29/04/13

Semana de actividades Modelo Burela

A diversos coloquios co escritor madrileño Matías Escalera únese o concerto do grupo vocal “Son de Nós”
O mes de maio comeza con intensa actividade na axenda do Modelo Burela. O escritor madrileño Matías Escalera participará en diversos eventos de divulgación da lectura e o grupo vocal “Son de Nós” oferecerá na Igrexa da Vila do Medio o concerto “Os Camiños da Lingua”.
As actividades comezarán o próximo día 2 de maio, coa participación de Matías Escalera nunha sesión extraordinaria do clube de lectura que se reúne na Biblioteca Municipal. O escritor comentará diversos aspectos da súa obra cun público que durante estes días estivo lendo unha de recente publicación, o volume de relatos titulado Historias de este mundo (Baile del Sol. Tenerife. 2011).
O mesmo escritor manterá encontros co alumnado de bacharelato dos institutos da localidade. Será ás 9:20 horas no IES Monte Castelo e no IES Perdouro ás 12:20.
O mesmo venres, ás 20:00 horas, o acto de animación á lectura celebrarase na Libraría Nobel (Espazo Lector), onde –ademais da do autor- se conta coa presenza de representantes do Proxecto de Innovación Lingüística e do Clube de Lectura así como da profesora Julia María Labrador Ben.


No Camiño da Lingua (Concerto Modelo Burela )

 O sábado día 4, ás 9 da noite, a Igrexa da Vila do Medio de Burela converterase nun auténtico paraíso para melómanos. O Grupo Vocal Son de Nós ofrecerá, coas pinturas medievais como privilexiado tapiz de ambientación, un concerto que leva por título "Os camiños da Lingua" e co subtítulo "Concerto Modelo Burela". Unha vez máis, coa interculturalidade como fío condutor, o Modelo Burela continúa fomentando a comunicación entre escola e sociedade, e neste caso faino a través do labor de músicos profesionais. Son de Nós, un septeto vocal dirixido polo Maestro viveirés Plácido Travieso Fernández (Viveiro, 1972), preséntase en Burela despois dos éxitos recollidos en diversas actuacións, entre elas tres na Mariña: na Igrexa do Vicedo, no Conservatorio de Música de Viveiro -con motivo da presentación dun novo libro do escritor Séchu Sende- e na Semana Santa da parroquia de San Martiño.

15/04/13

Concerto intercultural con Evinha e Nos Bandeira

Aquí deixámovos unha completa reportaxe fotográfica do acto musical a cargo do Dpto de Música celebrado esta tarde no patio do IES Perdouro con Evinha, Nos Bandeira e o alumnado de 3º e 4º de ESO. 
Agradecemos a colaboración do alumnado do Ciclo Medio de Electrónica por encargarse da parte acústica da celebración.

Todo un éxito!!

12/04/13

Concerto intercultural con Evinha

O próximo luns, día 15 de abril, o Instituto Perdouro comeza a serie de actividades coas que tradicionalmente celebra a temporada das Letras Galegas. Ás 17:10 horas, o patio do centro educativo transformarase en recinto festivo para acoller un acto que sintetizará palabra e música.
Está previsto que o espectáculo comece coa interpretación dunha peza musical por parte de alumnos e alumnas de 4º de ESO. Seguidamente, as integrantes do grupo caboverdiano “Nos Bandeira” -rama xuvenil de Batuko Tabanka- interpretarán dúas pezas: unha de danza e outra do tradicional batuko do seu país.
O prato forte da xornada chegará inmediamente despois, coa actuación dunha artista convidada: a luguesa Evinha, que hai unhas semanas estivo impartindo no centro un obradoiro de Música. Esta moza que busca seguir os pasos da eurovisiva Lucía Pérez estará acompañada polo alumnado de 3º de ESO na interpretación de tres cancións.
Este acto musical servirá de actividade práctica para o alumnado do ciclo medio de Electrónica, que se ocuparán da instalación e a atención dun equipo de son que “puxeron a punto” nestas últimas semanas.

04/04/13

Obradoiro de música

Estas imaxes corresponden ao obradoiro organizado polo departamento de Música e dirixido a estudantado de 3º e 4º de ESO. A convidada foi Evinha Cagide, unha moza luguesa que se dedica á docencia no Centro Rossini e que participa no concurso Recantos da TVG. A actividade celebrouse no IES Perdouro de Burela o día 20 de marzo de 2013. Ademais dunha grande artista, Evinha ten moi boas cualidades para o ensino. Sabe adaptarse moi ben ao público.
Nestas imaxes vémola e escoitámola cantar o Vals das Bolboretas coa participación do alumnado. Na mesma sesión ensaiaron con Evinha e Dolores Otero outras dúas pezas: Pídechas o corpo (de Ana Kiro) e Alecrín, en versión galega. As imaxes foron gravadas por Matías Nicieza.