25/10/24

INTERVENCIÓN DE KARINA PARGA NO SEMINARIO DE ATENCIÓN AO ALUMNADO INMIGRANTE

Karina Parga durante a gravación do programa Proxecto Neo. FOTO: Lucía Rivas




O Salón de Actos da Faculdade de Ciencias da Educación, situada no Campus Vida, en Santiago de Compostela, acolle unha nova edición do Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante. Durante toda a xornada do 26 de outubro de 2024 haberá relatorios, obradoiros e unha mesa de experiencias e boas prácticas.
A intervención educativa Modelo Burela estará representada pola profesora Karina Parga. Da moderación da mesa ocúpase Irene Vidal Arnejo, do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); e tamén intervirán Mª Soledad Louro Lestón, do IES Plurilingüe de Ames; Mª do Carme Liñares, do CEIP Agro do Muíño, da mesma localidade; e  Laura Lorenzo Diz, do CEP Plurilingüe de Carreira (Ribeira).
Esta é a décimo sexta edición do Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, organizado polo grupo de investigación Esculca. Nesta edición, o foco de atención céntrase na abordaxe desta realidade dende o emprego das metodoloxías activas e a xestión educativa da diversidade cultural.

Nacida en Joigny (Borgoña; 1975), Karina Parga é licenciada en Filoloxía Francesa pola Univerdidade de Santiago de Compostela. Profesora de Francés no IES Perdouro, preside a Asociación Cultural Os Matos e participa na xestión directiva das Asociación Culural Modelo Burela.
Toda a información sobre o Encontro AQUÍ
Este é o PROGRAMA.

18/10/24

Os XXVI Encontros para a normalización lingüística apuntan que o galego alza o voo nas exequias

 

Abderrahim El Aziri Sounni (da Unión de Comunidades Islámicas); José Luís Zapata (do Consello Evanxélico) e Rubén Aramburu (da Igrexa Católica) acollen nas súas mans o Cancioneiro da Ajuda, como símbolo do diálogo entre culturas.


Un exemplar do Cancioneiro de Ajuda, o máis antigo e verificado dos cancioneiros da lírica galego portuguesa, presidiu a mesa dos XXVI Encontros para a Normalización lingüística, cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. Este libro, símbolo do período de esplendor da cultura galega, presentouse como fío de unión das diferentes confesións relixiosas que participaron nesta cita que puxo en evidencia o incremento de uso do galego nos ritos funerarios. Representantes das confesións relixiosas maioritarias que existen en Galicia (católica, evanxélica e islámica), xunto cos empresarios implicados en diferentes partes dun acto funerario...) destacaron que o galego gaña terreo nas exequias e que ven na lingua un fío de unión e de concordia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez destacou na inauguración o carácter de nexo desta cita e avanzou que nos vindeiros días se presentará un documento coas conclusións. Pola súa parte, Valentín García, secretario xeral da Lingua, destacou a importancia do uso do galego nun momento tan familiar e íntimo como é un pasamento. Os relatorios foron gravados e as intervencións pódense consultar no sitio web e as redes sociais.


Representantes das tres confesións relixiosas maioritarias en Galicia reuníronse no marco dos Encontros para coñecer a súa situación no que atende ao idioma. José Luis Zapata, en nome do Consello Evanxélico de Galicia, do que é pastor, explicou que a día de hoxe a igrexa evanxélica conta con 1.700 nenos e nenas matriculados en relixión evanxélica, que está presente nas cadeas e nos hospitais (xa hai capeláns evanxélicos). Lembrou que a primeira igrexa evanxélica se fundou na Coruña hai 150 anos e que despois viñeron Ferrol, Vigo, Marín, Celanova, Arteixo... “Con respecto á liturxia fúnebre, cando alguén falece pensamos que o que morreu está mellor”. O que nos preocupa é a familia e os que sofren a separación. Na nosa forma de actuar están os que teñen a perda. Houbo moitos cambios, os primeiros cemiterios civís eran evanxélicos e había que enterralos de noite. Pero, en que lingua? Depende da zona, pero o idioma predominante é o castelán. Con todo, describiu iniciativas de tradución ao galego de libros básicos para esta confesión relixiosa para os rapaces, “que serán os que tomen o relevo”.

