto nalgúns bens? Seguro que si, mais nun mundo onde todos os países están inter relacionados non é nin será unha tarefa fácil. Quizais en pequenas comunidades sexa posíbel aplicar estas políticas, mais eu non o vexo nun mundo complexo onde o consumo é unha regra fundamental. O profesor díxonos que o decrecemento debería ser unha tarefa xeral, por agora moi afastada: cantos partidos políticos levan estas ideas, estas propostas nos seus programas de goberno?
Dise que a fé move montañas, entón quizais tamén a teoría do decrecemento poda movelas. Creo que ao defender o decrecemento, Carlos Taibo aproxima máis o ser humano á natureza. Iso significa que no futuro coidaremos máis das plantas e das árbores e entón...todos os loureiros -non só o de Arroxo- crecerán máis felices.
Loureiro: condimento, fonte de alimentación natural.
 Foto: José López de Castro.


13/04/25

IRIS

Michel Stassart


Cando encendín a computadora e  conectei coa reunión do Curso de galego en liña, a sesión xa estaba comezada e vin que había unha persoa nova, descoñecida. Naquel momento estaba a falar a Fátima, que describía o que hai arredor da súa casa, desde onde escoita o son da corrente de auga  do río Eo.

Rapidamente souben que a nova participante no grupo de neofalantes chámase Iris e procede do norte de Italia. Díxonos que o seu primeiro idioma foi o ladino, moi diferente do italiano, e que tamén aprendeu alemán. Despois de vivir en Barcelona, ela e a sua parella había tempo que buscaban unha casa con terra e  atopárona en Devesos, unha aldea próxima a Ortigueira. Cerca desa casa hai un centro social con sede nun edificio que albergou a segunda escola laica de Galiza.

Iris ten unha filla e un fillo, que falan con ela en ladino, coa súa parella en catalán e cunha parte da familia materna en italiano. Agora estudan o galego e Iris aproveita a ocasión para aprender ela tamén. Apuntouse nas probas do Celga 2, que prepara pola súa conta e di que necesita practicar a fala. Queixouse de que os veciños esconden a lingua galega cando conversan con ela, salvo un dos directivos da asociación cultural A Devesana que lle facilita a integración na comunidade. 

Despois da nosa conversa con Iris, no resto da sesión falouse de hortas. A Fátima ten. O Carlos tamén; e a Andrea, que estudou xardinería, quere poñer en práctica os seus coñecementos, mesmo que sexa nunha bañeira.

Ao final, o mestre avisounos dunha actuación de Sole Felloza en Betanzos e convidounos a acompañalo para coñecer a cidade e para asistir ao espectáculo, organizado con motivo do vixésimo aniversario da asociación Roxín-Roxal.


Cartaz anunciador do encontro de neofalantes organizado pola asociación Roxín Roxal en Betanzos, onde estivo presente a comunidade da Escola de Arroxo.


Espectáculo "onde cabe unha lingua caben dúas", de Soledad Felloza. A gravación corresponde
ao encontro LGx15, organizado pola CTNL e celebrado no Teatro Principal en Compostela.



12/04/25

ESCOLA DE ARROXO: UN LUGAR ABERTO A TODAS AS PERSOAS SOLIDARIAS

Inauguración das actividades culturais na Escola de Arroxo. O día 1 de xuño de 2021, co confinamento aínda moi presente, celebrouse publicamente a recuperación da escola como centro cultural. A imaxe recolle o momento en que no patio convertido en xardín a alcaldesa Rocío López se dirixe ao público participante.



Carlos Pascual Garcés


Falamos con Rosa Espiñeira Pan. Queríamos saber onde naceu e díxonos que na Coruña. Inmediatamente matizou "son e síntome galega". No momento en que falamos do idioma, comentounos que na súa casa e no seu ámbito familiar e de amizades non se falaba en galego. "Na escola tampouco", enfatizou. No transcurso da conversa lembrouse dunha meniña de Malpica a quen castigaban por falar galego, o idioma que falaba de natural, e afirmou que aquilo lle ficou gravado para sempre: "aínda que non me dera conta daquela, co paso do tempo decateime de que o galego é o meu idioma; e decidín falalo e escribilo".

Despois do preámbulo, decidimos comezar esta entrevista que agora compartillamos coa audiencia. No primeiro plano a Escola de Arroxo e a Biblioteca Maravilhas. Despois o Curso para Neofalantes... e aínda moitos temas máis. Este é o resultado da conversa.


Rosa, cóntanos cando e como xurdiu a idea de montar unha biblioteca nun espazo rural como é Arroxo.

A idea xurdiu cando Michel e eu, de casualidade, demos coa escola nun paseo en dirección a Vila Nova. Pensamos en recuperala e para iso falamos con Rocío, alcaldesa de Lourenzá. Como o edificio levaba vinte anos restaurado, mais vacío de contido, pareceulle boa idea darlle vida e inauguramos a nova etapa o 1 de xuño de 2021. Levabamos xa moito tempo coa idea de facer algo nun lugar pequeno, así que foi unha sorte atoparnos con isto no camiño e nun sitio tan acolledor e fermoso como Arroxo.