Rubén Aramburu, sacerdote de doce igrexas de varias parroquias de Bergondo, explicou que ás novas incorporacións ao clero proceden do mundo urbano e non son galegofalantes, como tampouco o son os que chegan doutros países e que non entenden a nosa realidade cultural: “Onde máis penetrou foi na música que se canta nas igrexas”, apuntou Aramburu.

Abderrahim el Aziri Sounni, voceiro da Comunidade Islámica e secretario do Centro Cultural Islámico de Vigo, contabilizou en 40.000 os membros repartidos por toda Galicia en 33 comunidades. Explicou que esta entidade vela polos seus dereitos e celebra actividades culturais. Abderrahim, que explicou que aprendeu o galego vendo a serie de televisión Pratos combinados, contou que o 40% dos membros xa naceron aquí, mais non asumiron como propia a lingua galega. Con todo, a nivel de convivencia, afirmou, “quérennos copiar o modelo desde outras partes da península porque é exemplar".

A lingua e a relixión católica
“A relación entre a relixión católica e a lingua galega está entre o surrealismo, xa que a Igrexa non apostou pola lingua galega”, apuntou na súa intervención Victorino Pérez Prieto. Explicou que no ano 1965, cando o Concilio Vaticano II pediu a mudanza do latín polas linguas vernáculas na liturxia, “a xerarquía galega decidiu que non debería ser o galego, contra a opinión de moitos cristiáns.” “Cando se fixeron os grandes esforzos galeguizadores, nas décadas dos sesenta e setenta, xa era tarde”, apuntou, ao tempo que fixo un percorrido polas diferentes iniciativas galeguizadoras. “Hoxe xa dispoñemos dun misal galego e dos manuais dos rituais para os funerais e o enterro en galego. Só falta a vontade”, explicou. Pola súa parte, Manuel Regal engadiu algunhas razóns que explican a situación actual: non se elaborou nin se puxo en práctica ningún plan de introdución do galego na liturxia, diminuíron os transmisores do galego, así como a designación de bispos de fóra, e tamén a presenza actual de curas non galegos.

Presentación dos mapas de uso do galego
O xornalista David Canto Veiga fixo a presentación de dous mapas que recollen en panorámica o uso do idioma galego en diferentes concellos. Nun deles aparecen sinalados os máis de 140 termos municipais en que foi constatada a existencia de inscricións feitas no noso idioma -53 deles visualizados coa metodoloxía Modelo Burela-; e no outro aparecen recollidas as porcentaxes de uso, que oscilan entre o excepcional 0% de parroquias en proceso de despoboación total e o 20% de Rianxo e o Porto do Son ou o 17% de Castro de Rei.

O galego nos servizos funerarios
Pola tarde falouse dos servizos funerarios e da lingua empregada. Jorge Balado Blanco, da Asociación Galega de Servizos Funerarios, explicou que o uso do galego nas esquelas é baixo. Na súa opinión “temos un problema para normalizar a morte, e máis aínda na nosa lingua, porque se negocia todo en galego pero á hora de plasmalo, prefiren facelo en castelán”. Canda el, Manel Pardo, de Lindeiros, achegou a experiencia “de dúas décadas lendo esquelas en galego na radio” mentres que Ana Fraga, empresaria de arte floral deu un exemplo positivo, xa que apuntou que o 95% dos traballos florais encargados á Funeraria Fabeiro están en galego. Ademais, a responsable de Luz Verde Eventos, Rocío Vázquez, apuntou que o importante “é romper a barreira dos inicios, da reticencia inicial das familias por inercia e falta de costume”.

Finalizou a xornada de relatorios cunha selección de intervencións e recursos dinamizadores deseñados para o eido dos actos funerarios. Yoani Jartín Salgado amosou o tema “Visitas patrimoniais aos cemiterios de Meira”; Manuel Campos Sanmartín falou do “Día da Restauración da Memoria Lingüística”, e Marta Besada fixo a presentación da campaña “Galeg@ para sempre”. A xornada pechou coa ruta guiada “As mil caras da morte compostelá”, conducida por Manuel Gago, director do portal de divulgación cultural culturagalega.gal, que tratou o tema das culturas da morte na trama urbana de Santiago.

Os Encontros para a Normalización Lingüística
Os Encontros para a Normalización Lingüística celébranse desde o ano 1993 e consisten nunha xornada de periodicidade anual impulsada polo Consello, co obxectivo de promover e dinamizar o galego para toda a sociedade. En edicións anteriores tratáronse temas como a economía, lingua e sustentabilidade, a arte e a lingua como ferramentas de construción masiva ou a transmisión interxeracional da lingua galega. O CCG quere ser, deste xeito, un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición ao redor da lingua de Galicia e os diversos aspectos que a rodean: a súa sociedade, os seus retos e as perspectivas para o seu futuro. Os Encontros están coordinados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Susana Mayo Redondo, Bernardo Penabade Rei, Bieito Silva Valdivia, Anxos Sobriño Pérez, Marta Souto González e Xaime Varela Sieiro.



16/10/24

PRESENZA DA LINGUA GALEGA NAS INSCRICIÓNS FUNERARIAS

 O xornalista David Canto presentou os mapas que recollen as porcentaxes de uso por concellos


Segundo o estudo presentado o día 15 de outubro  nos XXVI Encontros pola Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega, os concellos con maior presenza de inscricións en galego nos cemiterios galegos son Rianxo (con algo máis do 20%), Porto do Son, Castro de Rei e Lourenzá (por volta do 15%).


MAPA DA PRESENZA DAS INSCRICIÓNS EN GALEGO





PORCENTAXE DE USO DAS INSCRICIÓNS EN GALEGO


No mesmo encontro, Bernardo Penabade salientou que "por fin, nos rituais funerarios o uso da lingua galega abandona o confinamento. Xa non serve aquela resposta estandarizada: “Aquí non hai nada”. Haberá máis ou haberá menos, mais haberá. E poderase saber desde cando e por iniciativa de quen".

O representante da iniciativa Modelo Burela, unha de cuxas liñas de traballo é a difusión da lingua galega neste tipo de inscricións, enfatizou que "a colleita non apareceu por xeración espontánea. É o resultado dun traballo intenso e prolongado de moitas persoas e entidades: a AFNL, co Día da Restauración da Memoria Lingüística e co En galego agora e sempre; e sempre co estímulo orientador de Xosé González Martínez, a máxima autoridade nesta materia; o Bienio Irmandiño; o apostolado de Irimia e Encrucillada; coa intervención dos diferentes servizos municipais integrados na CTNL; e mesmo co grupo Lápidas en galego, activo nas redes sociais, con intervencións moi destacadas de Estanislao Fernández de la Cigoña; Carme Varela; Soledad Pintos Peñaranda; Óscar Franco Barros; Isaac González; Miro Martínez Cerredelo e un longo etcétera".

Finalmente, agradeceu as colaboracións de Emma Pedreira, especialista, que acaba de publicar un libro dedicado a esta temática; o historiador Gerónimo Martínez, de Ortigueira; Diego Cabarcos, da Universidade da Coruña; o filólogo Brais Costas Fragueiro, da Unidade Pastoral Baredo-Belesar, de Baiona; Socorro Cea, de Melide; Mariña Area, de Cambados; Charo Baleirón, das Escolas Católicas; Rosa Espiñeira, da Escola de Arroxo (Lourenzá); Rosario Pérez Magdalena (do Consello da Cultura Galega) e do estudante Álex Quintáns, do instituto Agra de Raíces de Cee.




10/10/24

RADIO FOZ: ANXO RIVAS CONVERSA CON ANA FABEIRO

 Ana Belén Fraga Dorado (Alfoz; 1975) estudou Filoloxía galego-portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela (1993-1998).

Traballa na Funeraria Fabeiro desde o ano 2000. No 2006 pasou a ocuparse tamén de Fabeiro Arte Floral S. L., unha empresa destinada nun primeiro momento ao negocio das flores. Desde 2017 é xerente do grupo.