O edificio escolar conserva algunha característica do seu pasado?

A escola data de 1959. Onde hoxe hai unha pasarela para acceder á biblioteca, antes había unha escaleira para subir ao que no seu momento era a vivenda da mestra. Digo "mestra" pois semella que por Arroxo non pasou mestre ningún. A estrutura da edificación vén sendo a mesma: na parte de abaixo era a escola propiamente dita e na superior estaba a casa da mestra.

As actividades realizadas na Escola de Arroxo reciben algún tipo de subvención pública ou privada?

O concello facilita o espazo e asume os custos da auga e a luz. Do demais solucionamos como podemos; cando hai algunha actividade, Michel e eu somos os encargados de limpar o local e de montar as mostras; tamén axuda Carlos, asiduo do lugar desde case os comezos; e Eva, veciña de Arroxo, colabora no que sexa preciso. Facémolo dunha forma desinteresada e porque pensamos que, en lugares pequenos, se poden facer cousas estupendas para case todo tipo de públicos.

Ademais da biblioteca, a escola conta cun espazo dedicado ás árbores. Cal é a intención dese espazo?

 O Arboretum é un espazo pensado para que haxa onde plantar árbores e que co tempo nesa zona se poida ler, pasear, gozar da paisaxe, da tranquilidade e da beleza nun bosque en consonancia coas persoas que aí queiran estar. Pensouse tamén para que persoas que veñan á biblioteca ou á escola por un feito especial, poidan deixar a súa pegada plantando unha árbore. Ao lado, nunha pedra, poñerase o nome e a data con letras pintadas. 

Que tipo de literatura se pode atopar na biblioteca?

Ao ser unha biblioteca persoal e moi particular, hai unha mestura de moitas literaturas e idiomas diferentes (galego, castelán, francés..), moitos libros de arte, ensaio, revistas -Triunfo, Viejo Topo, Ajo Blanco, Luzes, ...-, teatro, novela, contos para nenos e para non tan nenos, banda deseñada, historia… Hai libros para case todos os gustos e pódense mirar, tocar e levar para a casa. Anótase o nome da persoa e do que leva e non se pon un prazo moi curto para a súa devolución.

 Ademais da biblioteca, que outras actividades se realizan ou ofrecen nese espazo?

A biblioteca Maravilhas naceu para darlles unha segunda ou terceira vida aos libros. Arredor deles organizamos diferentes encontros e debates coas persoas que consideran que este é un lugar de encontro no que pasalo ben, para aprender e coñecer xente diferente e sempre seguir aprendendo cun mesmo, cos demais e co que se atope nos libros e nas persoas. As actividades son diferentes. Comezamos cunha festa o 1 de xuño de 2022. Nesa ocasión os editores Begoña e Vicente, de Media Vaca (Valencia) doaron á biblioteca os libros que faltaban para completar a colección. Seguimos coa presentación dun cd de Ugia Pedreira, Segmento Cantábrico, combinando intervencións da artista falando e cantando. Tivemos charlas de Gustavo Duch, Jeromo Aguado e Isabel Vilalba sobre "Colapso e mundo rural: reconectar co esencial"; sobre nutrición, con Paz Otero; unha mostra de xilografías de Luís Seoane; "Fóra medo", fotografías de Gonzalo (Carucedo) a xente da Polinesia; reproducións de "Humanos a Roya é um rio", de Baudoin&Troubs, coa presenza de Edmond Baudoin, que fixo un fermoso debuxo nunha das fachadas da escola; unha xuntanza de mulleres, organizada polo Sindicato Labrego Galego; unha mostra de epitafios; e presentacións de libros. Agora estamos no Curso de Lingua para neofalantes, con Bernardo Penabade como mestre. Son cousas feitas por amor ao que se fai e ao por que se fan.

A idea é continar.
Queremos seguir sendo un lugar pequeno no que poder facer cousas pequenas ou menos pequenas e aberto aos que queiran vir e estar. Temos un folleto en que aparecen todas as actividades feitas até o 27 de xaneiro de 2025 e tamén outro folleto en que recollemos algunhas intencións.

Nun dos laterais podemos ver o fermoso debuxo do que falabas antes. Cóntanos que representa.

O fermoso debuxo foi feito por Edmond Baudoin, escritor e debuxante francés de banda deseñada. En xullo de 2023, por casualidades da vida puido vir á escola. Participara en Xixón na Semana Negra, da que é invitado habitual. Aproveitamos a ocasión, convidámolo a vir e aceptou o convite. Foi un luxo. Baudoin é autor de moitas bandas deseñadas, unha delas traducida ao galego (Humanos a Roya é um rio), escrita, debuxada e viaxada con Troubs, outro autor francés. A representación pode ser diferente, depende de quen a mire, máis pode ser danza, movemento vida, ritmo, voo, natureza … 

Nunha das salas podemos ver unha colección de gravados con debuxos vinculados á figura de Luís Seoane. Ten algo especial que ver co espírito da biblioteca? 

No que era propiamente a escola, a sala de aulas, que está na parte baixa do edificio, facemos normalmente exposicións, pois as paredes préstanse para iso. Na actualidade hai unha mostra das reproducións de diferentes creadores que ilustraron dous libros de Luís Seoane: en 2010 publicouse Poemas alumeados, (leva un  poema-prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e cada composición vai ilustrada por un autor distinto, con representación de diferentes países;  en 2018 editouse Certezas alumeadas, con prólogo de Isidro Novo, diferentes escritos de Luís Seoane e ilustracións de creadores de orixes diversas). 

Estes dous libros saíron como agasallo ao escritor polo día do seu nacemento o 1 de xuño. 

Desde 2007 celebrámolo como un día grande para Galiza e o mundo, En 2021 comezou a relación de Seoane con Lourenzá cunha mostra nunca vista na Galiza nin noutro lugar: "Luís Seoane natural". Celebrouse na sala do Concello de Vila Nova e nela puidéronse ver óleos, gravados, libros e catálogos. Foi unha mostra modesta, máis moi completa e sempre co agradecemento a quen a fixeron posíbel. En 2024, con motivo da celebración da data de nacemento da súa compañeira Maruja (un 24 de xaneiro de 1912), celebrouse unha mostra de xilografías do propio Luís Seoane.  Na biblioteca Maravilhas hai moito libro e moita información sobre eles. A súa inspiración está no seu compromiso, nos principios polos que loitaron. No primeiro agasallo celebrado na escola de Arroxo-Lourenzá o 1 de xuño de 2021 quedaron só catro libros de e sobre Luís Seoane (Poemas..., Certezas..., Acerca da integración . .. , e Luis Seoane desde a memoria, de Fernández del Riego). O 1 de xuño de 2022 estes libros estaban igual que cando quedaron, polo tanto a biblioteca reúne unhas condicións boas para a conservación dos libros.

Qué personaxes ilustres pasaron pola biblioteca e qué pegada deixaron?

 Sen entrar a explicar o que pode ser ou significar "personaxes ilustres", todas as persoas que pasaron e que están a pasar pola biblioteca son persoas ás que se valora, a todas, sen nengún tipo de xerarquía. No folleto pódense ver os seus nomes; tamén no caderno no que van deixando as súas sensacións polo seu paso pola biblioteca Maravilhas de Arroxo-Lourenzá e outros dunha maneira máis visual. Lembro agora o debuxo de Edmond Baudoin; e no Arboretum, a polygala e carballo plantados en 2022 por Francisco Martínez López "El Quico", guerrilleiro berciano moi próximo aos 100 anos; o carballo plantado en setembro de 2023 por Xesús Alonso Montero; os pexegueiros de Cristian Caruncho, con motivo da presentación do seu libro Grandarroiba; e o loureiro de Carlos Taibo, que recorda a súa visita en marzo deste 2025.

Como cres que foi recibida esta iniciativa polos habitantes da zona?

Desde o principio, foron moi receptivos e gostan de que sexa un lugar con vida, participan das actividades que hai. Parécelles ben facer da escola un lugar aberto a todas as persoas solidarias e con ganas de saber e dar a coñecer as súas vivencias.

A Biblioteca Maravilhas acolleu a presentación dun novo disco de Ugia Pedreira. A imaxe recolle o momento en que se dirixen ao público a alcaldesa Rocío López, a dinamizadora cultural Rosa Espiñeira e a artista.

09/04/25

O FOGAR DO PAN


Oferta gastronómica do Fogar do Pan, na Coruña


Michel Stassart


Simón, o noso fillo, veunos visitar durante uns días e fomos á Coruña para estar con el. Un dos lugares polos que pasamos foi a “Tahona. O fogar do pan", en Mato-Grande, á entrada da cidade. Este barrio foi nos anos 90 un grande descampado cheo de felga e silvas. Aínda lembro pasear co Simoniño polas corredoiras que nos levaban a Eiris por entre algunhas pequenas leiras moi próximas do camiño de ferro. Case podo dicir que eran "as ribeiras do camiño de ferro" porque por ali o tren circula como polo leito dun río.

Esta tafona especial, que complementa o nome comercial coa explicación de que se trata do fogar do pan, ten na cidade 7 despachos de pan. A central, o local de toda a vida, onde abriu no ano 1948 e onde ten os fornos, sitúase na praza de Lugo e nel só despachan os pans feitos con fariñas de cereais variados e a súa extensa oferta de pastelaría. Nas outras tendas teñen cafetería, terrazas e ofrecen almorzos e  xantares.

"O fogar do pan" ten unha páxina web e os perfís das redes sociais redactados en galego. Dan o "Bo día" con café e bolería artesá, mais tamén o ofrecen doutras maneiras a escoller: con torradas, con biscoito (especial para amantes das larpeiradas) e tamén con "compango" salgado.

Aínda me esquecía de dicirvos algo fundamental: o pan está delicioso.