DAVID CANTO EXPLICA A VISIÓN PANORÁMICA DO USO DA LINGUA NOS RITUAIS FUNERARIOS

 

David Canto Veiga (Castro de Rei, 1988)

Criado en Burela até a idade adulta, comecei a interesarme na situación do noso idioma e a tomar parte activa na preocupación pola normalización, por interese familiar e a través do profesorado no ensino medio. Previo ao ensino universitario participo en certames literarios como o Trapero Pardo (3º premio en 2003 na categoría de 15 a 18 anos) ou na Semana da Galiza en Braga.


Conto coa licenciatura en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, o Grao Profesional en Gaita Galega polo Conservatorio Profesional de Vilagarcía de Arousa, así como o Mestrado de Profesorado. Na idade adulta desenvolvo de xeito interdisciplinar diversas actividades profesionais, desde o xornalismo ata o ensino musical, todas elas con forte compromiso na normalización en calquera que for o ámbito de acción. Desde 2022 traballo man a man na recompilación de datos arredor dos usos lingüísticos nos rituais funerarios, así como a difusión e coordinación dos traballos de todo o país.


09/10/24

Vivir e perdurar na nosa lingua

XXVI ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Consello da Cultura anuncia unha nova edición dos Encontros para a Normalización Lingüística. Para alén de Manolo Maseda e Bernardo Penabade, integrantes da comisión técnica que preparou o programa, a Mariña estará representada polo xornalista David Canto, que participará na sesión inaugural, e por Ana Fabeiro, con tanatorios e comercios de arte floral en Foz e Lourenzá, que participa nunha das mesas de debate.


NOVOS TEMPOS

“Aquí están os nosos ósos esperando polos vosos”, di o epitafio gravado en pedra na lápida que cobre unha sepultura do cemiterio de Sofán, en Carballo; esa é tamén a advertencia que figura na entrada do camposanto de Trobo, en Begonte. Máis ca polo fondo –a evidencia de que somos mortais–, o enunciado é rechamante pola forma: amosa a reversión do cambio de idioma imposto e feito costume nas comunicacións relacionadas coa morte. Durante cinco séculos, entre o final da Idade Media e o comezo do XXI, os cemiterios dos territorios de cultura galega foron campos vedados para a expresión escrita da lingua común ás persoas defuntas e ás súas familias. Nin rastro de certas palabras, feitas tabú nese contexto: nin “fillos”, nin “netos”, nin “xenros”, nin “noras”...

Mais esta situación anómala está a mudar. Se antes do ano 2000 era difícil visualizar palabras galegas na fitas de ramos ou coroas, nas mensaxes de pésame, nas necrolóxicas ou nas campas, nos últimos anos a estabilidade lingüística vai gañando terreo. De ser raro localizar un camposanto en que houbese un epitafio confirmando o rumbo certo cara ás mil primaveras máis, pasouse a seren excepcionais os lugares en que aínda non deu entrado, mesmo que sexa en pequenas doses, o galego escrito.

Como xa vén sendo tradición, o Consello da Cultura Galega convoca no outono os Encontros para a Normalización Lingüística como un espazo de diálogo, información, reflexión e proposición. Facémolo baixo o lema Vivir e perdurar na nosa lingua e, á vista de que o cambio social está acompañado dunha mudanza cultural significativa, promovemos o diálogo entre diferentes axentes sociais. Convidamos a reflexionar sobre a importancia da lingua escollida para os actos funerarios, coa presentación dunha visión panorámica das porcentaxes de uso neste primeiro cuarto do século XXI. Na primeira das mesas pretendemos mostrar como son os rituais funerarios nas cerimonias civís e nas habituais das confesións relixiosas maioritarias. No comezo da tarde, reuniremos diversos axentes que prestan servizos funerarios que mostrarán de que recursos dispoñen as empresas para atenderen a demanda de servizos en galego. O programa de relatorios finaliza cunha mesa de traballo na que se exporán iniciativas dinamizadoras presentadas por entidades públicas e privadas.

Despois das exposicións, a xornada remata cun relatorio de campo: en camiñada polas culturas da morte no escenario urbano compostelán, conducidos por Manuel Gago.

Esta peza audiovisual compila epitafios e mandas testamentarias recollidos de fontes históricas, literarias, redes sociais e proxectos dinamizadores. De maneira especial, de En galego, agora e sempre, da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia.